Para bellum

Ás portas dunha nova crise que, non dubide, pretenderán que a paguemos as de sempre, é san facermos balance de institucións alleas que xogan a diario na nosa contra. Que a ninguén lle despiste o confinamento: o conflito social segue vivo, como ben demostra o persoal de Alcoa nestes días. E con este, a represión policial.

Como é ben sabido, a crise económica do ano 2012 trouxo consigo unha política sistemática de ataque e recorte dos dereitos sociais conquistados pola clase obreira durante décadas. A reforma laboral, os recortes autonómicos na Sanidade e Educación ou a reforma das pensións, xustificáronse entón como “esforzos colectivos necesarios” para garantir estes servizos a longo prazo.

A democracia capitalista ten estas cousas: ao “bo xuízo” tanto de institucións como o Banco de España ou a Comisión Europea, como de economistas de plató de televisión, de perigar algo é o sostemento da Seguridade Social ou da Sanidade universal e gratuíta. De ningún xeito institucións “tan rendibles” como a Casa Real ou as Forzas Armadas.

Os sindicatos e partidos de esquerda redirixiran a mobilización social á esperanza do cambio electoral. Paz social para uns poucos, a cambio dun oco nas súas institucións de goberno. Bo proveito, empresarios! Pedímoslles pan, traballo e teito. Recibimos como resposta máis pobreza, máis paro e máis desafiuzamentos.

En 2020, en plena crise sanitaria polo coronavirus, a Policía considerou “impropio” ter que repartir máscaras entre a poboación, ao tempo que se multiplicaban os abusos de autoridade e agresións físicas a detidas no estado de alarma. Algunhas delas recollidas en vídeos difundidos por redes sociais. Unha actitude, en todo caso, ben diferente da aprobación e complicidade cos podentes manifestantes das caceroladas de Núñez de Balboa, non é? Esta actitude si, deberemos darlles a razón, “propia”.

Cómpre abrirmos este melón: as chamadas FFCCSE son protagonistas habituais de abuso, tortura ou colaboración co narcotráfico. Abonden de exemplo os 13.000 axentes de Policía do grupo de Facebook de ultradereita “Primavera Española del CENEPE”, ou os máis de 1000 casos de tortura policial no Estado español recollidos só no último informe da Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura.

A quen protexen en realidade? Son a forza de choque de desafiuzamentos ou manifestacións obreiras, e mesmo teñen tempo de fiscalizar as redes sociais para levar a xuízo a quen celebra a morte do infame Carrero Blanco; mais u-los nas rúas cando se produce unha nova violación cada cinco horas? U-los cando a dereita fai apoloxía diaria de “delitos de odio” tipificados na súa lei? Parece evidente que teñen prioridades nada neutrais.

Porque precisamos recortes, mais ben distintos dos de sempre. Resulta mesmo obsceno que, nun contexto de crise sanitaria no que o persoal da Sanidade vén de salvar milleiros de vidas dobrando gardas de 24 horas, esixan precisamente CPN e GC que lles paguemos unha suba de soldo de 600 € máis ao mes.

Pero falemos de máis cifras obxectivas: o Estado español ten o segundo maior número de axentes por habitante de toda a UE a pesar da súa baixa taxa de criminalidade. En Euskal Herria ou en Cataluña, a porcentaxe dispárase a cifras máis propias dunha zona de conflito bélico.

Que se despregaran 12.000 axentes na infrutuosa Operación Copérnico para tentar impedir a realización do referendo de independencia catalán, e non se notara a súa ausencia no resto do Estado, pon de evidencia que estamos pagando, polo pronto, 12.000 soldos de máis para “manter a orde”.

Cómpre desfacernos de temores e complexos neste tema: sobran pistoleiros con placa, non faltan nin merecen dende logo un soldo catro ou cinco veces o dunha traballadora normal.

Que teñamos que pagar nós os matóns da banca e a patronal, é unha humillación. Que se nos conte que non é posible controlar o narcotráfico ou o crime organizado, e si en troques a inmigración ilegal “de patera” ou o “terrorismo islamista”, un insulto á nosa intelixencia.

Ou nos saímos das súas regras impondo as nosas propias, ou gañan eles sempre.