Cataluña como exemplo ¿en todo?

Tiña feito un artigo para este medio encol da decisión reaccionaria do PP de recortar o número de deputados/as no Parlamento galego, mais vendo o reaxer simplista que houbo en relación á convocatoria do referendo para decidir sobre o futuro de Cataluña, optei por facer algunhas consideracións a este respeito, por se son de proveito.

Tiña feito un artigo para este medio encol da decisión reaccionaria do PP de recortar o número de deputados/as no Parlamento galego, mais vendo o reaxer simplista que houbo en relación á convocatoria do referendo para decidir sobre o futuro de Cataluña, optei por facer algunhas consideracións a este respeito, por se son de proveito. Non hai dúbida ningunha que, dende calquera punto de vista minimamente democrático, o pobo catalán, como o galego, ten pleno dereito a decidir o seu  destino, diga o que diga a Constitución española (un texto sempre cuestionado polo movemento nacional popular galego, por negador dun dereito fundamental como é o de autodeterminación). Ademais, hai argumentos de moito peso para que Cataluña, Euskadi e Galiza procuren a plena soberanía, como é que o Estado das Autonomías non garante a preservación das culturas e linguas das nacións dependentes que integran o Estado español. Por se non abondase, existe un proceso de recentralización de competencias, coa escusa da pertenza á Unión Europea, no que se utiliza a prol de Madrid (e a súa área cultural) os mecanismos do poder político para controlar o eido da economía, da información e da formación. 

"O capitalismo neoliberal expropia por dúas vías paralelas, concentra e centraliza poder e riqueza a un tempo, non sempre ambos ao mesmo ritmo, malia seren aspectos interdependentes".

Antes de seguir co tema, coido que é conveniente clarificar un aspecto fundamental: o capitalismo neoliberal expropia por dúas vías paralelas, concentra e centraliza poder e riqueza a un tempo, non sempre ambos ao mesmo ritmo, malia seren aspectos interdependentes. A clase traballadora é explotada en todos os países do mundo, mesmo nos centrais, mais non coa mesma intensidade que nas nacións máis débiles e/ou dependentes (aínda que nas últimas décadas existe un proceso de precarización laboral nos estados centrais do sistema, parello á globalización). Como teño escrito noutros artigos, esta é unha cuestión que está moi ben analizada por Ruy Mauro Marini e outros intelectuais marxistas da periferia no que se denomina a Teoría da Dependencia. Agora ben, a dependencia non é uniforme, depende de factores históricos, económicos, xeográficos e demográficos. Mesmo nas colonias tradicionais, houbo algunhas nas que se fixou poboación europea, mentres noutras, procurouse esencialmente a explotación da man de obra nativa, a espoliación de materias primas e o troco desigual.

En resumo, entre un operario da clase traballadora de Madrid e outro de Vigo hai moito en común, mais tamén existen diferenzas, non só cuantitativas, senón tamén cualitativas, tanto no relativo á cultura e lingua, como ao feito de que a dependencia recrea o atraso económico e impón a sobre explotación. A creación de emprego e a media salarial reflicten estas diferenzas. Por iso, nun mesmo contexto económico e social, Madrid crece e Galiza recua, malia as nosas potencialidades en materias primas, a importancia da costa, e a nosa riqueza en enerxía. O único argumento que se pode utilizar para avalar esta situación colonial é o racista: que os galegos e galegas carecemos das virtudes dos españois. Véxase que sería o mesmo que se empregou (e aínda se utiliza) en relación ao chamado Terceiro Mundo para xustificar o imperialismo.

"O centralismo tamén forma parte da folla de ruta das clases dominantes da Unión Europea". 

A decisión de varias forzas políticas catalás de convocar un referendo en novembro de 2014, no que se decidirá o dereito de Cataluña a ter un Estado propio, e que leva aparellada unha segunda pregunta na que se votaría pola independencia como a forma de concretalo, é un paso adiante histórico. Un salto político tanto para conquistar a plena soberanía para Cataluña, como porque irradia outros efectos, entre os que se poden destacar: que pon en primeiro plano a cuestión de todas as nacións oprimidas no Estado español; que amosa as eivas democráticas; que deixa en evidencia que o centralismo tamén forma parte da folla de ruta das clases dominantes da Unión Europea. 

Agora ben, aínda que ate hoxe, no proceso de loita pola soberanía en Cataluña, os aspectos positivos son os fundamentais, non se deben ignorar que existen puntos febles. E moito menos caer no simplismo de pensar que na Galiza se pode seguir mecanicamente os pasos que alí se están a dar e obter os mesmos resultados. Non se poden esquecer as diferenzas entre ambas nacións, que non son poucas, non só no aspecto histórico e político, senón tamén no económico, xeográfico e demográfico. 

