Valonia e Galiza, o CETA e a AP9

Esta semana foi extraordinariamente ilustrativa para quen, despois de observar a vida nacional galega, aínda sosteña que a cuestión de canto poder político podan chegar a ter as institucións políticas da Galiza é un asunto menor. Case de forma paralela no tempo, vimos como o parlamento valón mantiña o seu non á asinatura do tratado internacional entre a UE e Canadá -o CETA, polas súas siglas inglesas- e vimos tamén como unha escueta comunicación da Moncloa á Mesa do Congreso dos Deputados bastaba para inviabilizar a tramitación -xa non a aprobación, a simples tramitación- dunha proposición de lei do Parlamento da Galiza que conta co apoio unánime da cámara, a da transferencia á Xunta da AP9.

Aquelas e aqueles que poñen o acento nas loitas sociais abstractas como se estas se desenvolvesen no baleiro e non en espazos políticos concretos deberían tomar nota dos argumentos esgrimidos por Valonia á hora de bloquear, polo de agora, o acordo con Canadá. É prexudicial para un dos seus sectores produtivos, a agricultura (isto debería soarnos de algo na Galiza), e concede demasiado poder ás multinacionais en detrimento de dereitos sociais tan básicos como o da saúde, o respeito ao meio ambiente ou o traballo en condicións de suficiente dignidade. Vemos aquí como o nacional e o social son dúas caras da mesma moeda, sen soberanía non é posíbel o benestar.

Toda unha lición de por que é básico, face o capitalismo globalizado, dispormos de ferramentas políticas propias para defender os intereses básicos de sociedades que, deixadas ao albur do mercado monopolista, non terían ningunha posibilidade material de defender os seus dereitos.

E mentres Valonia mostra como combater desde a política democrática o omnímodo poder do capital transnacionalizado -sexa este en forma de multinacionais canadianas ou norteamericanas-, Galiza vese imposibilitada de facer algo tan modesto como conseguir a tramitación dunha iniciativa parlamentar. Isto debería mudar en breve espazo de tempo.