Entre derivas negativas e cambios na boa dirección

Os medios sistémicos (e hexemónicos) sempre están dispostos a poñer o dedo na chaga cando se trata de forzas que molestan. Non son imparciais. E agora tamén o fan contra En Marea, xa que a consideran un perigo electoral, despois de lle dar folgos (antes foi a AGE) como alternativa ao BNG. Daquela, o seu obxectivo principal na Galiza era rematar, ou cando menos debilitar, o opoñente histórico do proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder e da dependencia externa. Un proceso ao que se incorporou hai tempo a burguesía do país, procurando un lugar entre as clases dominantes. Fíxoo renunciando á cultura e lingua propias e hipotecando un desenvolvemento autónomo; asumindo así un retroceso constante para Galiza na distribución da produción e do traballo, a desfeita do rural e a enxurrada emigratoria.

Os medios aproveitaron a renuncia da Marea a ter un grupo parlamentar propio para lle dar leña por incoherentes. Mentres, ignóranse arreo as contradicións dos partidos aos que serven. Neste caso tiñan argumentos para facelo, porque En Marea nen sequera se integrou no grupo mixto para manter certa autonomía (como fixo Compromís). Os demais partidos e os medios repetiron a crítica en relación coa proposta para formar governo de Podemos-EnMarea-PodemEnComú ao PSOE, por non figurar unha soa mención a Galiza, e ademais por excluír calquera reclamación propia. Beiras saíu xustificar este “esquecemento” dicindo que faltou “axilidade” para que chegasen as propostas galegas a Madrid. Mais, en paralelo, García Buitrón afirmaba que Iolanda Díaz formou parte da redacción da proposta de Podemos. Este senador da Marea dicía non entender o debate, porque Galiza ten a mesma relevancia (e problemática) que Castela-A Mancha ou Estremadura. Mais esta tese non se lle aplica a Catalunya nen ao País Vasco, as outras dúas nacionalidades históricas, e choca coas teses que seica defende Anova. A pregunta é: cal das dúas posturas defenden En Marea? Polo momento, Beiras non saíu replicarlle a Buitrón. Por se non abondase, todos os medios recollen que o PSOE reunírase o pasado luns con “Podemos, Compromís e IU”. Ou sexa: En Marea, diluída. Alexandra Fernández, de Anova, di agora que En Marea vai negociar a máis, propostas especificas para Galiza. Unha saída serodia e provocada pola presión exterior.

Os medios aproveitaron a renuncia da Marea a ter un grupo parlamentar propio para lle dar leña por incoherentes

As anteriores contradicións deixan sobre todo en evidencia que a folla de ruta escollida por Anova, que seica ía abrir camiños para avanzar na conquista da soberanía nacional (convertendo a estratexia do BNG na escolla dunha pista rural fronte á autoestrada), fracasa nas primeiras batallas. Nen sequera permite manter o feito diferencial e a defensa dos intereses económicos e sociais galegos que son específicos. E este é un aspecto de enorme relevancia e baseado na práctica, non na teoría. Unha práctica que contradí as hipóteses que se formulan dende algúns sectores do BNG que propoñen unha alianza “técnica” coas Mareas, na que seica estaría garantida a liña política do nacionalismo. Porén, non é así. Non existen as coligazóns técnicas en política. Non é posíbel. Non polas debilidades políticas e ideolóxicas que poidan ter algúns militantes de Anova, senón porque a tendencia dominante dá pulo á centralización e concentración do poder e da riqueza, mais tamén da política, da cultura e lingua, da información, da iniciativa, etc. Especialmente se existen puntos de enganche político-ideolóxico (dependencia) que atan a periferia co centro. Por exemplo, acordos programáticos, de grupo parlamentar, etc, que liguen (subordinen) as forzas nacionalistas á “esquerda estatal”. Por máis que esta cuestione o modelo e admita na teoría a capacidade de decidir, na práctica dáselle folgos á centralización do poder, e polo tanto achégaselle auga ao muíño imperialista. O problema non é exclusivamente o que se dí, senón ademais, como se organizan as cousas, que tendencias se alentan, cal é a mensaxe subliminal (neste caso: precisamos de España).

A tendencia dominante dá pulo á centralización e concentración do poder e da riqueza, mais tamén da política, da cultura e lingua, da información, da iniciativa

Anova debería realizar unha autocrítica, reconsiderar a súa participación nas Mareas, por mellores que sexan os resultados electorais. Cada día que pasa están máis ligados a unha visión estatal da política, na que se recrea a subordinación con nova fraseoloxía. Unha análise critica que tamén terían que facer aqueles sectores do BNG que se deixaron atrapar polo éxito electoral, pola conxuntura, polo engado que ten o éxito sen sacrificios. A práctica, sempre tan clarificadora, esíxelles a ambos que rectifiquen. De non facelo, poderíase pensar que conseguir cargos está por riba do proxecto político (obxectivos, formación da conciencia, protagonismo das clases populares, liberación nacional e social). A autocrítica sempre é revolucionaria.