Todo fai pensar que o Goberno español, sexa do PP ou do PSOE, non vai permitir o referendo ou recoñecer os seus resultados. Mesmo sendo así, sería un paso no adiante, porque aumenta o nivel de conciencia política do pobo catalán, ao reflectir con toda claridade a contradición nacional e a postura de cada organización e do propio Estado español (do Goberno e das clases populares) negando o dereito de autodeterminación, que está recoñecido polas Nacións Unidas. Ademais, coloca o obxectivo da liberación nun chanzo superior, no que a loita reivindicativa terá necesariamente outras formas, de confrontación social e política máis aguda.

A pregunta é: está o nacionalismo catalán preparado para esta nova fase de combate pola soberanía?  Sería un erro que todo se confiase á vontade electoral da poboación para forzar o Estado español a negociar. Se así fose, a estratexia reduciríase a tres escenarios posíbeis: que se permitise facer o referendo e o Goberno negociase a ruptura, ou unha confederación ou Estado libre asociado; que Madrid pactase previamente con algunhas das forzas para evitar a consulta; que fronte a unha resolución do Tribunal Constitucional algúns dos partidos promotores do referendo (por exemplo CIU e ICV) opten por non seguir adiante, atrancando o proceso, xa que a iniciativa non contaría con maioría de votos no Parlamento catalán. Agora ben, o escenario máis realista sería que, en caso de seguir adiante o Goberno catalán coa consulta, Madrid interviñese a autonomía, co argumento de que vulnera a Constitución. Postura que con toda seguridade será avalada polo Tribunal Constitucional e polo PP, o PSOE e UPyD. Unha decisión nesta liña, neste intre e coa actual correlación de forzas, só sería contestada polas forzas nacionalistas das nacións oprimidas e algunhas forzas antisistémicas de ámbito estatal. 

"Sería un erro que todo se confiase á vontade electoral da poboación para forzar o Estado español a negociar".

Polo tanto, resulta evidente que, para poder superar todos os atrancos que ten por diante a conquista da soberanía en Cataluña (as pexas son maiores na Galiza), non abonda co apoio da maioría social e que este se reflicta no Parlamento. É necesario que a poboación estea activa e disposta a disputar o espazo público (ademais da comunicación) ás clases dominantes do Estado español e da Unión Europea. E non chegará con varias grandes mobilizacións e ocupación de prazas e organismos, todo fai pensar que será unha disputa longa e conflitiva, para a que cómpre firmeza ideolóxica, organización e atrevemento. Ou sexa, serán necesarios partidos fortes, preparados para un proceso revolucionario, con militantes entregados. As revoltas sociais e políticas non se fan por internet, nen nas institucións, aínda que se deben utilizar ao máximo ambos medio para a axitación e lexitimación dos obxectivos. 

Na disputa polo poder, as clases dominantes teñen moreas de experiencias e aprenderon moito. Hoxe, os golpes de Estado ou as intervencións, van acompañados por grandes mobilizacións, alí onde poden e o necesitan. Por exemplo, nas chamadas revolucións de cores, dan información moi efectista onde mesturan medias verdades e mentiras, para gañar o apoio social, e realizan concentracións moi impactantes, con ocupacións de lugares e institucións simbólicas. Están as forzas da esquerda antisistémica preparadas para levar a loita política a este nivel, para alén de accións moi conxunturais e minoritarias? Esta é unha pregunta que se hai que facer acotío, porque sen gañar a rúa non é posíbel a conquista da soberanía nacional, a ruptura democrática ou o socialismo. Esta é unha premisa tanto nunha nación dependente como nun Estado soberano que queira colocar o poder ao servizo das clases populares (óllese para Venezuela). 

"Sen gañar a rúa non é posíbel a conquista da soberanía nacional, a ruptura democrática ou o socialismo". 

En relación a este tema quero sinalar, que na Galiza, ademais da nosa propia experiencia,  temos outra moi próxima de gran interese. Refírome ás mobilizacións ascendentes en intensidade e apoio social de Portugal, onde o Partido Comunista Português  e a Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses (CGTP-IN), teñen un papel sobranceiro. É un mérito, que cando moitas outras organizacións de esquerda na UE foron perdendo folgos, despois de anos de loita contra o recuar dos dereitos sociais e laborais por mor do reaxuste (a crise), a clase traballadora portuguesa foi quen de percorrer o camiño inverso, afortalándose. Das súas teses e práctica débense recoller ensinanzas. Malia que na nosa nación, fálase moito da lingua portuguesa (mesmo querendo superar séculos nun chisco, e sen unha estratexia que procure a complicidade do pobo), trátase moi pouco encol da historia e cultura de Portugal, e practicamente ren dos acontecementos sociais e políticos actuais. Dá para cismar un chisco.

