Opinión

Economía e letras

Lamenta Yolanda Castaño nas páxinas do seu ensaio premiado, Economía e poesía. Rimas internas (Galaxia 2024), que a supervivencia a través da poesía é case un milagre. Confesa así a autora de Materia (Xerais 2022), libro recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2023, as dificultades que afrontou como poeta en galego que fixo desta condición a súa única profesión. Un debate sobre a profesionalización, aberto dende hai décadas nas nosas letras, que ten que ver máis coa precariedade do seu mercado, á intemperie e con escasa visibilidade e recoñecemento social, que coa vontade das nosas autoras para vivir dos dereitos da venda dos seus libros ou das facturas emitidas pola súa participación en recitais e outros saraos literarios. E se alguén dubida da fraqueza que arrastra o noso mercado, aconsello consulte os informes anuais máis recentes de Comercio Interior do Libro da Federación de Editores.

Datos que no caso do libro galego resultan clarificadores de máis: as vendas totais a prezos de capa son de 16,8 millóns de euros, as dos libros de literatura 2,6 millóns de euros, das que case 1,9 corresponden a narrativa e 700.000 euros a poesía, teatro e ensaio; vendas que xeran uns dereitos de autoría de 1,5 millóns. Como cativas son as axudas e compras anuais para bibliotecas públicas da Xunta de Galicia ao sector editorial, arredor de 800.000 euros, que representan apenas 4,76% da facturación do sector en 2022. Incrementar a cifra das vendas literarias en galego e destas axudas constitúen requisitos previos para abordar un debate sobre a profesionalización que non estea trucado polo enganoso voluntarismo. Noutros termos: incrementar as vendas e visibilidade nas librarías do libro galego (o equivalente a pasar por billeteira na música ou no cinema) e comprometer as institucións a responsabilizarse de políticas públicas de fomento da lectura en galego e de apoio á creación literaria son condicións que axudarían na angueira das que pretenden facer das nosas letras o seu oficio.

Comentarios