Apostando polo BNG en tempos de incertezas

Hai poucos días, publicouse neste xornal dixital un artigo asinado por varios “médicos nacionalistas”. A súa finalidade era reclamar unha candidatura única de toda a esquerda (BNG, ANOVA, EU, Podemos, ...) esixindo para tal obxectivo “altura de miras e a ausencia de sectarismos”.

Hai poucos días, publicouse neste xornal dixital un artigo asinado por varios “médicos nacionalistas”. A súa finalidade era reclamar unha candidatura única de toda a esquerda (BNG, ANOVA, EU, Podemos, ...) esixindo para tal obxectivo “altura de miras e a ausencia de sectarismos”. Non coincido con eles, e coido que esta proposta debilita as clases populares da Galiza, tanto na cuestión de clase como na nacional, que como sabemos son interdependentes. 

"Destacar a profesión, en política non é un xeito correcto de axer de quen pretenden sementar ideas de igualdade, participación e democracia". 

Do artigo referido destacaría os seguintes aspectos.

Chama a atención que figure no limiar a titulación académica, como se ser médico aportase un plus especial ás análises e propostas políticas en relación ás doutros activistas que non o son. É o digo co máximo respecto, xa que os asinantes teñen unha recoñecida práctica política e sindical. Porén destacar a profesión, en política non é un xeito correcto de axer de quen pretenden sementar ideas de igualdade, participación e democracia. O elitismo é máis propio do poder tradicional, non é a semente dunha nova sociedade. Os méritos no ámbito político, para o nacionalismo de esquerda, son os que se obteñen polo atrevemento para se confrontar co sistema, a capacidade para dar saída aos problemas das clases populares e para avanzar na liberación nacional e social.

Dise que a finalidade é “acadar a maioría nos concellos e gobernalos ao servizo da cidadanía”. Claro que no caso de Galiza, para conquistar este obxectivo, esta candidatura  precisaría abranguer o PSOE, dada a correlación de forzas existente no ámbito institucional, mesmo tendo en consideración a tendencia marcada polas europeas. Mais isto é algo que os socialdemócratas (en realidade social-liberais) desbotan de plano e ningunha das “candidaturas unitarias” propón. Aínda que Beiras xa acaba de botar a primeira pedra neste sentido. Ou sexa, teríamos un bipartito perfeito, o partido dos bos e o dos malos, con criterios políticos tan mínimos que calquera mudanza real sería irrealizábel, a esquerda rupturista tería un corsé de partida. 

"Ademais de unir, os proxectos “unitarios” tamén dividen, especialmente cando son impostos por cúpulas, grupos de determinados segmentos sociais, ou medios de comunicación hexemónicos". 

Concretar esta proposta para desbancar o PP dos concellos non é tan doado, porque Podemos considera o PSOE como parte da casta, coa que rexeita de plano calquera pacto de gobernabilidade (manterá despois das eleccións esta actitude?). Tampouco se pode ignorar que as contradicións fóronse agudizando, e a aposta do PSOE pola globalización neoliberal e a súa oposición ao dereito de autodeterminación, atrancan un acordo deste tipo. Asemade, lembremos que o BNG rexeita calquera pacto estábel con forzas non nacionalistas. E moitos/as militantes dos partidos afectados non se sentirían parte dun proxecto deste estilo, polo que poderían aparecer novas alternativas, disputando un espazo de esquerda máis coherente, ou nacionalista, ou ambos de vez. Daquela, ademais de unir, os proxectos “unitarios” tamén dividen, especialmente cando son impostos por cúpulas, grupos de determinados segmentos sociais, ou medios de comunicación hexemónicos. 

En realidade, o que se consegue con estas propostas “unitarias”, que tanta simpatía atopan entre aquelas correntes que foron democraticamente derrotadas na Asemblea do BNG en Amio, é diluír o nacionalismo galego dentro da esquerda española. Unha esquerda partidaria dun bloque europeo, polo tanto da globalización en tanto que negadora do poder de decisión das nacións. Isto é o que sucede con Anova en AGE, como correntes internas teñen denunciado reiteradamente, e como calquera pode comprobar na práctica cotiá. As únicas diverxencias dentro de AGE teñen máis que ver coa loita de poder, onde cada unha das tendencias quérese colocar en mellor posicións na negociación para o reparto de cargos, que as que derivan dunha acción política propia; por exemplo, facendo énfase na cuestión nacional e na ruptura co capitalismo. Estes aspectos non pasan do discursivo e só en ocasións moi determinadas. 

