O que se xoga Galiza nesta campaña

Esta sexta feira 4 de decembro, ao fío da medianoite, comeza a campaña das eleccións lexislativas españolas.


Esta sexta feira 4 de decembro, ao fío da medianoite, comeza a campaña das eleccións lexislativas españolas. Está en xogo a formación dunha maioría parlamentar que poda relevar o actual goberno do PP. Está en xogo a permanencia do sistema de partidos do réxime do 78, caracterizado por un bipartidismo imperfecto con frecuencia respaldado polo nacionalismo de centrodereita vasco e catalán. E está en xogo tamén a capacidade de Galiza intervir con voz propia no escenario do Estado. Esa variábel é desde logo a que máis nos debería preocupar como galegas e galegos. Infelizmente comprobamos que no debate público -no dos mass media dominantes, mais tamén na emisión de mensaxes por parte das forzas políticas- esta chave apenas se abre paso, sepultada por unha faramalla discursiva arredor do jihadismo, o desafío catalán ou os salarios dos inquilinos (todos eles masculinos) da Moncloa. Hai unha excepción, a de Nós Candidatura Galega. Unha voz que tenciona colocar Galiza na axenda e no debate.

Pensamos que á hora de decidir é ben que se teña en conta, antes do máis, a perspectiva e os intereses galegos

A estas alturas da carreira cara ao 20D é unha evidencia que non hai no Estado masa crítica para producir unha transformación radical do modelo de 1978. Até Podemos arriou a bandeira ao advogar agora non por un proceso constituínte, senón por unha mudanza da Constitución. As forzas estatais non propoñen sobardar o marco, senón administralo, advogando como máximo por algunhas reformas para encaixar Catalunya. 

Sendo así, o verdadeiramente relevante para a sociedade galega é que o país apareza no cenario e os seus intereses sexan tidos en conta, non como a facción ou a sucursal dun grupo organizado (en rede ou non) no ámbito do Estado, senón como nación. Iso e non outra cousa é o que, desde unha perspectiva galega, se pon en xogo na campaña.

Todos os estudos demoscópicos disponíbeis indican que estes 15 días servirán para despexar dúbidas e decantar indecisións. Pois ben, pensamos que á hora de decidir é ben que se teña en conta, antes do máis, a perspectiva e os intereses galegos.