Opinión

Falta man de obra, ou hai que rematar coa sobreexplotación

A nova, un día e máis outro, teima respecto de que falta man de obra para ocupar os empregos ofrecidos polas empresas; trátase de persoal que normalmente realiza actividades moi comúns. Daquela “casualmente” divúlganse noticias como que o número de traballadores de máis de 55 anos, e polo tanto de asalariados/as que está a poucos anos de se xubilar, maior de 55 anos, é un 72% máis que hai unha década, e suma 283.400, etc. Son novas que presentan unha caracterización do mundo do traballo en Galiza a piques de estoupar, non pola precariedade e os baixos salarios, algo común e que frea a natalidade e aumenta a emigración, senón porque sinxelamente falta man de obra. Ou sexa, que cómpre “importar” axiña xente en idade laboral desde o exterior, inmigrantes, antes de que o sistema entre nunha crise que nos afundirá a todos/as na miseria. Este é o relato que as clases dominantes a través dos medios, e de dirixentes políticos afíns, que levan tempo instalando (cada vez con máis forza) como relato no subconsciente colectivo. Seica hai un déficit de 15.000 persoas segundo declaracións da patronal galega.

Agora ben, se isto é verdade: canta man de obra extra é necesaria para manter a actividade produtiva nos vindeiros anos? Pois, calquera análise, máxime do mercado laboral, onde hai intereses tan contrapostos, debe considerar a evolución nas últimas décadas, así como todos aqueles factores que inciden, por exemplo: desemprego, condicións laborais, migración, natalidade, grao de soberanía, etc. Ademais da evolución mundial e rexional das tendencias económicas e sociais dominantes. Daquela que, cando analizamos a hipotética falta de man de obra non podemos obviar que a media de desemprego no 2º trimestre de 2024 era na Galiza de 119.800 persoas, ou sexa un 9,54% sobre a povoación activa (1.255.000). É dicir, unha taxa de paro que está moi por riba da maior parte dos países da UE, por exemplo en Portugal é do 6,6%, en Francia do 7,4%, Polonia 3%... Por outra banda, non todos/as os inmigrantes, que se considera urxente que veñan, atopan emprego; e cando o fan, son un dos colectivos con máis paro e con condicións laborais peores (segundo dados a nivel do Estado español no ano 2022 un 53% dos inmigrantes chegados de fóra da UE atopábanse en risco de pobreza, non hai razón para que na Galiza non se recree esta mesma situación negativa).

En resumo, a patronal mundial, e na Galiza tamén, polo xeral utiliza a escusa da falta de man de obra co obxectivo de aumentar a competencia entre traballadores/as (a fragmentación da clase), para reducir salarios e condicións laborais, e aumentar deste xeito o lucro empresarial. Con 120 mil persoas desempregadas na Galiza (unha boa parte deles inmigrantes, mulleres, mocidade, maiores de 55 anos...) existe unha oferta moi superior á da media da UE. Non será que hai empregos que non se dan cuberto polas condicións laborais aos que van unidos (xornada, desprazamentos, precariedade, baixos salarios, temporalidade, etc)? Ofertas tan negativas que mesmo para aqueles/as que están no paro e non cobran ningún tipo de axuda non lles merece a pena aceptala, e optan por esperar conseguir un traballo decente. Non será que por esta razón en moitos casos xa se contrata en orixe? Para evitar que a persoa teña unha visión íntegra e poida valorar axeitadamente a relación entre custo de vida e salario real a percibir e condicións de traballo...

Sería interesante saber até que punto estas ofertas tan pouco atractivas compiten co mercado negro e sen dúbida ningunha alentan a que unha parte importante da mocidade galega opte por emigrar, como a única saída. Este último aspecto segue a ser unha eiva esencial para o desenvolvemento económico da Galiza, e mesmo para evitar o retroceso demográfico actual. Por certo un aspecto no cal ten asemade un papel fundamental a expatriación de capitais de empresas residentes na Galiza, xa que multiplican varias veces a entrada de investimentos desde o exterior. Saída de capitais e sobre explotación da inmigración (e de moita man de obra galega), un negocio redondo para o gran capital, produto da falta de soberanía e de xustiza social, dun papel secundario na escala de valor, agás sectores moi limitados. Daquela que o nacionalismo, nas rúas e institucións, no político e no laboral, no cultural,... en todos os sectores e no relato, cómpre que sexa a forza hexemónica.