O contexto político no Estado español

As enquisas, así como o recuar na privatización da sanidade en Madrid ou nas obras en Gamonal, amosan que o Partido Popular está a perder aceleradamente apoio social tamén no corazón do Estado español (a España propiamente dita), polo que dá un paso atrás nalgunhas decisións, e asemade comezan os primeiros abandonos do barco.

As enquisas, así como o recuar na privatización da sanidade en Madrid ou nas obras en Gamonal, amosan que o Partido Popular está a perder aceleradamente apoio social tamén no corazón do Estado español (a España propiamente dita), polo que dá un paso atrás nalgunhas decisións, e asemade comezan os primeiros abandonos do barco. Houbo sectores da sociedade que se creron que para saír da crise había que apertar a correa, porque se vivía por riba das posibilidades (especialmente entre os empresarios/as, profesionais, traballadores/as acomodados). E, malia que a crise foise alongando, tamén creceu aceleradamente a concentración da riqueza nas grandes fortunas e medraron os ingresos dos altos directivos. Mentres que, como contrapartida, aumentaron os sacrificios da clase traballadora, non se creou emprego, os salarios seguen baixando, e o prezo de bens de primeira necesidade e a presión fiscal non deixan de subir. 

"Con estes mesmos reaccionarios criterios preténdese aprobar a futura lei de Seguridade Cidadán e a reforma da Lei do Aborto"

Ademais, sen ningunha escusa de orde económica ou esixencia social, só por criterios ideolóxicos propios do españolismo máis centralista e confesional, fíxose unha reforma regresiva no ensino, e déuselle pulo á centralización da riqueza e o poder coa lei de Unidade de Mercado e a concentración da banca. Con estes mesmos reaccionarios criterios preténdese aprobar a futura lei de Seguridade Cidadán e a reforma da Lei do Aborto; neste último caso, sen ter en consideración que isto levará a milleiros de mulleres a abortar no exterior, ou facelo clandestinamente no interior, poñendo en perigo a súa vida. Unha reforma que non atinxe por igual a todas as mulleres, que distingue por clases sociais, xa que aquelas con medios económicos poderán abortar con todas as garantías no exterior, como facían antes de que a Lei de Aborto por prazos permitise a realización dos abortos na sanidade pública. Trátase dunha reforma que resta potestade á muller sobre o seu corpo, colocándoa na situación dunha cidadanía de segunda.

Cando Rajoy pensaba que saíndo dos números vermellos nalgúns datos macroeconómicos podería gañar tempo e novos apoios, é cando cae con maior forza que nunca na intención de voto, colocándose por debaixo do 30%. Todo indica que esta rápida queda é consecuencia directa do carácter regresivo daquelas medidas que atinxen aspectos democráticos esenciais e da corrupción que abrangue de cheo ao PP e PSOE. É demasiado evidente, mesmo para as persoas menos informadas, que estas reformas non tiñan como finalidade solucionar as necesidades sociais, senón satisfacer segundo o caso, á xerarquía relixiosa, sectores de extrema dereita, e á alta burguesía. 

"O recuar electoral, e o abandono dalgúns proxectos, agudizará as contradicións internas na dereita"

Con toda seguridade o recuar electoral, e o abandono dalgúns proxectos, agudizará as contradicións internas na dereita, entre os que queren impoñer a toda costa o proxecto ideolóxico, sen importar os custes electorais, e aqueles que poñen por diante favorecer os intereses empresariais e consolidarse nos cargos. Estes, pensan, que poden recuperar apoios no centro ideolóxico, diminuíndo algo o ritmo dalgunhas reformas regresivas (o menos posíbel), e dando prioridade á concentración da riqueza e do poder, xa que será determinante a longo prazo, mesmo para poder avanzar na españolización e na confesionalidade. As últimas confrontacións internas danse, no fundamental, entre estas dúas tendencias, que non teñen diferenzas nos obxectivos senón nas formas. Ningunha delas é democrática, se entendemos como tal que o poder político sexa reflexo da vontade e dos intereses do pobo. 

