Crime en Compostela 40

A Selic, o excelente festival de lectura de Compostela, lembrou cun itinerario e unha mesa redonda os corenta anos da concesión do primeiro Premio Xerais de novela a Crime en Compostela, que o xornalista Carlos G. Reigosa presentara baixo o lema "Lagoa azul e branca". Un manuscrito do que o xurado destacara "o engado e interese que pode espertar no lector galego un relato policial no que o ambiente de Compostela aparece reflectido con bo tino e sen entusiasmos chauvinistas". Unha novela que constituíu un fito tanto na normalización da narrativa galega contemporánea, unha das teimas do editor Luís Mariño, creador do certame, o primeiro convocado por unha editora privada, como na inauguración do xénero criminal na nosa literatura contemporánea, coa creación dos personaxes do detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, protagonistas dunha serie de cinco títulos.

Con todo, quizais, o máis relevante de Crime en Compostela é que constituíu o primeiro long seller da edición galega moderna, un éxito comercial que nas dúas primeiras décadas de aparición superou os 30.000 exemplares, manténdose con vendas sostidas no catálogo da editora viguesa durante catro décadas en diversos formatos, ao que non foi alleo que fose considerada tanto como unha das lecturas recomendadas nos institutos e como un dos títulos de iniciación na literatura galega. E insisto que a transcendencia da novela de Reigosa foi o seu carácter de long seller, termo que convén non confundir co de best seller, etiqueta utilizada para produtos de lectura cunhas vendas de canto menos 20.000 exemplares no ano do seu lanzamento (escasos no mercado galego), mais que en todo caso amosa que na actual edición cultural galega é responsabilidade tamén das editoras coidar o catálogo coa atención e agarimo que merecen cada unha das pezas dun albeiro, mantendo tanto o maior número posible de títulos dispoñibles para a venda na rede libreira, como argallando estratexias de promoción para facelos visibles para o lectorado.