Consecuencias da unidade como saída conxuntural

As negociacións entre Esquerda Unida e Podemos coa intención de constituír unha candidatura única para as vindeiras eleccións ás Cortes remataron en fracaso

 

As negociacións entre Esquerda Unida e Podemos coa intención de constituír unha candidatura única para as vindeiras eleccións ás Cortes remataron en fracaso. Algo que se vía vir dende un principio, dado que o partido de Pablo Iglesias sempre considerou un lastre a suma de siglas.Todo indicaba que os de Podemos non queren estar amarrados a ningún acordo que limite a súa viraxe ao centro e que os candidatos/as teñan unha determinada imaxe e discurso. O partido do círculo é un proxecto apoiado nos medios de comunicación, cunha mensaxe que traballa sobre imaxinarios e sen rachar na práctica as pontes co sistema.

O inicio das conversas de Podemos con Esquerda Unida foi consecuencia da presión de simpatizantes e activistas dalgúns territorios, diante do retroceso na intención de voto que reflectían as enquisas, e polo destaque nos medios da polémica encol da unidade. Porén, os malos resultados das eleccións en Catalunya convenceron á cúpula de que a eiva estivo en non aparecer coa súa marca, co seu estilo, e en verse comprometidos con prácticas anteriores das forzas aliadas neste proceso, luxando así a súa imaxe. Ademais, Podemos non precisa un acordo coa dirección de EU, xa que até agora foille absorbendo a estes unha boa parte da súa militancia e dos/das votantes. Pola súa parte, a dirección de Esquerda Unida coidaba que evidenciando diante da sociedade que Podemos mantén unha postura contraria a unha alianza electoral, a escenificación da negociación ía lles axudar a recuperar activistas e votantes, e contrarrestar as voces internas que pulan pola unidade, mesmo renunciando ás siglas e ao proxecto histórico.  

O partido do círculo é un proxecto apoiado nos medios de comunicación, cunha mensaxe que traballa sobre imaxinarios

Todos estes aspectos son abondo coñecidos, e tamén as valoracións que sobre a unidade fai cada unha destas forzas. Porén, a escenificación durante meses, cun resultado final onde non se acada o obxectivo perseguido, cando menos o que sustentaban no discurso cara o público, podería ter custes para ambas as organizacións, e para a formación da conciencia política. Analicemos o tema. 

Segundo informaron ambas as forzas nos medios de comunicación, o debate centrouse nas siglas, en como concorrer. Ou sexa, en aspectos de forma e na certeza de que a unidade permitiría obter uns importantes resultados en número de escanos, e mesmo presidir un futuro Governo. Ficaron nun lugar totalmente secundario o programa e a folla de rota, ou sexa, os obxectivos políticos da candidatura. Unha cuestión que non é menor, dadas as diverxencias entre ambas as organizacións. Por exemplo no Parlamento Europeo, cando a Esquerda Plural ausentouse ao falar o Rei Filipe, para manifestar a súa oposición á monarquía, e Podemos asistiu porque entende que este tema non é prioritario neste intre. Ou no feito de que a primeira se reivindique de esquerdas, mentres que a segunda diga que esta é unha definición superada. Nas institucións, e moi especialmente en responsabilidades de governo, estes non son temas secundarios. Son importantes para calquera proxecto político minimamente coherente, aínda que sexa circunstancial ou local. Cando non existe unha posta en común nestes aspectos, que marcan no imaxinario social unha liña política, é difícil que dure a unidade. A non ser que as posturas máis mornas ou o oportunismo terminen por triunfar. 

