Día da Patria ¡o nacionalismo segue en pé!

Con esta frase contundente valoraba un dirixente do BNG o acontecido hai tres décadas o Día da Patria Galega, cando a policía impedía que a manifestación puidese entrar na parte vella de Compostela, e polo tanto que finalizara a marcha cun mitin na praza da Quintana. Esta prohibición  acontecía dende o ano 1980; co argumento dos actos oficiais e do turismo queríase restar dereitos aos nacionalistas; empurralos fisicamente á periferia. En todos os anos que se impediu o ingreso na parte vella houbo “saltos” posteriores na zona vedada polo Goberno, malia os efectivos policiais desprazados á cidade e, como acontece nestes casos, xente mallada e detencións. 

Con esta frase contundente valoraba un dirixente do BNG o acontecido hai tres décadas o Día da Patria Galega, cando a policía impedía que a manifestación puidese entrar na parte vella de Compostela, e polo tanto que finalizara a marcha cun mitin na praza da Quintana. Esta prohibición  acontecía dende o ano 1980; co argumento dos actos oficiais e do turismo queríase restar dereitos aos nacionalistas; empurralos fisicamente á periferia. En todos os anos que se impediu o ingreso na parte vella houbo “saltos” posteriores na zona vedada polo Goberno, malia os efectivos policiais desprazados á cidade e, como acontece nestes casos, xente mallada e detencións. 

"No ano 1976, despois da morte do ditador (novembro 1975), a manifestación do 25 de xullo foi duramente reprimida"

Esta non foron as únicas ocasións nas que houbo problemas para a celebración desta data tan significativa para o nacionalismo. No ano 1976, despois da morte do ditador (novembro 1975), a manifestación do 25 de xullo foi duramente reprimida. Nesa manifestación participaron: a ANPG, MCG, LCR e o SOG. As consignas que máis se berraron foron, segundo os xornais: “Galiza ceibe, poder popular” “Non á colonización, autodeterminación”, “Obreiros, labregos, mariñeiros, unidos venceremos”, “Coa ANPG, o povo vencerá”. As mobilizacións sucedéronse todo o día, foron “saltos” que nalgunha ocasión reunían ate un milleiro de persoas; os medios falan dun total de catro mil participantes. O saldo da represión: moreas de mallados/as e medio cento de detidos/as.

Neste artigo voume centrar especificamente na mobilización do Día da Patria do ano 1983, pois coido de interese lembrar o sucedido e o contexto político e social, xa que ademais foi a derradeira que non puido entrar na parte vella de Compostela. Era a primeira manifestación co gallo desta data, que celebraba a fronte dende a súa re-fundación na asemblea de Riazor, na Coruña (25-26 de setembro 1982), e despois de que foran expulsados os tres deputados do Parlamento Galego por se negaren a xurar a Constitución Española (novembro 1982). Ademais, non facía moito que o BN-PG sufrira dúas importantes rupturas que terían consecuencias a medio prazo nas organizacións de base do “movemento nacional-popular galego” (clase obreira, agro, estudantil, cultura, ecoloxismo) e que tamén deron pulo a unha re-configuración política do nacionalismo. 

Pola súa banda, o PSG, que foi unido co BN-PG nas autonómicas de 21 de outubro de 1981, afástase da fronte e conflúe con Esquerda Galega no ano 1983 (o congreso de fusión realízase despois dunhas longas negociacións, o 24 de xuño de 1984, nacendo o PSG-EG). Deste xeito EG collía folgos, e o BNG tiña que curar as súas feridas despois dun pulso tan forte coas forzas sistémicas no Parlamento Galego. Daquela o BNG-PSG tiña tres deputados (6,27%), EG un deputado (3,4% dos votos) e o PCG un deputado (2,93%). Nas eleccións municipais de 1983 o BNG perde unha boa parte dos votos, aínda que segue a ser a forza do nacionalismo máis votada. Concretamente pasa do 7,3% de 1979 ao 4,9% e de 258 concelleiros/as a 118. O recuar será maior nas eleccións autonómicas de 1985, cando acada un só deputado (4,7% dos votos) e EG consegue tres (5,2%). Dáse no plano electoral autonómico un cambio na correlación de forzas no nacionalismo, especialmente nos grandes núcleos urbanos.

