Ás voltas con 'O obxecto muller e o xiro ontolóxico'

Unha pregunta necesaria: que é ser muller?

Supoño que poucas persoas ás que criaron como mulleres, porque as rexistraron nun documento como tales, non se preguntaron algunha vez que era iso de ser muller. Non por unha curiosidade innata do suxeito nin por ningún xene específico que teña que ver cunha teimosía insá. A pregunta xorde espontánea nalgún dos moitos momentos nos que se reciben instrucións que normalmente van acompañadas de "as mulleres fan, deben, son" ou, máis ben, "as mulleres non fan, non poden, non son".  

Unha revisión do marco

Foron sobre todo os discursos da posmodernidade os que se achegaron á cuestión, fundamentalmente por unha coincidencia no tempo co final do que se coñece como segunda onda do feminismo e a terceira onda. O cuestionamento dos dogmas resultou especialmente útil para deconstruír o nomos do patriarcado, un outro relato, e propor, desde unha perspectiva moitas veces ética, unha alternativa de como ser muller e de como deberían ser as relacións entre mulleres e homes. Mais a ética e a preceptiva, o que se debe ser, non é o mesmo que o que existe. Esa hexemonía do coñecemento sobre o que é, levada ao límite, podería supoñer que só hai ideas, que cada quen ten as súas e que estas suplantan as cousas. Intencións a parte, para a existencia, que é ser muller? Unha idea?

A volta á ontoloxía
A finais da primeira década do século XXI, e despois de que xurdisen críticas ao relativismo extremo ao que conduciu o posmodernismo, comeza a abrollar no ámbito filosófico unha volta á ontoloxía, á preocupación polo que existe máis alá das interpretacións. O realismo especulativo ou novo realismo pon a atención nos obxectos que forman parte do mundo. Obxectos que serían independentes dos eu que os pensan. Isto parece lóxico para o que Maurizio Ferraris denomina como obxectos naturais, aqueles que existen no tempo e no espazo sen necesidade de que exista o ser humano, por exemplo, as illas Cíes. Tamén para os obxectos ideais, aqueles que existen fóra do tempo e do espazo e que tampouco precisan da existencia de ningún suxeito, como a lei da gravidade. Mais Ferraris engade a existencia, exactamente igual ás outras existencias, dos obxectos sociais, aqueles que existen no espazo e no tempo e que nalgún momento dependeron dos seres humanos, como as multas ou o estado francés, mais que, desde o punto de vista ontolóxico, son tan autónomos como as Cíes. O que sustenta tal existencia é o sistema de inscricións, que sería igual de material no que respecta aos sedimentos xeolóxicos do Courel como aos rexistros dos que emerxe unha multa. Markus Gabriel engade algo máis. Ser algo é ser nalgún sitio, nun ámbito ou campo de senso, de aí que haxa moitos mundos. As Cíes existen no campo de senso das illas e os unicornios do campo de senso dos animais fabulosos. Mais para a existencia os dous son exactamente iguais e os dous están conformados polos feixes de sentido, as inscricións de Ferraris.  

Ser muller e onde

O que se trata de establecer en O obxecto muller e o xiro ontolóxico é que ser muller tamén é ser un obxecto. Pero non un obxecto natural, é dicir, un obxecto no campo das especies, xa que a morfoloxía xenital non é un feixe de sentido que nos diferencie doutros obxectos animais, como non o é a cor de ollos. O único sitio onde existe a muller é no campo de xénero, un campo cuns obxectos que Ferraris catalogaría como sociais e que varían en función das interseccións que se producen entre o campo de xénero e o campo da lexislación estatal, de aí que o sentido director, o que garante a existencia do campo, sexa a documentación. Mais que sexa social non significa que non exista. Posúe unha materialidade, a serie de inscricións, que permite que emerxa como obxecto en pé de igualdade aos outros obxectos da realidade. Así, o libro trata de describir que é ser muller, onde se é muller e cales son as inscricións que sustentan esa existencia. Mais tamén se explora se hai máis obxectos no campo de xénero que o obxecto muller e o obxecto home, se ser muller é ser un obxecto emendable ou non, ou se existe o obxecto muller obxecto.