Deberes e dereitos, e a lei da selva

O atentado contra Trump, que deixou un morto e dous feridos graves, así como un pequena ferida na orella ao candidato á presidencia polos “republicanos”, fortalece a idea de que as eleccións xa están decididas ao seu favor. Máxime cando Biden non deixa de amosar  limitacións persoais para seguir nun posto de tanta relevancia. O atentado como é lóxico foi repudiado por numerosos países, mesmo que manteñen políticas antagónicas cos Estados Unidos, porén ademais deixa en evidencia eivas de seguridade e ate onde chega socialmente a confrontación política interna na potencia norteamericana (especialmente o enfrontamento dentro do poder económico). Unha agresividade que abrangue non só aos republicanos, como sempre se dixo, senón tamén aos demócratas, ou á maior parte deles. Esta polarización está alentada tanto polo tipo de relato de Trump, como pola política guerreirista externa de Biden, tensionando ao máximo o enfrontamento con outros países cando esixen se respecte súa soberanía e procuran unhas relacións en pé de igualdade.

Este perigoso medre da violencia verbal, unida á normalización da lei da selva e da solución individual (como meta esencial), propia das películas do “far west” coloca non só a certas áreas do planeta senón a todo el ao borde da guerra e da destrución nuclear (aínda que e a ninguén lle conveña). Polo tanto non é casual que os filmes de vaqueiros tan populares durante as décadas de auxe dos Estados Unidos, posteriores á 2ª Guerra Mundial, estaban combinados con aquelas películas e series nas que se mitificaba a familia da clase media, con chalé e coche, e que formaron parte da imaxe vendida no exterior do modo de vida idealizado da sociedade norteamericana estean presentes con novas formas na mensaxe actual dominante tanto de demócratas como de republicanos. É así, porque se trata dunha combinación de comportamentos, de de expectativas sociais que se pretende manter presentes no subconsciente colectivo, malia seus riscos a nivel interno, como amosa o número de armas en mans de civís, a proporción de persoas na cadea, o medre da desigualdade e da violencia. Trátase dunha visión idealizada do “país das oportunidades” cada vez máis afastada da realidade, que aínda funciona en amplos sectores da sociedade.

Agora ben, trátase dun relato, cuxa divulgación deixa cada vez un resultado máis negativo, máxime cando aumentou tanto a desigualdade entre estados e clases sociais, e adquiriu tanta importancia na economía o complexo industrial militar, as novas tecnoloxías da comunicación, o sector financeiro... a concentración da riqueza e do poder,... e no ámbito internacional deu folgos a potencias emerxentes, sobre todo asiáticas, que foron gañando espazo na demografía mais tamén no ámbito económico. 

En poucas palabras, o intento de asasinato de Trump non é un dato anecdótico, amosa en estremo as contradicións sociais e políticas da aínda hoxe maior potencia, e as dificultades que ten, tanto económicas como de modelo social, para desenvolver un proxecto para toda a sociedade e seguilo vendendo a nivel mundial. Só se pode lograr reducir as tensións internas e externas mediante un modelo económico-social que acepte a realidade multipolar, a diversidade cultural e lingüística como unha riqueza da humanidade, así como os límites ecolóxicos, demográficos, de mobilidade, e apostar por unha resolución dialogada das diverxencias en todos os escenarios. Ou sexa: todo o contrario das películas do “far west”, da mitificación do individualismo, da liberdade ilimitada e da lei do/da máis forte. Unha democracia universal, recoñecida nas súas múltiples formas, nas que o esencial é o respecto polas decisións dos povos, de todos (soberanía, dereito de autodeterminación, que non poden ser artificiosos e rematar nas fronteiras decididas polas potencias gañadoras da segunda Guerra Mundial). Sociedades nas que deberes e dereitos están asociados, forman parte do mesmo paquete. Este é o único xeito de evitar a lei da selva, de recuar á caverna.