“Morreu o demo, acabou a peseta!”

Meus amigos: eu son Barriga Verde. Vello e neno ó mesmo tempo. Non cambio nunca. Hai séculos que ando por Galicia. Xa me coñeceron vosos abós i os pais dos vosos abós . Tamén me han de coñecer os vosos netos i os netos dos vosos netos. Son o de sempre. Nin me fago máis novo nin máis vello. Cando sinto o frío, pra me quentar, trago un pouco de estopa acesa. E fico como novo. Podédesmo crer. ¿Sabedes por que non envellezo? Non, non o sabedes. Eu volo direi. Pero non me descubrades o sagredo. Eu tiña un fermoso reló de ouro. Iste reló marcaba o meu tempo. Entón decatéime de que o reló era o meu nemigo. Fun e...¡plum!..., cun martelo desfixen o meu tempo. (Fragmento de Barriga Verde de Manuel María).

Dáme mágoa saber que Barriga Verde non é coñecido nas novas xeracións. Por iso gustaríame transmitirvos a súa importancia para que “os vosos netos i os netos dos vosos netos” saiban quen é.

Xosé Silvent Martínez, máis coñecido como “Traga estopa” en Lugo ou “Xosé o dos bonecos” en Pontevedra, foi o pioneiro máis importante do espectáculo de monicreques en Galiza durante a primeira metade do século pasado.

Referireime a el neste artigo como Barriga Verde, o seu personaxe máis coñecido e que máis tarde identificaría a Silvent.

De pai francés e de nai estremeña, Barriga Verde coñece o oficio do espectáculo en Portugal e os seus coñecidos bonecos tradicionais, os “robertos”. Tempo despois cruza a fronteira para asentarse en Pontevedra, onde casa con Emerenciana Fernández Gómez. A parella terá oito fillos, os cales, xunto coa nai, recrearán os personaxes que precisaba o seu pai para os espectáculos que ía dando por toda Galiza, sobre todo nos dias de festa como nas do San Froilán en Lugo, as do Apóstolo en Compostela, as Peregrinas de Pontevedra, as festas de Agosto na Coruña ou nos Caneiros de Betanzos. Estes espectáculos estaban protagonizados pola figura de Barriga Verde, o cal se enfrontaba aos seus inimigos (o cura ou o demo) coa súa coñecida cachaporra e acababa a escena coa frase “morreu o demo, acabou a peseta!”

Para moitas persoas, estes espectáculos de monicreques que se dan até os anos 60, foron o único pasatempo do mes. Como ben sabedes, a posguerra en Galiza foi terrible. É certo que afectou brutalmente eidos como o económico ou o demográfico pero non é comparable ao dano que fixo psicoloxicamente nas galegas. Barriga Verde intentou introducir as gargalladas na xente até nas tempadas máis frías nas que substituía a barraca polo proxector, dando á súa vez, a oportunidade de poder gozar dunha representación de cine.

Escritores como Manuel María conseguiron que non se perdesen as súas obras, as cales son representadas na actualidade na barraca máis coñecida de Barriga Verde, “o pabellón da risa”, reconstruída pola compañía Viravolta Títeres.