Atención comunitaria

Esta semana sufrín de preto dúas situacións que me parecen moi significativas da deriva que está tomando a atención primaria e como nos estamos a afastar cada vez máis das atribucións que se supón que debería ter. Por unha banda, unha familia próxima tivo que vivir como unha persoa anciá e con problemas de mobilidade non podía recibir atención no centro de saúde a carón do seu domicilio porque a única médica que presta servizo alí confesoulles que se atopa saturada e que fai horas de máis todos os días.

Podían esixir ser atendidos nese dispositivo, pero comprenderon que as condicións desta profesional non eran as axeitadas. Pouco despois, eu, persoalmente, tiven dificultades para programar atención domiciliaria de enfermería para un paciente polos mesmos motivos: sobrecarga dos servizos, imposibilidade para cubrir domicilios porque non se contempla o tempo extra que supón, axendas con varias citas programadas para a mesma hora…

Todo isto redunda en que a medicina de familia e comunitaria non poida facer unha labor nin nun sentido nin noutro, e se converta en mera xestión de recursos: derivación a especialistas, prescrición e atención de urxencia. Precisamente o que menos debería importar en atención primaria. Ese traballo urxente impide facer o importante, precisamente o que exemplifican estes dous casos: abordaxe do paciente complexo, como pode ser unha persoa fráxil e de idade avanzada, atención domiciliaria, prevención, educación en saúde. Todas estas intervencións implican tempo, pero son infinitamente máis eficientes que atender a pacientes a salto de mata, poñendo parches e sen a calma suficiente para ter unha visión global e integradora de cada caso. A xestión sanitaria moitas veces adoece dunha visión curtopracista que non debera ser a que rexe a planificación.

Medicina de Familia non se chama dese xeito só porque a profesional poida atender a varios membros do mesmo grupo familiar, senón porque coñecer o núcleo de convivencia dunha persoa, os apoios dos que dispón, en que condicións vive, incluso como son os accesos e os servizos do seu domicilio tamén son condicionantes de saúde. A Medicina Comunitaria non se chama así só porque a atención se preste na contorna inmediata, senón porque parte das intervencións son de tipo global e preventivo, como a educación en saúde. Agora mesmo non estamos facendo nin unha cousa nin a outra.