Confrontación e dobre vara de medir

As potencias hexemónicas apostaron pola confrontación na última década, diante do avance económico e demográfico dos BRICS e a recuperación do bloque dos países non aliñados. O medre dos conflitos amosa claramente que non se acepta a existencia dun mundo multipolar, malia que os principais antagonistas defendan o mesmo modelo económico e social: a globalización neoliberal.

As potencias hexemónicas apostaron pola confrontación na última década, diante do avance económico e demográfico dos BRICS e a recuperación do bloque dos países non aliñados. O medre dos conflitos amosa claramente que non se acepta a existencia dun mundo multipolar, malia que os principais antagonistas defendan o mesmo modelo económico e social: a globalización neoliberal. Agora ben,  dado o perigo dun conflito nuclear, a vía escollida é un xeito de guerra fría, ou sexa: a batalla mediática, o cerco económico, a espionaxe e a intervención militar localizada, directa ou indirecta co (ou en) apoio de forzas internas mercadas ou engaioladas polas ofertas imperiais. Por esta razón, na Ucraína os manifestantes neofascistas de Maidan son gabados polos medios e as potencias hexemónicas, en troques os que se opuxeron ao golpe no leste e sul do país son considerados terroristas manexados por Rusia, e ao servizo de Putin. Como este exemplo poderíanse dar unha morea máis encol desta dobre vara de medir. 

"Os puntos máis quentes deste conflito xeo-estratéxico están hoxe en Siria, Ucraína e no mar do sul de China"

, no fornecemento de gas ruso, no secuestro da rede polos Estados Unidos, e en cal será a moeda internacional de troco e reserva. Agora ben, ningún outro conflito como a guerra civil na Ucraína amosa que o enfrontamento ten un carácter estratéxico, que non é conxuntural. Trátase dunha agresión directa á seguridade de Rusia, a segunda potencia militar do mundo, con inmensas reservas de enerxía e un PIB que hoxe triplica o do Estado Español. Ás veces ignórase que ademais Rusia é unha verdadeira potencia en investigación e avances tecnolóxicos, especialmente no eido militar. Trátase dunha postura dos Estados Unidos planificada polo miúdo; son ese tipo de cousas que non se deixan ao chou. Non pode ser doutro xeito porque terá consecuencias sobre o escenario mundial nas vindeiras décadas, tanto se Moscova cede como se acepta o reto, o que por certo é a única opción non suicida para o seu país e moitos outros. 

O novo escenario que se esta configurando deixa en mans dos Estados Unidos non só a dirección militar, sen ningún protagonismo e capacidade de matización para os seus aliados ou subordinados, senón que ademais terá consecuencias negativas en todos os planos para as clases populares de todos os países afectados, nomeadamente os que integran a Unión Europea. Terá consecuencias negativas, no económico e no social, tanto porque supón aceptar a aplicación mimética do modelo norteamericano, como porque insire novos atrancos nas relacións coas potencias emerxentes. Asemade, coloca a UE na primeira liña da confrontación, “xustificando” o desvío de fundos para o complexo militar, e o aumento da seguridade e da represión interna, en prexuízo dos dereitos democráticos máis elementais. Algo que por certo non é unha novidade, mais que se intensificará. 

"Nunca se sabe cando o cerco mediático, militar e económico pode acender o lume que faga estoupar o polvorín que se foi acumulando".

Cando estamos a punto de lembrar o centenario da Primeira Guerra Mundial que causou millóns de mortos e feridos e a destrución dunha boa parte de Europa, estes feitos dramáticos deberían servir para reflexionar sobre as consecuencias da aposta pola confrontación entre potencias. Nunca se sabe cando o cerco mediático, militar e económico pode acender o lume que faga estoupar o polvorín que se foi acumulando. E neste aspecto, sempre é maior e decisiva a responsabilidade das potencias hexemónicas e das clases dominantes. A satanización que hoxe se fai dos países e partidos que non aceptan esa hexemonía e procuran un mundo multipolar é o principal atranco, máxime cando as regras de xogo que foran pactadas despois da Segunda Guerra Mundial son incumpridas sistematicamente por parte dos Estados Unidos e os seus aliados máis próximos, comezando por Israel no tema palestino. 

"Fará falla que as forzas rupturistas avancen en todo o mundo e os pequenos países aumenten o seu protagonismo"

Ficamos nunha conxuntura histórica, con graves problemas medio ambientais, demográficos, enerxéticos, en fin, de sustentabilidade de humanidade. Un contexto dramático provocado por un sistema económico e social que coloca por diante a opresión e explotación para a obtención do lucro e o secuestro do poder por unha minoría. Unha solución sería, aínda que non é funcional coa globalización neoliberal, polo que implicaría un cambio radical na correlación de forzas: un acordo sen dobres varas de medir entre as grandes potencias e pequenos países, para garantir o respecto á soberanía das nacións (tamén daquelas ás que se lle nega o dereito á liberdade), a xustiza social, e a democracia popular, para evitar que continúe a desfeita e a violencia. Todo indica que esa non é a tendencia actual e que, para andar este camiño, fará falla que as forzas rupturistas avancen en todo o mundo e os pequenos países aumenten o seu protagonismo, para que o imperialismo se vexa obrigado a aceptar a existencia dun mundo multipolar e un sistema económico e social xusto. Ou sexa, depende do que cada un de nós faga na súa nación, e de que participemos activamente e organizadamente dun proxecto alternativo para a humanidade. Porque o nacional e o mundial nunca estiveron tan interrelacionados coma hoxe. 

http://manuelmera.blogaliza.org/