"As diferencias principais entre o BNG e EG centrábanse na cuestión colonial, no tema autonómico, no papel do goberno do PSOE, e na valoración encol da integración no Mercado Común Europeo"

As diferencias principais entre o BNG e EG centrábanse na cuestión colonial, no tema autonómico, no papel do goberno do PSOE, e na valoración encol da integración no Mercado Común Europeo, ou, si se quer, no que daquela graficamente se definía como “ruptura ou reforma”. No documento de Esquerda Galega para o debate da unificación co PSG destácase que no nacionalismo hai dúas estratexias diferenciadas. Unha sería o nacionalismo de hexemonía, o deles, e a outra de resistencia asumida polas demais forzas. Segundo EG, esta última estratexia destaca pola “espera e resistencia, enfrontamento directo, polo catastrofismo, pola actitude de canto peor mellor, pola explotación a ultranza dos conflitos, pola denuncia global e indiferenciada do sistema, polo seu terceiromundismo, a estratexia de partido único, instrumentalización das organizacións populares, aliñamento co bloco do leste, polo seu populismo e pola intransixencia doutrinaria e o sentimentalismo” (A Nosa Terra, outubro 1983, nº 231).

No eido social a situación era explosiva, xa que o Goberno do PSOE e as promesas de Felipe González sobre a xeración de 800.000 postos de traballo non conseguiron acougar os ánimos. Entre 1976 e 1983 a poboación ocupada galega baixou de 1.229.200 persoas a 1.088.400, ou sexa, 140.800 menos. A queda do emprego era moi grande nun sector clave como o industrial onde pasou de 218.900 empregos a 184.500, é dicir ¡34.400 empregos menos! O aumento alarmante do desemprego e o peche cotiá de empresas, como Intelsa na Coruña, Reyman en Vigo, e moi especialmente a grave situación no naval, deron folgos á protesta nas rúas. Ao que se deben engadir conflitos laborais como o dos estibadores fixos-discontínuos en Vigo, con 35 detidos. Un síntoma do estado de ánimo da clase obreira será a folga xeral e a manifestación do 15 de abril de 1983 en Vigo; un precedente fundamental para a realización o seguinte ano das tres folgas xerais de ámbito galego. O Faro de Vigo salientaba que duascentas mil persoas percorreran ese día as rúas de Vigo. La Voz de Galicia indicaba que Vigo e bisbarra se mobilizaron contra o desmantelamento industrial e o desemprego, e daba unha cifra de entre 150.000 e 200.000 persoas na mobilización convocada unitariamente polos sindicatos (INTG, CCOO e UGT). 

"Un síntoma do estado de ánimo da clase obreira será a folga xeral e a manifestación do 15 de abril de 1983 en Vigo"

Ademais da cuestión económica e social, naquel intre, aguilloaban a conciencia dos nacionalistas outros temas igual de candentes: a expulsión dos deputados do BNG do Parlamento Galego, os vertidos nucleares na fosa atlántica, o rexeitamento á entrada do Estado español na OTAN, a protesta dos estudantes en Vigo por mor do bono bus, e o decreto de normalización lingüística (ou de bilingüismo como o caracterizou o nacionalismo). Entre outras, podemos destacar as manifestacións contra o decreto de bilingüismo a finais de 1982, a marcha contra OTAN dende Pontevedra a Marín o 12 de xuño de 1983, e as protestas en todo o país, coa iniciativa de ADEGA o mesmo mes de xullo dese ano, contra os vertidos nucleares fronte a costa galega. 

Neste contexto político, económico e social, realizouse a mobilización do Día da Patria de 1983. Lembremos agora o que aconteceu ese 25 de xullo en Compostela. O semanario ANT titulaba do seguinte xeito: os nacionalistas resistiron, cinco horas de sentada e unha carga brutal. Na pancarta da cabeceira, coa consigna “O nacionalismo a solución para Galiza”, ían os deputados Bautista Álvarez e Lois Diéguez, así como Lois Ríos secretario xeral da INTG. Na seguinte pancarta, as delegacións internacionais: OLP de Palestina, ORPA de Guatemala, FDR-FMLN do Salvador, PVP de Uruguai, Herri Batasuna de Euskadi. O semanario informaba que o número de manifestantes era superior ao do anterior ano en 1.500 persoas, e os convocantes valoraban que se sumaran entre 10.000 e 15.000 persoas á manifestación, que a policía rebaixaba a 7.000. 

