Novas adiccións

A raíz do novo proxecto sobre a regulación do acceso a contidos para adultos en liña, volven xurdir informacións falando de supostos riscos para a saúde mental de certas actividades ou hábitos. Á marxe da valoración moral que realicemos de certo produto de consumo, dar o salto a cualificar como aditiva determinada práctica supón unha banalización do que é un trastorno mental. Os motivos para regular o acceso a determinados contidos poden ser simplemente que non son aptos para menores, do mesmo xeito que o cine ou os videoxogos levan unha recomendación de idade e a ninguén se lle ocorre poñerlle un filme de terror sanguento a unha crianza de oito anos. Porque velo lle vai ocasionar un trauma e vai provocar un dano irreparable para a súa saúde mental? Porque vai desenvolver unha adicción? Non, simplemente porque hai contidos para crianzas e contidos para adultos. 

Igual que falamos de acceso a contidos de índole sexual, tamén vemos repetido ata a saciedade que existe un problema de adicción ás redes sociais, ao móbil ou incluso á dopamina, un neurotransmisor imprescindible para o funcionamento do sistema nervioso. O uso indiscriminado e arbitrario do termo "adicción" banaliza as verdadeiras condutas aditivas e as súas consecuencias: a adicción conductual real é a que provoca o xogo de azar. Este pode ser, efectivamente, presencial ou online, pero segue a ser xogo de azar.

En canto ás supostas adiccións á pornografía, ás redes sociais ou ao móbil, ningún manual diagnóstico as recolle. Poden ser condutas problemáticas, poden ser pouco desexables, podemos valoralas negativamente dende o punto de vista moral ou podemos entrar en reflexións de carácter sociopolítico sobre como se empregan os nosos datos ou como impactan as redes en cuestións como o voto, a difusión de ideoloxías de odio ou as noticias falsas. É dicir, podemos ter unha posición crítica sobre moitas cousas que non necesariamente están relacionadas coa saúde mental. Falar constantemente de adicción a calquera cousa só invisibiliza as verdadeiras adiccións e ademais dá a idea de que calquera problema social pode ser reducido ao psicolóxico. Algo pode ser negativo, ou ter aspectos negativos que teñan que ver co social, coas condicións económicas que soporta ou xera, co xeito no que se produce ou coas ideas que transmite. Nada disto o converte nunha enfermidade.