Ficaron nun lugar totalmente secundario o programa e a folla de rota, ou sexa, os obxectivos políticos da candidatura

Que os temas políticos estiveron ausentes das reunións fica evidente nos comunicados de ambas as forzas, onde unha delas, teima na importancia de acadar a unidade, e a outra, en ofrecer un posto a Alberto Garzón, e deixar en evidencia que EU é un lastre. Ao final, o que se instala no imaxinario colectivo con estas actuacións é que o fundamental son xestos, e actitudes simples como: unidade ou sectarismo, debilidade ou firmeza. Polo tanto, trátase de  decidir entre bos e malos, submisos e machos alfa, ficando o programa e a folla de ruta, ou sexa as cuestións do povo, no fondo do caixón. Dáselle pulo a conceptos prepolíticos, que fían exclusivamente nos líderes, nas formas, propios dos partidos sistémicos. Son conceptos que tamén por vez primeira se instalan con forza no imaxinario político da base social da esquerda, desligando estes aspectos (que teñen o seu valor) do proxecto de sociedade, da soberanía. Fortalécese un retroceso na conciencia política, que os medios alentan, e que sen dúbida aproveitará o PSOE; e pode que mesmo Ciudadanos, esa dereita renovada, orgullosamente neoliberal e nacida da confrontación aos dereitos nacionais dos povos dependentes. 

Ademais, no caso de Esquerda Unida, a súa aposta por se diluír en candidaturas de unidade, máis que reforzar a alianza con outras forzas, reflicte que renuncia ao seu pasado, dando deste xeito razón a Podemos cando argumenta que esta, e boa parte da súa militancia, é un lastre. A dirección amosa unha actitude derrotista. E mesmo que esta táctica permita sumar forzas aliadas e activistas non organizados, o que sempre é positivo, está por ver que este camuflaxe serva para gañar novos votantes e convencer os simpatizantes de sempre que aposten por unha nova sigla. Tampouco se pode ignorar que cando os partidos desaparecen en plataformas construídas para a conxuntura e cunha finalidade exclusivamente electoral, como é o caso de Ahora en Común, transmítese á sociedade a idea de que os partidos e a militancia organizada ten menos valor que as figuras mediáticas, os titulados universitarios, etc. que son normalmente os protagonistas destas estruturas. Destácase o individual sobre o colectivo, e a actividade profesional por riba da capacidade, a formación e a experiencia política, social e sindical. Seméntanse ideas trabucadas, que abonan concepcións elitistas no seo da esquerda, desacreditan a necesidade do partido para o cambio, e fortalecen as bases ideolóxicas da estrutura de clases. Plataformas que a maior parte das veces están integradas por un número reducido de persoas e sen ningunha actividade fóra da electoral, malia o cal non teñen rubor en afirmar que representan á maioría da esquerda ou do povo, e pretenden ditar aos partidos programa e candidatos/as para as institucións. 

Transmítese á sociedade a idea de que os partidos e a militancia organizada ten menos valor que as figuras mediáticas, os titulados universitarios, etc

A proposta de converxencia para as eleccións xerais entre Esquerda Unida e Podemos, os seus contidos ou a falta deles, a súa escenificación, o fracaso das conversas e, especialmente, o pouso que deixa no imaxinario popular, permite tirar algunhas ensinanzas. Resulta evidente que a unidade non se pode reducir a sumar siglas ou activistas, o importante é que isto teña translación no aumento da conciencia política da sociedade, na militancia organizada, na mobilización, na loita das ideas e na presenza institucional. Son todos estes aspectos, máis que o número, mesmo sendo importante, o que realmente conta, así como ofrecer un proxecto de cambio, cunha folla de ruta críbel, cun programa que cubra axeitadamente cada etapa e polo tanto permita avanzar. Non abonda con superar o momento, cómpre ter unha estratexia na que estea unificada a organización a medio e longo prazo. As formas non poden abafar os contidos, e os espellismos substituír a autocrítica da praxe. Como experiencia negativa do tacticismo temos a de Syriza en Grecia, que non é pouca cousa. Para mudar a realidade fai falla ter un amplo corpo militante organizado, así como cadros nos distintos niveis, comezando pola dirección, que ilusionen e gañen a complicidade das clases populares. Nesta etapa na que os medios de comunicación teñen tanto peso na sociedade, os dirixentes poden sumar ou restar... tamén os militantes. A diferenza é que uns fano por millares e outros como máximo por ducias. Non se lle pode dar relevancia a estes aspectos noutras organizacións e ignoralos na propia. Esta non é unha cuestión secundaria.

http://manuelmera.blogaliza.org/