Contención

Periodicamente aparecen noticias sobre residencias de anciáns nas que non se respectan as recomendacións sobre convencións mecánicas, xeralmente asociadas a falta de persoal e outro tipo de problemas derivados de tratar de maximizar os beneficios a costa da saúde e da dignidade das persoas maiores.

A contención mecánica é un procedemento que non é exclusivo das residencias e que tamén se practica en unidades hospitalarias, tanto de psiquiatría como de outras especialidades como medicina interna, traumatoloxía, etc. Consiste en inmobilizar o doente cun equipo especial para evitar lesións a si mesmo ou a terceiras persoas. Pode ser total ou parcial, dependendo da necesidade. Cando pensamos en contención mecánica vénsenos á cabeza inmediatamente a imaxe dunha persoa fóra de si cunha camisa de forza, o cal dista moitísimo da realidade actual.

En primeiro lugar, aínda que ás veces é necesaria en pacientes con doenzas psiquiátricas, a maioría indícanse en situacións nas que a persoa, xeralmente de idade avanzada, está confusa ou desorientada. As cirurxías, a febre ou as infeccións poden ocasionar estes estados diminuídos de conciencia. Pode ser necesario suxeitar a unha persoa que non sabe onde está para que non caia ou se manque.

No contexto psiquiátrico, por desgraza en moitas ocasións empregouse como un "castigo" para condutas non desexadas e non como medida de protección e seguridade. Na actualidade hai diversos programas de "contención cero" que tratan de reducir o máximo posible o seu uso, ata eliminalo na maior parte das ocasións. Para isto é necesario que o persoal estea formado en técnicas de contención de desescalada verbal: que saibamos como tranquilizar e proporcionar confianza e seguridade a unha persoa ansiosa, axitada ou violenta.

A contención é un acto médico e debe estar prescrito por un facultativo e sempre debe ser a última opción para evitar un risco. Non se debe empregar indiscriminadamente nin como rutina. O mellor xeito de evitar caídas e lesións son as ratios de persoal axeitadas, que poidan acompañar e protexer ás persoas máis vulnerables. Aínda así, pode haber situacións nas que non sexa posible evitalo, pero con suficientes medios humanos a evidencia demostra que se reducen estes procedementos, tanto en frecuencia como en duración. Ademais, a escaseza de persoal non só pon en perigo a saúde dos residentes, senón tamén a das traballadoras.