Protección de datos

Cada vez que entramos nunha páxina de internet aceptamos sen pensalo unha cesión de datos persoais en forma de cookies. Xeralmente non son datos referentes a aspectos moi relevantes das nosas vidas, porque segundo a lóxica capitalista o máis importante dos individuos son os hábitos de consumo. Tampouco é exactamente certa a paranoia de que "estamos a ser espiados" no sentido de que non hai un señor en Silicon Valley mirando en que páxinas entro concretamente eu e se me gusta máis o xeado de amorodo ou de nata. Estes datos teñen valor como conxunto estatístico e como xeradores de perfís, e non tanto a nivel individual.

Outros datos que compartimos se sermos moi conscientes son os da noso historial de saúde, tanto a partir de apps que rexistran parámetros como directamente en cada consulta médica. Estes últimos son de especial protección, e compartilos ilegalmente é un delito. Hai unha serie de supostos, como cando se trata dun menor non capaz ou unha persoa que ten a súa capacidade civil modificada (caso dunha persoa con demencia ou cunha discapacidade intelectual moi grave) nos que os seus chegados poden ser informados sen permiso explícito do ou da interesada. Incluso tratándose de menores, deben ser informados tamén, nos termos que sexan quen de comprender. 

Moitas veces acontece que as familias acoden ao persoal sanitario solicitando información que non podemos proporcionar. Dende a preocupación e a alarma, cren que deben ser informadas porque son a nai, o pai ou a parella da persoa afectada, e é difícil explicar que ningún parentesco dá dereito a coñecer datos confidenciais de saúde. Imaxinemos unha muller que sofre violencia de xénero e o seu maltratador esixe ser informado porque "é o seu home". Imaxinemos que non me falo cos meus pais e estes aproveitan que estou hospitalizada para obter información sobre min. Imaxinemos agora que esta información é especialmente sensible e inclúe cuestións relativas á saúde mental, saúde sexual ou reprodutiva, por exemplo. Poderíamos pensar que son casos excepcionais, pero por desgraza son tristemente frecuentes.

No extremo contrario, calquera de nós pode designar como persoa que debe ser informada a quen desexe, independentemente da relación que manteñan. Pode ser unha amiga, a miña avogada ou quen eu escolla. Todas as vidas son diferentes e todos os vínculos son válidos.