Puntos cegos

Esta semana tiven que cambiar os lentes e realizar un proceso con esas características do médico-asistencial nunha entidade privada e fíxome reflexionar unha vez máis nos aspectos de saúde que caen fóra do sistema de cobertura presuntamente universal. Ao meu entender son fundamentalmente catro: os devanditos lentes, a saúde bucodental, a rehabilitación e fisioterapia e a nutrición. Todos eles teñen un amago de cobertura pública pero ninguén pensa en ir ao seu ambulatorio para ningunha destas cuestións, todas as persoas somos perfectamente conscientes de que só vas poder dispoñer destes servizos se podes pagalos.

Os lentes en realidade non son o máis grave de todas estas cuestións, xa que xeralmente supoñen un gasto puntual e non constante, pero aínda así poden supoñer un desaxuste importante na economía de algunhas persoas. A saúde bucodental, pola contra, estase a converter nunha auténtica marca de clase: como teñas de coidada a boca é un signo externo, evidente e imposible de ocultar da túa capacidade socioeconómica. A isto en saúde mental chamámolo estigma.

As outras dúas facetas, a nutrición e a rehabilitación e fisioterapia teñen que ver coa prevención, que ao meu entender é o gran problema dos sistemas sanitarios en xeral. As coberturas sanitarias universais aparecen nun momento histórico no que a maior parte dos retos sanitarios tiñan que ver con patoloxías curables: infeccións, fracturas, complicacións perinatais, etc. Eran condicións que, ou as persoas afectadas falecían, ou superaban plenamente. No momento actual, os desafíos sanitarios teñen que ver máis coa cronicidade, a incapacidade funcional e a calidade de vida. Polo tanto, as enfermidades que teñen que ver coa mala alimentación, como as cardiovasculares e metabólicas, e co sistema ostomuscular, son altamente prevalentes. Aquí non temos "balas máxicas", non hai un medicamento que cure milagrosamente a artrose nin a diabetes tipo 2. A estratexia máis eficiente, e así está recoñecido, é a prevención. Se non podes pedir cita en nutrición e as listas de agarda para fisioterapia son de oitos meses, o que remata pasando é que acabas en cirurxía bariátrica, na consulta de endocrinoloxía ou en traumatoloxía, Un gasto moito maior para unha solución moito peor.