Bágoas de crocodilo

Chama a atención que moitos dos dirixentes e analistas, así como os medios de información hexemónicos, que hoxe condenan os bombardeos contra Gaza, por careceren de calquera xustificación diante do mundo, foron os que apoiaron sen ningún rubor as agresións imperialistas por parte da OTAN e os seus aliados, por exemplo, en Afganistán, Malí, Costa de Marfil, Siria, Libia, etc. Tamén fixeron a vista gorda diante das matanzas no Congo, e ignoran os milleiros de persoas que son asasinadas polos drones norteamericanos dende a comodidade dunha cadeira en Texas ou Arizona

Chama a atención que moitos dos dirixentes e analistas, así como os medios de información hexemónicos, que hoxe condenan os bombardeos contra Gaza, por careceren de calquera xustificación diante do mundo, foron os que apoiaron sen ningún rubor as agresións imperialistas por parte da OTAN e os seus aliados, por exemplo, en Afganistán, Malí, Costa de Marfil, Siria, Libia, etc. Tamén fixeron a vista gorda diante das matanzas no Congo, e ignoran os milleiros de persoas que son asasinadas polos drones norteamericanos dende a comodidade dunha cadeira en Texas ou Arizona. Ou que mentres se laian polo derribo dun avión civil no Donbas ven como normal que se bombardee con artillaría pesada e aviación as cidades rebeldes da Ucraína oriental. Son todas accións de lesa humanidade que non se deberían admitir, mais existe unha dobre vara de medir, que é funcional aos intereses económicos e estratéxicos das clases dominantes de cada país, e do imperialismo norteamericano en especial, da agora chamada globalización neoliberal. Así de grave e lamentábel. 

 "O ataque militar contra civís é un acto criminal, de covardía, e inmoral, en calquera circunstancia".

Mesmo ponse o acento no asasinato de crianzas na Palestina, para sensibilizar a opinión pública, deixando nun segundo plano que matar persoas ao chou non ten xustificación, nen pola idade, nen polo sexo, a cor, a relixión ou as ideas políticas. O ataque militar contra civís é un acto criminal, de covardía, e inmoral, en calquera circunstancia. Mais, no caso de Palestina e do Donbas, o imperialismo hexemónico, Estados Unidos, que dá leccións de democracia e dereitos humanos, fala de autodefensa por parte de Israel e Ucraína, xustificando os masacres. E, no colmo do cinismo, Obama sinala os milicianos e a Rusia como culpábeis na tráxica destrución do avión, sen ofrecer probas e sen unha investigación internacional (que esixe Putin), dando así pulo á guerra e á conflitividade internacional. Despois, como en Iraq, Libia e Siria, as presuntas probas seguramente ficarán en nada, o tema esquecido e as investigacións ignoradas polos medios e os organismos internacionais, nalgúns casos para tapar os verdadeiros culpábeis das traxedias, xa que son uns aliados difíciles de xustificar diante da xente. 

"A Unión Europea ten un papel periférico do imperio norteamericano, carente de calquera protagonismo militar, a non ser como forza auxiliar"

O abráiante deste tipo de actuacións é que os países europeos, que viviron en carne propia guerras devastadoras, con millóns de mortos e destrucións, que causaron décadas de sufrimentos, agora teñan unha postura tan pouco crítica, seguidista da dinámica norteamericana. A UE pregouse á estratexia alentada por Washington, para aumentar o control sobre as súas áreas de influencia mediante a inxerencia militar e a desestabilización, a información terxiversada e unha cultura de masas mercantilizada, para reverter deste xeito a perda de poder no eido da demografía e economía diante dos BRICS e outras potencias. Neste esquema, a Unión Europea ten un papel periférico do imperio norteamericano, carente de calquera protagonismo militar, a non ser como forza auxiliar, mais tamén de liberdade de acción no eido económico, cultural e político. O tratado de libre comercio que se está a piques de asinar é o mellor exemplo desta subordinación. E con esta aposta, a gran burguesía europea, sen grandes fendas no seu interior, deixa atrás con toda naturalidade o que seica eran as sinais de identidade da Unión: o chamado estado de benestar, a democracia, e a paz.

" conquista por todos os pobos da soberanía nacional e a construción dun sistema económico e social xusto, sustentábel e autocentrado"

Estes masacres de civís, os países falidos, o auxe dos conflitos e dos mercenarios, a economía delituosa e especulativa, son todas consecuencias conscientes dun proxecto cos alicerces na confrontación, e na disputa do lucro e do poder no mundo por calquera medio. Asistimos a unha estratexia baseada na maldade, na rapina, na mentira e na lei do revolver. Esta é a verdade, o demais son bágoas de crocodilo, como ás que normalmente nos teñen acostumados na Galiza dirixentes políticos como Feijóo e compañía, cando falan do desemprego, precariedade, defensa da lingua e tantos outros aspectos que esmagan o pobo. Queren xustificar así a súa actitude diante desta dinámica regresiva, como se fose unha deriva consubstancial co mundo nesta etapa, e polo tanto imposíbel de deter ou mudar. Pura leria para xustificar a lei da selva en beneficio das clases dominantes. Un retroceso social, democrático e cultural que se pretende definitivo, e que só pode ser evitado mediante a conquista por todos os pobos da soberanía nacional e a construción dun sistema económico e social xusto, sustentábel e autocentrado, que rache coa tendencia destrutiva do capital. E para  producir este cambio teñen un papel central: o suxeito político, a autoorganización das clases populares, e a comunicación coa sociedade. 

http://manuelmera.blogaliza.org/