Os móbiles (definitivamente) non causan cancro

Establecer ou descartar unha relación causal (dicir que A causa inequivocamente B) é das cousas máis difíciles de probar en ciencia. A Organización Mundial da Saúde vén de publicar un estudo no que se demostra que os teléfonos móbiles non provocan cancro. O uso de dispositivos persoais estaba na sección de "potencialmente canceríxenos" da OMS e esta clasificación empregouse en numerosas ocasións para argumentar o seu efecto nocivo. Aínda que non había ningún dato que indicase que podía existir tal relación, este estudo e este comunicado son un bo exemplo de como funciona a ciencia cando se fai ben.

A OMS é o máximo órgano da saúde mundial e isto fai que o principio de precaución sexa imprescindible. A súa obriga é velar pola saúde de todas as persoas e calquera sospeita, por improbable que sexa, debe ser investigada. Polo tanto, a falta de datos ao respecto fixo que no seu momento se colocasen os móbiles na categoría "potencialmente", a pesar das escasas posibilidades de que estivesen relacionados con enfermidades oncolóxicas. Dende o principio, semellaba unha relación pouco probable porque non encaixa co que coñecemos de certo sobre as radiacións non ionizantes, que son as que empregan os teléfonos, e que non teñen potencia suficiente para modificar o ADN das nosas células, que sería o que en última instancia causa cancro. Outras radiacións, como a luz solar, si son ionizantes, teñen potencia abonda para crear estas mutacións e a súa relación co cancro de pel está ben asentada. 

Aínda así, dada a omnipresencia desta tecnoloxía, considerouse conveniente investigar esta máis que improbable relación. O cancro é unha enfermidade moi prevalente e existen moitas causas que poden provocalo ou aumentar o risco de que apareza, polo que illar a suposta influencia dos móbiles non carece de dificultade. O estudo que cita agora a OMS é unha metaanálise, o nivel máis alto de evidencia científica, xa que combina os resultados de estudos previos. Neste caso, analiza 63 estudos de cohortes e caso-control (de novo, o maior nivel de evidencia) ao longo de tres décadas. Estudan diferentes dispositivos, tempos de uso e ambientes sociais e laborais. Só agora podemos dicir con toda seguridade que, como era de esperar, os teléfonos móbiles non están asociados a maior risco de cancro.

Podes ler o estudo orixinal aquí.