Favorece a UE o proceso de liberación nacional?

Un dos argumentos máis utilizados por certos sectores do nacionalismo é que a transferencia de competencias á Unión Europea debilita os Estados, e que ese “paso atrás” abre unha fenda que permite se fortaleceren as nacións dependentes. Sendo verdade a primeira parte da argumentación, carece do máis mínimo rigor, no relativo ás consecuencias sobre as nacións sen estado propio. Non valora axeitadamente os efectos e a finalidade da globalización neoliberal.

Non se pode ignorar que, na actualidade, o capitalismo alenta como nunca antes a concentración (explotación de clase) e centralización (opresión nacional) da riqueza e do poder. E que isto tamén se manifesta no eido da cultura, lingua, historia e formación, mediante a imposición de visións e comportamentos funcionais ás clases dominantes. Dise que contribúe a este proceso neoliberal a revolución no eido da información, da ciencia e da técnica. Porén, o que determina a tendencia e o contido é a característica neoliberal da mundialización; ou sexa, unha correlación de forzas favorábel aos intereses do capital.

O proceso de centralización e concentración deulle pulo á economía de escala en beneficio das grandes corporacións, que necesitan de marcos mundiais que se regulen de acordo cos seus intereses, e de estados que apliquen obedientemente estas normativas, que estean de costas ás clases populares. Na Unión Europea, isto pasa por rebaixar salarios e prestacións públicas. E para avanzar nesta estratexia, é necesario derrotar a clase traballadora e rematar cos movementos de liberación nacional.

O proceso de centralización e concentración deulle pulo á economía de escala en beneficio das grandes corporacións

Calquera reivindicación de soberanía é considerada polas clases dominantes da Unión Europea como un perigo para os seus intereses, aínda que en situacións moi puntuais, e por razóns tácticas, podan favorecer algunha delas. Nestes casos, utilízanse como arma táctica nas loitas entre as distintas fraccións das clases dominantes. Porén, isto é a excepción; non forma parte da estratexia do capital. Cando se alentou o nacionalismo letón, lituano, estoniano, croata, esloveno, etc. para fragmentar a URSS e Iugoslavia, iso servía a propósitos do momento, para debilitar a Rusia como potencia. Non é esta a súa postura en Bélxica, malia a fortaleza do nacionalismo flamengo e a centralidade e potencialidade que ten no contexto xeográfico-económico da UE. A actitude de Bruxelas en relación con Escocia e Catalunya tampouco admite dúbidas en relación ao tema, malia que no primeiro caso Londres dese validez ao referendo de autodeterminación. Merkel manifestou con claridade que comparte a postura do Governo español sobre Catalunya, e manifestou a súa ledicia polo triunfo do non en Escocia.

A Unión Europea concentra cada vez máis poder, nun proceso non exento de contradicións, tanto entre as nacións que a integran como entre clases (o conflito dos refuxiados é un deses puntos quentes). Porén, é moito máis o que une as distintas fraccións das clases dominantes que o que as separa. E ademais, nesta andaina contan co apoio de sectores favorecidos polo neoliberalismo (dende empresarios medianos e pequenos ate autónomos e profesionais, e mesmo traballadores con altos salarios e emprego garantido). Agora ben, non se pode ignorar que os excluídos son cada vez máis numerosos e a desigualdade non deixa de medrar. Un indicador témolo en que 2/3 da povoación galega ten dificultades para chegar a final de mes. Esta é a tendencia que vai a máis, determinando a importancia das contradicións (as económico-sociais, territoriais, ambientais, demográficas, etc), para as que o sistema non ten máis saída que a represión (en todas as súas formas, dende a militar ate a cultural e lingüística).

A Unión Europea concentra cada vez máis poder, nun proceso non exento de contradicións, tanto entre as nacións que a integran como entre clases

Para alén das hipóteses e teorías, na práctica a integración na Unión Europea tivo efectos devastadores nas nacións e territorios da periferia, despois dunha primeira fase na que os investimentos en infraestruturas e homologación do modelo produtivo, fixeron pensar nun desenvolvemento harmónico, alentando a ilusión europeísta. Esta non podía ser unha realidade, polas propias características do sistema. Galiza recuou en peso económico e demográfico, tanto en relación ao Estado español como á Unión Europea. A integración non corrixiu esa tendencia, senón que a consolidou. Moitos fixábanse no medre do PIB por persoa, esquecendo que era unha cifra artificial sustentada na expulsión cara o exterior dunha parte da mocidade do rural (coa crise, tamén a dos centros urbanos), acrecentando artificialmente ese dado. Tendencias regresivas, que hipotecan o presente e o futuro e que se agravan coa chamada crise económica, un xeito de lle chamar a un duro axuste económico-social-político entre nacións-territorios e clases sociais.

Galiza recuou en peso económico e demográfico, tanto en relación ao Estado español como á Unión Europea. A integración non corrixiu esa tendencia

Nas últimas décadas, e durante a crise, a gran favorecida no Estado español foi Madrid, que transformou o poder político en económico. Mais aconteceu o propio noutros estados da UE. Porque o governo defendeu uns determinados intereses (banca, turismo, agro-exportación, etc) en prexuízo doutros. Véxase o proceso de concentración e centralización financeira e da enerxía, ou nas empresas que xestionan servizos públicos, así como nas áreas da información e da cultura, malia carecer de grandes recursos como territorio, e ficar no centro dunha meseta afastada da costa. Mais isto foi posíbel porque as políticas dominantes na Unión Europea empurran neste sentido. Como consecuencia desta dinámica, sectores estratéxicos da economía galega, como o leiteiro e a pesca, ou o da enerxía eólica, foron duramente golpeados, perdéndose actividade produtiva, riqueza e emprego.

Pódese afirmar que, ademais dun proceso de estranxerización e privatización da economía galega, produciuse un retroceso na súa diversidade, e unha perda de peso en sectores estratéxicos, déronse pasos atrás nas competencias da Xunta, tanto en beneficio do Governo central como da Unión Europea. A integración na UE tampouco aumentou na práctica os dereitos democráticos e culturais, nen mellorou as condicións laborais. As últimas reformas e a lei mordaza son un exemplo diso. Non son unha excepción, xa que medidas semellantes estanse a tomar en toda a UE. Por se non abondase, existindo por parte de España unha actitude negadora da existencia de varias nacións no Estado, o certo é que nas últimas décadas, como consecuencia da globalización neoliberal, medrou a presión centralista como postura de forza e defensiva diante de Bruxelas, por parte das clases dominantes.

En resumo, se durante séculos a nación galega estivo na segunda división (a dun país colonizado), coa entrada na UE, pasou á terceira. E sendo verdade que se a Galiza estivese governada polo nacionalismo de esquerdas tería máis capacidade para defender os intereses das súas clases populares e acumular poder popular, para reverter a tendencia cómpre mudar a matriz. E iso só é posíbel con soberanía nacional e saíndo da Unión Europea.

http://manuelmera.blogaliza.org/