Opinión

Historia clínica accesible

O sistema de historia clínica electrónica que emprega o Servizo Galego de Saúde chámase ‘Ianus’ e, para unha afeccionada ao mundo clásico coma min, é unha referencia boísima. Ianus ou Xano é o deus latino das portas, dos limiares e dos comezos e finais das cousas. A idea é que a historia clínica sexa un documento dinámico, que conteña de principio a fin as diferentes intervencións sanitarias da vida dun paciente. O logo, para continuar coa metáfora, é a cabeza do deus, que ten unha cara por cada lado: Xano Bifronte. A outra característica da historia clínica electrónica, e por iso o das dúas caras, é que debe ser accesible tanto para pacientes como para profesionais. As probas, os informes e toda a información alí recollida é propiedade da cidadá que recibe a atención, e a profesional exerce como custodio da mesma. As situacións nas que a información non flúe de forma clara, determinados datos se ocultan ou se comparten de xeito selectivo deberan ser cousa do pasado.

A nova concepción da relación terapéutica, baseada na autonomía do paciente e non no paternalismo médico, implica que todas debemos ter a máxima información posible, na medida das nosas posibilidades de comprensión, transmitida de xeito intelixible e claro, para tomar decisións informadas sobre a nosa saúde. Con este marco, aparecen tamén novos retos, e un deles ten que ver precisamente con como se comparte a información. Unha das características, a priori positivas, do noso modelo de información sanitaria, é que calquera pode acceder a todos os informes e resultados en canto están dispoñibles. Isto, ante enfermidades graves, pode presentar un problema de manexo da información en canto aos tempos e á forma na que se comunica. 

Unha mala noticia debe ser comunicada en persoa, de forma privada, nun entorno axeitado e se a persoa o desexa, coa presenza da persoa ou persoas que se escolla. Debe ser comunicada, ademais, de xeito claro e comprensible, sen termos técnicos nin eufemismos. O feito de que poidamos ver o informe dunha proba antes que o noso profesional de referencia pode ir en contra deste ideal de información. Non teño a resposta a este dilema ético, pero creo que é un bo exemplo de cuestións sobre as que debemos reflexionar e de retos cos que nos atopamos no proceso de mellorar a atención e a información sanitaria. 

Comentarios