En todo caso, coido que ningunha destas tácticas lle vai valer ao PP, xa que nada fai pensar que se poda producir un inmenso medre do PIB, pois o consumo segue na UCI, o comercio exterior non ten un crecemento sostido, e o turismo e a entrada de capitais depende de factores externos moi conxunturais. En resumo, as eivas de fondo so sistema produtivo non foron solucionadas, polo que existen todas as condicións para que se poda reproducir a recesión. Todos recoñecen que a creación de emprego vaise adiar, xa que o obxectivo empresarial é optimizar o lucro, e se houbese algunha creación, sería a uns niveis que non se sentirían na maior parte das familias esmagadas polo axuste. Tampouco lle vai ser doado a Rajoy baixar impostos, para gañarse as clases medias acomodadas, porque isto obrigaría a diminuír drasticamente as pensións e servizos esenciais básicos, ou agrandar o déficit público, algo que a UE non permitiría. 

"O PP seguirá unha tendencia descendente. Agora ben, isto non significa que vaia recuar a globalización neoliberal e o poder das clases dominantes"

Daquela, se non hai un cataclismo político, o PP seguirá unha tendencia descendente. Agora ben, isto non significa que vaia recuar a globalización neoliberal e o poder das clases dominantes, porque a substitución pode ser máis unha vez o PSOE ou, se fixese falla, unha alianza entre ambos partidos como acontece en Alemaña (aínda que aquí é moi cedo para iso, a confrontación verbal é neste intre moi agresiva, e os aspectos confesionais non son asumíbeis pola base do PSOE). A outra alternativa, un acordo entre o PSOE e Esquerda Unida, tampouco garante máis que mudanzas na forma, e vontade de aumentar os servizos públicos e unha fiscalidade máis progresista (neokeynesianismo). Mais, neste contexto, como se reflicte en Andalucía, non abonda con palabras fermosas, xa que non é posíbel unha redistribución da riqueza e o traballo sen modificacións de fundo no sistema, algo que EU non propón, e o PSOE hai décadas que non asume. Ademais, unha ruptura democrática tería que contar cunha sociedade mobilizada, organizada, acostumada a disputar a rúa, e para alén da leria parlamentar chamando á rebelión, hai décadas que EU abandonou esa estratexia. 

"Hoxe, as únicas alternativas con forza e continuidade, que desestabilizan o proxecto das clases dominantes no Estado español son os nacionalismos da periferia dependente"

Hoxe, as únicas alternativas con forza e continuidade, que desestabilizan o proxecto das clases dominantes no Estado español son os nacionalismos da periferia dependente, especialmente en Cataluña e o Pais Vasco, porque ademais de capacidade mobilizadora teñen o aval político da maioría social nas institucións autonómicas. O nacionalismo na Galiza, non tendo maioría, electoral é sen lugar a dúbidas a forza social e política máis dinámica do país, a que ten maior capacidade mobilizadora e presenza no ámbito da cultura. Mais o nacionalismo non é homoxéneo, e as distintas forzas que o integran en cada nación representan intereses de clase ou de fraccións de clase, que non sempre forman parte das clases populares; e ademais, a globalización neoliberal agudiza estas contradicións de clase dentro de cada nación. Lembremos os acordos e complicidades con partidos que representan as clases dominantes do Estado opresor. Agora ben, estas contradicións tamén son moi fortes entre as nacións dependentes e o Estado español, mais só pasan a primeiro plano cando se toman iniciativas a curto ou medio prazo para a ruptura da dependencia (como é a convocatoria do referendo pola independencia en Cataluña), e coxunturalmente nas mobilizacións defensivas contra o proceso centralizador da riqueza e do poder e contra medidas que esmagan a identidade colectiva (por exemplo lingüísticas ou de ensino da historia). 

Este escenario político complexo no Estado español abre importantes oportunidades para os cambios, porque os dous partidos maioritarios directamente ligados ás clases dominantes están perdendo forza (tanto no Goberno como na oposición), representando hoxe só un 60% da intención de voto no Estado. Polo tanto, é un contexto que debería dar azos e revalorizar a mobilización social, especialmente da clase obreira, e alentar o apoio político ás forzas que cuestionan a globalización neoliberal; ou sexa, ao nacionalismo (de esquerda) das nacións dependentes. Agora ben, de como atinxen a Galiza o recuar do PP e o PSOE, os avances de EU, as diversas correntes do nacionalismo, as relacións entre este e o movemento social, e os obxectivos e métodos de traballo, merece unha análise migalleira nun artigo posterior. 

http://manuelmera.blogaliza.org/