Símbolos

Os símbolos son importantes para os seres humanos a moitos niveis. Por unha banda, permiten transmitir conceptos abstractos e complexos con gran eficiencia, cun só golpe de vista. Adquiren a cualidade de comunicación inmediata alí onde a palabra, oral ou escrita, tería que dilatarse en explicacións. Por outra banda, serven como identificación dun grupo con determinadas características. Se vemos unha estrela vermella, sabemos inmediatamente a que conceptos remite e se nos sentimos ou non apeladas por eles de xeito identitario. Un símbolo pode ser unha imaxe pero tamén unha melodía ou un xesto. 

Estamos vendo nos últimos tempos como a extrema dereita emprega e aprópiase de símbolos tradicionalmente de esquerdas, baleirándoos de significado ou quedando só cunha parte do mesmo. Penso no que aconteceu coa canción "Bella Ciao", que tras popularizarse nunha serie de ficción acabou sendo coreada en manifestacións reaccionarias baixo o argumento de que non pertencía a ningunha ideoloxía e calquera podía empregala. Penso tamén na pílula vermella de Matrix, un universo creado por dúas persoas trans e que agora está asociada a grupos de odio misóxinos e LGBIQfóbicos. 

A última foi a máscara de V de Vendetta, unha novela gráfica e despois filme ideada por Alan Moore, un creador de ideas progresistas que recrea a resistencia contra un Estado fascista na Gran Bretaña dun futuro inmediato. Que un grupo con presupostos reaccionarios se presente cun símbolo explícito da loita antifascista ten que explicarse dalgunha maneira. 

A primeira idea que se nos ven á cabeza é que se trata simplemente de ignorancia, que estes grupúsculos escollen imaxes que lles parecen visualmente potentes e contestatarias sen coñecer nin preocuparse en absoluto polos referentes que hai atrás delas. Pode haber algo disto, pero o feito de que non sexa un caso illado faime pensar tamén nunha intencionalidade de desposuír á esquerda de símbolos propios. Xa non podemos usar Matrix nin V de Vendetta como as metáforas anticapitalistas que realmente son, porque nos foron arrebatadas. Non vale de nada explicar o seu significado orixinal, porque o símbolo opera de xeito inmediato. A dereita entendeu perfectamente a máxima posmoderna de que a batalla actual é a batalla polo relato.