Opinión

20 anos e un día

Hai 20 anos e un día, na madrugada do 1 de xaneiro do 1994, o tempo maia alumou a revolución máis fermosa e poética de todos os tempos...


Hai 20 anos e un día, na madrugada do 1 de xaneiro do 1994, o tempo maia alumou a revolución máis fermosa e poética de todos os tempos. Hoxe, tralo decretado "fin da historia" e coas hordas da globalización golpeando as portas do templo chamado humanidade, segue parindo leccións de rebeldía e dignidade e, sobre todo, regalando ao mundo extraordinarias cancións de futuro e esperanza.

A única guerrilla indíxena do mundo, que naceu para desaparecer, e que leva máis de 19 anos disparando as súas iniciativas de paz verdadeira, a que se constrúe con xustiza e dignidade.

En todos estes anos non deixou de sorprender ao mundo cos seus arcoíris de resistencia pola humanidade e contra o capitalismo.

"Para calar as voces do sistema, os e as zapatistas volvéronnos espertar deste letargo fatal, coa súa Escuelita Zapatista, sen dúbida a forma mais extraordinaria de explicar a loita zapatista pero sobre todo o acto mais xeneroso que nunca un movemento social antagonista tivese xestado na historia universal"

Baixo a súa pluma e os seus pasamontañas, naceu o movemento de antiglobalización internacional, tras aquel belo encontro nos 5 Aguascalientes no 96, das súas consultas intergalácticas e os seus 1111 emisarios, naceu a renovación do pensamento democrático a finais do século pasado.

Dos seus fusís emplumados, 3 anos mais tarde, xurdiu a marcha da cor da terra que uniu todas as loitas de abaixo á esquerda deste México devorado polo seu pai o Deus da guerra e o diñeiro.

Coa Sexta Nacional e Internacional xurdiu a oportunidade de dar a voz aos sen voz, de sumar vida ante a explosión de morte que os poderosos impoñen aos de abaixo, de globalizar a esperanza ante a globalización do medo.

A marcha do Delegado Zero permitiu escoitar o berro desgarrado dun país que sofre un xenocidio silencioso e sistemático amparado nas leis do mercado e do pensamento neoliberal, dando lugar ao invento máis rebelde da democracia real mexicana chamado "La Otra Campaña".

Desde a creación dos Aguascalientes e a súa primeira Convención Nacional Democrática, ata o nacemento dos 'Caracoles', o EZLN e as súas bases de apoio non cesaron de levantar bandeiras de creatividade e liberdade, para poder soñar un mundo onde caiban todos os mundos, e repensar de novo os camiños para a convivencia en sociedade.

Ducias de propostas de democracia, xustiza e dignidade que calaron en millóns de persoas dos 5 continentes, un Quetzalcóatl de renovación do pensamento crítico e a loita dos pobos polas promesas da revolución francesa. Unha nova Comuna de París estendida no tempo e na xeografía que demostra cada día que a utopía pódese camiñar e que o futuro é un lugar fermoso onde construír a nosa casa común como seres humanos.

Hoxe, de novo, e para calar ás voces do sistema, os e as zapatistas volvéronnos espertar deste letargo fatal, coa súa Escuelita Zapatista, sen dúbida a forma mais extraordinaria de explicar a loita zapatista pero sobre todo o acto mais xeneroso que nunca un movemento social antagonista tivese xestado na historia universal.

Logo de celebrar os seus vinte anos de levantamento armado, puiden compartir durante case unha semana a súa vida como indíxenas, os seus soños como humanos e sobre todo a súa maxia como rebeldes que fixeron da súa práctica cotiá o mellor ensino para a construción dun mañá máis xusto e cheo de esplendor.

Pero iso é farina doutra tortilla...

Continuará.

Comentarios