Resulta evidente que, se nos preparamos para a andaina con máis atrancos, que é o que sempre temos que facer, acadar a maioría parlamentar é un paso necesario máis non suficiente. Polo tanto, sería un erro dar a entender que a decisión do Parlamento catalán e o resultado positivo do referendo, de se realizar, garante a conquista da independencia. E sobre todo é moi negativo debuxar esta folla de ruta tan sinxela para a liberación nacional no imaxinario colectivo (por exemplo na Galiza), sen destacar outras tarefas esenciais e mesmo de maior importancia, como é a construción do suxeito político e a súa  hexemonía no tecido social.

Para esta nova etapa en Cataluña, a un nivel máis alto das contradicións, o interrogante é: están preparados, os partidos que convocan o referendo, para confrontar na rúa? A miña impresión é que algúns si e outros non. Coido que confían demasiado en que, fronte a unha intervención directa do Estado español de tipo represivo, a Unión Europea vai poñer un freo ou mediar. Se cadra por esta razón aposten por seguir na UE, malia que é un aparello feito á medida dos intereses dos grandes grupos económicos e estados máis fortes, que transfiren sen ningunha contemplación os custes do axuste ás clases populares e aos países máis débiles. Penso que a UE non vai intervir a prol de Cataluña, xa que Bruxelas, como o afirmou en varias oportunidades, non está por facilitar a ruptura dos Estados que a compoñen. Malia que a UE poda contribuír ao nacemento de novos estados en terceiros países que quere debilitar por razóns económicas ou estratéxicas. Lembremos máis unha vez que o capitalismo cabalga sobre a centralización e concentración da riqueza e do poder. A postura da UE con relación a Flandres, en Bélxica, é sintomática. 

Outro escenario moi distinto sería que se atopase diante dun feito consumado. Porén, para que isto acontecese, o Estado español tería que deixar axer a Cataluña sen intervir. Alguén coida que isto é posíbel, neste contexto histórico, con está correlación de forzas no Congreso, e formando as clases dominantes un bloque moi compacto, en relación a este tema? O lóxico é pensar que se utilizarán todos os medios para impedir a independencia, e que esta postura vai contar co aval da Unión Europea. A menos que o grao de confrontación social, diante dunha ocupación, sexa tan forte e conflitiva no tempo que divida as clases dominantes no Estado español e obrigue á UE a reconsiderar unha postura de principios, mesmo sabendo que terá consecuencias noutros membros desta Unión imperialista. 

"Resultaría incomprensíbel que Cataluña acade a soberanía para seguir baixo o mesmo sistema de explotación da clase traballadora"

Por todo o dito, tendo en consideración o carácter reaccionario da Unión Europea, que recrea a dependencia e o atraso nos países dependentes e coloniais e na súa periferia interna, resultaría incomprensíbel que Cataluña acade a soberanía para seguir baixo o mesmo sistema de explotación da clase traballadora (malia que se relativice). Isto sería máis grave na Galiza, dado o grao de explotación e opresión que padecen as clases populares e o grao de alienación. Esta estratexia semella moito máis errada tendo en conta que a UE só vai admitir o nacemento dun novo Estado (en contra do Estado que integra) se non lle queda máis remedio despois dun conflito moi longo e duro, no que as clases populares farán un inmenso sacrificio. Sendo deste xeito, o suxeito social que se coloque á fronte da loita na rúa, e sexa obxecto da represión, gañará protagonismo e pedirá mudanzas radicais na cuestión social ademais de dereitos nacionais. Neste aspecto reside o punto máis débil do proxecto para a independencia de Cataluña ou a de calquera outra nación oprimida da UE que queira ser ceibe pero non se propoña saír desta Unión imperialista irreformábel. Isto tamén reflicte que na alianza de clases que sustenta o proceso, a dirección non é da clase obreira.

A convocatoria do referendo en Cataluña é un paso positivo para o pobo catalán e as clases populares do resto das nacións oprimidas polo Estado español, mesmo para a clase traballadora española que non será libre mentres forme parte dun país negador de dereitos fundamentais. Esta agudización das contradicións, do debate intenso da opresión nacional, alenta tamén a problemática na Galiza, e pode axudar moito a xerar conciencia política encol deste aspecto esencial, sempre que evitemos a copia. E, sobre todo, axudará a avanzar, seguir afondando na ligazón entre o socio-laboral e nacional, así como facer do suxeito social o suxeito político hexemónico do proceso de liberación das clases populares. 

http://manuelmera.blogaliza.org/