Urxencias e burocracias

[Alberte Mera]

Anunciou onte o conselleiro de Sanidade catro plans de futuro para mellorar o Sergas. Para el, os problemas que ten a sanidade galega son exclusivamente do Goberno español, como se as competencias nesta materia non fosen da Xunta da Galiza. "A Consellaría non fabrica profesionais sanitarios", dixo a semana pasada, para aseverar que "a fábrica está no Goberno estatal". Non son tampouco materia da Xunta da Galiza os orzamentos de Atención Primaria e Hospitalaria entón? Non é culpa do Executivo galego que a Galiza estea ao final da cola do Estado en investimento en benestar e servizos sociais? Non é a Xunta da Galiza quen entregou á sanidade privada perto de 226 millóns de euros en 2022, último ano con cifras -datos por certo presentes no informe de fiscalización do Consello de Contas-? Unha achega á privada que por certo representou un incremento de 2% en relación co anterior exercicio.

A palabra desburocratizar, coa que a Xunta da Galiza bombardea nestas últimas semanas e que onte empregou como eixo do seu discurso no Parlamento o conselleiro de Sanidade, entra ben polos ouvidos. Todos odiamos ter que agardar e facer requirimentos longos e moitas veces inútiles. Soa ben, si, menos burocracia e acurtar as esperas. Ora ben, as esperas, as das listas de agarda sanitarias, diso mellor non se fala...