"O semanario ANT titulaba do seguinte xeito: os nacionalistas resistiron, cinco horas de sentada e unha carga brutal"

Ao chegar a marcha á porta da Mámoa, punto de entrada no casco vello de Compostela, impediuno unha compañía das FOP, que bateu coas súas porras nos manifestantes. Non podendo  seguir co percorrido instalouse unha megafonía na praza de Galiza para realizar alí o mitin. O acto foi apresentado por Agrelo Hermo, Suso Veiga leu un comunicado de solidariedade do MCG e LCR, e a continuación interveu polo BNG Francisco Carballo. ANT destaca parte do seu discurso: “en vista da situación véxome na obriga de utilizar palabras que substitúan as espadas (...) de nós ninguén ten que ter medo (...) a policía non ten que facer con nós porque somos traballadores”; dixo do PSOE, que estaba no Goberno: “non quere máis que fortalecer o capitalismo, baixo o cal non pode haber liberdade, nen paz, nen xustiza”. Despois fixeron uso da palabra as organizacións estranxeiras convidadas. 

Logo da intervención de Francisco Carballo falou o secretario xeral da UPG, Paco Rodríguez, que  lle pediu aos manifestantes que se mantivesen na praza, xa que axiña chegaría comida e bebida para todos/as. “A sentada seguiu baixo a choiva, con berros, música e cancións ate as 6:15 do serán. A esa hora comezou a guerra, despois dalgúns pequenos incidentes por parte dalgún policía que se amosaba agresivo e prepotente (...) A carga ía con saña, cunha fereza pouco vista nos últimos anos. Alí levou todo o mundo, rapaces, vellos, embarazadas... tiraron coa megafonía, mallando á xente que caia entre catro (...) Cando na praza de Galiza só ficaba xente tombada ou feridos; a policía comezou a rachar pancartas e todo símbolo nacionalista (...) Seguidamente dedicouse a entrar nos bares e alí mesmo aporreou á xente” (ANT, 29 de xullo de 1983). Tampouco o que escribe este artigo se salvaría. Perseguido pola policía ate a Alameda, xa no chan, nun treito no que hai unha reixa de ferro, baterían en min ate que me fracturaron varias costelas. Polo que da manifestación fun para o hospital. El País indica que a última hora do serán seguíanse producindo “saltos” na cidade.

"Na praza de Galiza só ficaba xente tombada ou feridos; a policía comezou a rachar pancartas e todo símbolo nacionalista"

Que este fose o último 25 de xullo no que se prohibiu a entrada das manifestacións no casco vello, débese en gran medida a que durante todos eses anos o BNG loitou contra o trato discriminatorio que se quería dar ao nacionalismo neste tema. O acontecido na manifestación de 1983, na que o BNG ía preparado para forzar a situación, produciu un cambio de opinión no Goberno sobre o tema, como consecuencia dos custes de imaxe pública por mor da represión. O éxito foi consecuencia de que o BNG mantiña unha estratexia moi definida e contaba cunha militancia formada, entregada e exemplar. Nunha mesa informativa que organizara o semanario ANT previa ao Día da Patria, Francisco Rodríguez que asistía en representación da UPG, a maior forza do BNG, afirmaba: “Os dados electorais inflúen na medida de que son indicativos de algo, inciden no sentido de perfeccionar máis o traballo, de adaptar mellor as tácticas, de cambiar a metodoloxía, porén non para un cambio de estratexia (...) os resultados non van variar a liña do nacionalismo, representado polo Bloque, inda que, evidentemente, nos obrigan a perfeccionar os nosos métodos de traballo e a agrandar a nosa introdución social.” 

"Tiña razón o BNG cando afirmaba que o nacionalismo seguía en pé, como se demostrou nas seguintes décadas, tiña alento e capacidade para enfrontar os atrancos sistémicos"

No ano 1984 o Gobernador Civil non modificou o percorrido solicitado polo Bloque Nacionalista Galego e a marcha rematou co mitin na praza da Quintana. Nesta ocasión o acto reivindicativo da fronte estaba centrado, tanto na grave situación social con dúas folgas xerais realizadas ese ano, como en desagravio pola decisión da Xunta de traer a Galiza os restos de Castelao. Deste xeito o Goberno galego ignoraba a vontade da figura máis sobranceira do nacionalismo galego que expresara o desexo de retornar a unha Galiza liberada. 

Tiña razón o BNG cando afirmaba que o nacionalismo seguía en pé, como se demostrou nas seguintes décadas, tiña alento e capacidade para enfrontar os atrancos sistémicos. O nacionalismo anticolonial tiña ilusión e entrega revolucionaria abondo para defender con teimosía os intereses do país e acumular forzas para a liberación nacional e social. Tiña ao seu favor a fortaleza da claridade de obxectivos, e sobre todo un discurso e unha práctica coherente co proxecto estratéxico. Neste momento histórico, tamén de convulsión e reconfiguración do nacionalismo, non estaría de máis lembrar aqueles outros tempos de axuste económico, social e no ámbito político.

http://manuelmera.blogaliza.org/