"Nas candidaturas únicas falarán os/as portavoces, que serán representantes dunha liña previamente pactada, polo que o nacionalismo perderá en moitos concellos a súa propia identidade" 

O certo é que a esta altura xa hai tantas propostas unitarias, que a primeira contribución ao panorama político está a ser a inflación de siglas e proxectos, e a ruptura da disciplina partidaria en moitos/as dos que tomaron a iniciativa, amosando falta de lealdade e unha concepción moi funcional do conceito unitario. Resulta evidente que este é un furacán que ten base social e motivos políticos, e que ademais está a ser alentado polos medios hexemónicos (por algo será!), que pretenden así golpear as organizacións da esquerda máis consolidadas. Cal será a actitude destes medios cando consigan totalmente este obxectivo e que ficará en pe de todo este movemento? Son preguntas que dependen tanto da capacidade construtiva destes novos proxectos montados dende arriba, aínda que se pretendan expresión da sociedade, e de cal será a resposta das organizacións da esquerda e do nacionalismo que durante décadas confrontaron co neoliberalismo e co imperialismo españolista. Ou sexa, é cedo para dar unha resposta. Lembremos a revolta social e a crise política da Arxentina no ano 2001 (curraliño, caída dos partidos tradicionais, etc.), e como se resolveu. Porén cada país ten a súa historia. 

Agora ben, mesmo coa reforma reaccionaria do PP, que é un verdadeiro golpe de estado institucional contra os dereitos democráticos, nos concellos hai capacidade para que sexan eleitos concelleiros/as do BNG, e polo tanto estea presente de xeito claro a expresión e oferta dun proxecto nacionalista e popular. Pola contra, nas candidaturas únicas falarán os/as portavoces, que serán representantes dunha liña previamente pactada, polo que o nacionalismo perderá en moitos concellos a súa propia identidade en boa medida, nun dos ámbitos nos que ten máis contacto coa sociedade. 

"Cómpre, non só botar o PP do goberno, senón ter un proxecto revolucionario, de liberación nacional e social do pobo galego"

Dise, que o fundamental é botar o PP dos concellos, e supoño que despois, por coherencia con esta liña de pensamento, tamén do Goberno do Estado. Seica deste xeito golpearíase a corrupción, e daríaselle capacidade ao pobo para poder decidir libremente. A solución de todos os males semella tan sinxela, que aqueles que levan anos loitando contra o sistema, mesmo padecendo prisión, perdendo o traballo, e outro tipo de represións, resultan grotescos, parvos. Mais ¿non será que a corrupción é propia da acumulación de poder e riqueza nuns poucos, aos que lles é funcional, exista ou non bipartidismo? Non se necesitará ademais do poder institucional, a ocupación da rúa, ou sexa a protesta social organizada, e partidos fortes, para confrontar cos donos do diñeiro e dos mecanismos de poder do Estado (policía, exército, poder xudicial, etc)? Non será esencial a saída da UE e do euro, e a liberación de Galiza, para poder levar adiante un programa ao servizo do pobo, ou sexa, de xustiza social, autocentrado e sustentábel? 

Claro que para conseguir todo isto, cómpre, non só botar o PP do goberno, senón ter un proxecto revolucionario, de liberación nacional e social do pobo galego, e acumular forzas curtidas na confrontación política. E con todas as eivas que poda ter, está mais preto disto o BNG, que todas estas alianzas que se pretenden facer, en moitos casos con forzas máis mornas e algunhas claramente contrarias á liberación nacional e social de Galiza, por máis que teoricamente acepten o dereito de autodeterminación por oportunismo. 

"O realmente importante é ter confianza na militancia e simpatizantes, un programa e unha folla de ruta, que se debe debater coa sociedade, mais que lle corresponde decidir á militancia". 

Ningún militante da fronte pode alentar a confusión, máxime cando se descualifica a historia da propia organización e se pon en cuestión o seu futuro. Formar parte doutros proxectos políticos (como Somos Maioría) é un salto cualitativo que vai alén do debate sobre a folla de ruta, e pon en cuestión o propio BNG. Dálle folgos a este tipo de actitudes, e ás saídas localistas, a ambigüidade na folla de ruta e as declaracións contraditorias e condescendentes de persoas moi cualificadas da dirección. É difícil gañar novos sectores sociais, recuperar o voto da abstención, e ser un referente para a mocidade e as persoas socialmente máis activas, cando a propia organización dá un paso adiante e outro atrás, reconsidera acotío a liña, e seica non ten claro que programa e siglas vai defender nas vindeiras eleccións, malia ter un traballo político exemplar en moitos concellos. 

O realmente importante é ter confianza na militancia e simpatizantes, un programa e unha folla de ruta, que se debe debater coa sociedade, mais que lle corresponde decidir á militancia. O nacionalismo anticolonial debe asumir a todos os niveis, que a división en Amio ten as súas consecuencias electorais e políticas, e que recuperar simpatizantes e gañar outros novos leva o seu tempo, máxime cando non se conta co apoio dos medios de información hexemónicos. Para conseguir cargos institucionais pode haber atallos, mais non para contar co apoio dunha maioría social organizada e transformar a realidade. Cómpre polo tanto poñer o traballo nas institucións ao servizo da loita reivindicativa e do proxecto estratéxico, da xeración de conciencia e da organización, e non ao envés, e non asumilo, termina por eivar calquera proxecto de cambio. Esperemos que o manifesto que acaba de dar a coñecer o BNG “Construíndo futuro” escorrente as dúbidas, alente os ánimos, e aproveite acaídamente o traballo teimoso, e sempre a carón das clases populares, da militancia e simpatizantes da organización.  

http://manuelmera.blogaliza.org/