O erro de reducir o cambio á enerxía verde

Todas as análises daban por garantido que nos países que tiñan superado o covid-19, por mor do vacinamento masivo, houbese un rebote da economía que permitise volver a finais deste ano ou durante o próximo a valores de PIB e emprego anteriores á pandemia. Perante os pasados meses todo indicaba que podía ser así, porén agora a situación estase volvendo cada vez máis complexa  porque a cadea produtiva globalizada amosa seus límites, xa que medrou o consumo moi rápido nalgúns países e mantense a redución da produción noutros por mor do virus (falta de materias primas, chips, contedores...).

Estas son as eivas dunha globalización desvocada, que non ten en consideración a necesidade de garantir as producións esenciais o máis achegadas ao consumidor/a, para reducir o impacto dunha pandemia como a actual, tamén as desfeitas ecolóxicas, conflitos armados,... Así como cunha determinada potencia ou varias, por disputas de poder, económicas ou estratéxicas, acaparen gran parte da produción dun determinado recurso esencial ou deixen de producilo na cantidade necesaria  para situacións estremas como a actual; non previstas. Estas son en boa medida as razóns para os atrancos co gas e outros produtos esenciais neste intre.

Agora ben, ademais destas eivas que teñen un carácter sistémico, non se pode obviar que no caso concreto do abastecemento de enerxía e do prezo abusivo que ten neste intre (electricidade, gas, combustíbeis, etc) debese en gran medida a erros, por unha análise parcial e esaxerado optimismo, no proceso de substitución dos medios tradicionais na xeración de electricidade por outros alternativos, menos contaminantes e perigosos. Un consumo de electricidade que se multiplica coa substitución dos carburantes no transporte. É verdade que este é un ano atípico, pouco vento e precipitacións, porén os proxectos, as follas de ruta, deben considerar os escenarios máis negativos.

Estas son as eivas dunha globalización desvocada, que non ten en consideración a necesidade de garantir as producións esenciais o máis achegadas ao consumidor/a

Cómpre lembrar que a produción fotovoltaica, con aeroxeradores, e hídrica, depende das condicións climáticas, e que non se pode almacenar en grandes cantidades (polo momento). Mentres que a produción de enerxía con carbón, gas (moi contaminante) e atómica (moi perigosa) permite obter un subministro constante e reforzalo en calquera hora do día. Resolverase esta eiva das enerxías alternativas co hidroxeno, baterías máis potentes, e da enerxía atómica en base ao torio, que seica é menos perigoso, e que está probando China?... En calquera caso resulta evidente que para pechar centrais de ciclo combinado ou atómicas, e mesmo de carbón, facía falla, cando menos, unha produción eléctrica con medios alternativos moito máis potente e avanzar máis nas baterías.

Non se trata de dar marcha atrás na substitución das enerxías contaminantes e perigosas, senón de rectificar obxectivos e o proceso. Máxime cando ademais da substitución das primeiras ao mesmo tempo estase ampliando o consumo eléctrico, tanto polo medre demográfico e a tecnificación, como porque se están substituíndo o petróleo e gas pola electricidade no transporte e na industria.

Volver a conseguir un equilibrio entre o ser humano e a natureza non se pode reducir en exclusiva, para ser efectivo e realizarse no menor tempo posíbel (xa que é un tema que urxe), á produción de electricidade con medios alternativos. Ademais debese controlar a demografía e recuperar o equilibrio territorial, rebaixar o consumo excesivo de electricidade (en fogares, na vía pública, nos espectáculos, no comercio). Un factor esencial é reducir a mobilidade, e iso implica ao transporte de bens, mais tamén de persoas. Trátase de que as economías sexan no esencial autocentradas e sustentábeis, e iso implica un proceso inverso á concentración e centralización da riqueza e do poder, á economía de escala, ao medre da desigualdade e precariedade social e entre nacións. En poucas palabras a actual crise, mais unha vez, está cuestionando o capitalismo como modelo económico, social e territorial. Non hai solución á crise ecolóxica sen un cambio de sistema.

 

https://obloguedemera.wordpress.com/