Austericidio

Cando chega ese día en que, como ben di unha amiga miña á que lle debo estar escribindo estas liñas, non hai nada que celebrar...

Cando chega ese día en que, como ben di unha amiga miña á que lle debo estar escribindo estas liñas, non hai nada que celebrar... sempre me pregunto por que nos enchen de imaxes ateigadas de mulleres vítimas de maus tratos físicos, de milleiros de mensaxes de 'Non cales', de actos e palabras contra as malleiras, os paus, os insultos, as violacións. 

"O verdadeiro xermolo de todo o que arrodea o porqué conmemoramos esa data é a IGUALDADE. E o que deriva dela. É precisamente a orde e a estrutura social na que nacemos as mulleres, a que establece que sexamos xénero minorizado"

Non me entendades mal. Por suposto que loito e loitarei até que nin unha soa muller máis morra asasinada polo facto de selo. Loitarei porque todas e cada unha delas, de NÓS, saiba e poida fuxir de calqueira insulto, agresión, control machista. Serei apoio e serei alento, eu, entre moitas e moitos. Pero a miña reflexión vén dada porque desde hai moitos anos parece que o que é máis obvio para reivindicar o 25 de Novembro queda desvaído perante actos simbólicos, laciños lilás, debuxos escolares, poemas colectivos. 

O verdadeiro xermolo de todo o que arrodea o porqué conmemoramos esa data é a IGUALDADE. E o que deriva dela. É precisamente a orde e a estrutura social na que nacemos as mulleres, a que establece que sexamos xénero minorizado, que partamos dunha desigualdade estrutural e por iso se desenvolven moitos tipo de violencia ao que nos temos que enfrontar a vida toda. 

Por iso me enche de carraxe que no día no que máis alto, se cabe, tiñamos que ter berrado contra toda a violencia que nos axexa e persegue sexa o día no que a dereita quixo e case conseguiu silenciar a rebeldía irredente contra todas as violencias machistas. Como ben dicían as mulleres de Ve-La Luz, están, estamos, cansas de tanto silencio, de tanto minutiño de silencio tan típico nos nosos Concellos. 

Fago miñas as súas palabras cando din que é o día dos “guapos” e “guapas” que rachan coas vestimentas un instante e logo as enterran, ás vivas e ás mortas. Esa parafernalia simbólica serve para silenciar as outras violencias, a institucional, a da linguaxe, a ECONÓMICA. Entre outras moitas. É precisamente esta última, a económica, á que me quero referir e na que quero por énfase. De nada serven os bonitos xestos se detrás deles se exerce unha violencia estrututal en forma de retallos, de austericidio. 

"Eu prefiro ter ideoloxía, a miña, e berrar e loitar ben alto todos os días até que ninguén me aminore por ser muller nin a min nin a ningunha. Porque namentres a opresión contra a muller exista polo mero feito de selo, existe a violencia de xénero".

Que significa senón o desmantelamento da Lei da Dependencia? Unha agresión á figura da coidadora. Que si, adoita ser unha muller. Que significan os retrasos no pago do Salario da Liberdade? Pechar a porta á fuxida efectiva da situación de maltrato. Que veñen dicir as cifras dos Orzamentos do Estado e da Xunta en materia de Igualdade para o vindeiro ano? Veñen a dicir 'servizos prescindibles'!! 

Se a estes poucos exemplos, habendo milleiros, engadimos a violencia lexislativa, a xudicial e até a que se dá no eido educativo, fican miles de razóns polas que non gardar nin un só segundo de silencio. Ante as agresións aos nosos dereitos sexuais, que imos dicir? Esto non é o que se vén reivindicar os 25 de Novembro? É cando é o día, meus señores e señoras? Cando ao día seguinte deteñan máis mulleres que saen na súa mentres quen as agrede fica na rúa bramando mensaxes do medievo? 

Podemos ollar para outro lado se pensamos nas taxas xudiciais ou na nova Lei de (Mal)Educación, que consagra a segregación por sexos grazas aos nosos impostos ou a reforma Local que pode por fin aos CIMM. Pódesenos encher a boca de verbas lindas de baleiro contido. Podemos tintar o día de lilás. Podemos seguir crendo nesa máxima que di que neste día non hai ideoloxías, que a loita contra a violencia de xénero é cousa de todos e todas. 

Eu digo non! Non hai acaso ideoloxía en todo o relatado antes? En todas esas formas de violencia gobernamental? Sempre me asustou moito todo aquel ou aquela que falara neses termos de non-ideoloxía, non ideoloxizar os días, nen as conmemoracións. Ese teimar en desideoloxizar lévame inevitablemente aos tempos do feixismo, cando Franco recomendaba non meterse en política e o sindicato era un e vertical. 

Tempos de tortura e violencia extrema. Eu prefiro ter ideoloxía, a miña, e berrar e loitar ben alto todos os días até que ninguén me aminore por ser muller nin a min nin a ningunha. Porque namentres a opresión contra a muller exista polo mero feito de selo, existe a violencia de xénero. E namentres non se acade a equidade e a xustiza social non poderemos chamarnos iguais.

(Este artigo foi escrito co gallo do 25 de Novembro)