Diante deste panorama tan preocupante, vai no bo camiño a proposta do Consello Nacional do BNG para a nova Executiva

Diante deste panorama tan preocupante, vai no bo camiño a proposta do Consello Nacional do BNG para a nova Executiva (realizada o pasado sábado). Coido que é un paso adiante, se cadra non tan fondo como algúns quixésemos, e espero que a Asemblea Nacional do vindeiro fin de semana confirme esta candidatura. Resta por ver como fica o relatorio, despois das emendas, xa que no orixinal practicamente se ignoraba o mundo do traballo e o papel da mobilización (tamén notase a mínima presenza da clase obreira na Executiva e no Consello). Aínda que estas eivas poderíanse entender (non xustificar) porque a política de alianzas centra o debate da Asemblea, especialmente a no referente á fórmula de concorrencia aos procesos electorais. Sen dúbida a nova dirección ten por diante unha tarefa complexa. Nos últimos anos houbo moitos bandazos, e escenificouse unha e outra vez unha organización carente de folgos e necesitada de acordos con Anova para recuperar presenza social. Así non se pode tomar a iniciativa, mobilizar e gañar votantes.

Non todo foi negativo, houbo acertos con repercusión social e participación da militancia, por exemplo: cando se arrodeou o Parlamento esixindo unha República Galega, ou cando se protestou pola presenza de Merkel en Compostela. En calquera caso quero destacar que nunca foi unha solución o camiño do medio. Esta só sería unha saída no inmediato, mais hipotecaría en pouco tempo o proxecto. En política, hai ideas, folla de ruta, e métodos de traballo correctos ou incorrectos, persoas capaces para cumprir as tarefas ou inapropiadas. O camiño do medio termina por non contentar a ninguén, transmitir á sociedade falta de liña e fortaleza, e por paralizar o traballo político da organización (máxime nun contexto de tanta tensión no eido social, económico, cultural, etc). As asembleas, as reunións orgánicas, deben tomar decisións e os organismos executivos levalas á práctica. Iso é a democracia popular. Do contrario, o papel da militancia reducirase a recibir consignas e realizar terapias colectivas. E isto sería a destrución de calquera alternativa transformadora, porque se reproduciría no interno o esquema dos partidos sistémicos.

O camiño do medio termina por non contentar a ninguén, transmitir á sociedade falta de liña e fortaleza

A confianza na vixencia do proxecto, na súa contribución histórica, na militancia e nos simpatizantes, é esencial para poder convencer, recuperar simpatías e avanzar. Isto é o fundamental!!! Ao que cómpre engadir: a rectificación permanente, a necesidade do debate, a permeabilidade, encetando pola base da organización, seguindo por aquelas forzas que coincidan nun proxecto nacional de esquerdas, e na procura de gañar ao conxunto das clases populares como protagonistas da liberación. Cómpre unir todo o posíbel no BNG. Mais para que sexa eficaz, para que permita gañar as clases populares, hai que facelo detrás dunha folla de ruta única, de obxectivos de soberanía nacional e xustiza social, e moi especialmente sen ignorar a loita de clases, ou sexa, sen esquecer a explotación (vivimos nun país onde o 83% da povoación é asalariada), unha desigualdade en aumento que está a desfacer o país (que se suma á reprodución do atraso e dunha máis valía maior por mor da dependencia colonial).

O povo debe ollar na fronte unha organización que representa os intereses das clases populares

O povo debe ollar na fronte unha organización que representa os intereses das clases populares (da clase traballadora, autónomos/as, pequenos empresarios/as), para alén de que se identifique teoricamente co nacionalismo ou non. Débese facer evidente que o BNG é unha forza democrática, solidaria, antiimperialista, defensora da igualdade de xénero, dunha economía sustentábel e autocentrada, da protección dos ecosistemas, etc. Só así se superaran os atrancos construídos pola ideoloxía dominante. Fai falla unha organización que sexa sinónimo de combatividade, coherencia e entrega. Unha forza política que respecten mesmo os adversarios. O BNG ten unha historia que axuda neste cometido, e unha militancia entregada. Hai que alentar e facilitar estas virtudes.

http://manuelmera.blogaliza.org/