Uns vão bem e outros mal

[Xoán Costa]

Así cantaba Fausto en 1977. Lembran? A canción ten plena actualidade en asuntos como a connivencia dos partidos de dereita e extrema dereita, tamén dos socialdemócratas, coa industria de enclave e o espolio do territorio. Mais aí iremos outro día. Agora toca mostrar como o PP desprestixia os informes e ditames de órganos contemplados no noso ordenamento xurídico cando non son favorábeis aos seus intereses económicos ou ideolóxicos, caso seren diferentes. Pensemos no Consello Consultivo e no Consello da Cultura Galega, ambos con capacidade para elevar aos poderes públicos da Comunidade Autónoma informes e propostas. Lembremos dous deses ditames e a reacción do PP. 

O Consello de Consultivo ditamina sobre a Lei de amnistía. O informe é xuridicamente impecábel, di o PP, e confirma – xa o dixera antes Rueda- que a Lei quebra o principio de igualdade territorial. Manda truco! Nen que se amnistiasen territorios en vez de persoas!
O Consello da Cultura, no informe sobre Altri, cuestiona a decisión de implantar unha celulosa na Ulloa porque pode supor unha quebra territorial importante dada a estrutura económica e demográfica da zona. Para o PP, vía Millán Mon e Adrián Vázquez, eurodeputados, é un informe político feito por non especialistas. Xa vemos que en cuestión de informes e ditames, uns vão bem e outros mal...