Que hai de certo na saída da crise

En todos estados da Unión Europea a consigna para saír da crise e xerar emprego é a mesma: rebaixar salarios, prestacións, servizos públicos, reducir o aparello administrativo e os impostos e cotizacións das empresas. Segundo o FMI, o BCE, e a Comisión Europea esta é a receita que o resolve todo, xa que deste xeito aumentarían as exportacións e baixarían as importacións, algo fundamental para crear emprego nun escenario globalizado. 

En todos estados da Unión Europea a consigna para saír da crise e xerar emprego é a mesma: rebaixar salarios, prestacións, servizos públicos, reducir o aparello administrativo e os impostos e cotizacións das empresas. Segundo o FMI, o BCE, e a Comisión Europea esta é a receita que o resolve todo, xa que deste xeito aumentarían as exportacións e baixarían as importacións, algo fundamental para crear emprego nun escenario globalizado. 

"Canto maior é o grao de abertura dunha economía, maior é o grao de exposición, (xa que depende tamén dos factores económicos e políticos externos)"

Agora ben, o problema é que ademais hai outros factores que inciden na competitividade, como son: o engadido en i+d+i, o valor do euro e os tipos de aranceis para o comercio exterior á UE, e ademais que unha boa parte dos grandes negocios dependen das corporacións e dos estados, polo que están moi vinculados a factores estratéxicos. Asemade, canto maior é o grao de abertura dunha economía, maior é o grao de exposición, (xa que depende tamén dos factores económicos e políticos externos), e polo tanto, ao recuar do PIB nas potencias emerxentes (e non só elas) neste intre, e a conflitos entre potencias, como o de Ucraína. 

Tampouco se pode ignorar que, como a realidade non é unha foto fixa, o tratado de libre comercio que se está a negociar cos Estados Unidos, así como con outros países, que se fará en función dos intereses dos grandes centros de poder da UE, e das multinacionais, aportará novos efectos negativos para a economía. No caso de Galiza este novo axuste acontece en plena crise e cando aínda non nos recuperamos dunha integración traumática da economía (no seu conxunto) no Estado español e posteriormente na Unión Europea, realizada en menos de medio século. Os  efectos máis evidentes dos pasados axustes son a enorme caída da poboación galega en relación á do Estado español, como consecuencia da emigración e a baixa natalidade. E esta enxurrada migratoria deuse mesmo no período da burbulla inmobiliaria e do crédito fácil. 

"Estase a impoñer unha redistribución do traballo (e dos ingresos) entre as clases populares, ou sexa: unha socialización da pobreza".

Un maior equilibrio da balanza exterior española, especialmente pola caída das importacións, un menor endebedamento das empresas, e unha prima risco máis baixa, son vendidos por Rajoy e Feijóo, a patronal e a Troika, como unha confirmación de que as medidas tomadas son as correctas. Convén lembrar porén, que a recuperación empresarial débese a que o Estado asumiu parte da débeda, reduciu impostos e cotizacións ás empresas, abaratou o despedimento, premeu á baixa os salarios, e privatizou a xestión de moitos servizos públicos. Afirman asemade que o aumento das afiliacións á Seguridade Social sería unha demostración de que a recesión vai quedando atrás. Mais, esquecen dicir que o desemprego baixa porque emigran ducias de miles de persoas (na Galiza foron 118.000 mozos e mozas nos últimos seis anos), e que o emprego a tempo parcial aumentou en 5 puntos. Ou sexa, que en boa medida temos máis persoas ocupadas sen que implique máis traballo efectivo; algo que é lóxico, xa que a economía pasou de recuar a un estancamento.

Estase a impoñer unha redistribución do traballo (e dos ingresos) entre as clases populares, ou sexa: unha socialización da pobreza. Todo o contrario do que sucede no estremo oposto, onde se dá un crecemento dos lucros das grandes empresas, e dos ingresos das grandes fortunas e altos directivos. Como consecuencia, o Estado español ten o maior diferencial de desigualdade da eurozona: entre o 20% con maiores ingresos e o 20% con menores, nada menos que 7,2 veces. O salario medio para o milleiro de altos directivos de empresas que cotizaban en Bolsa foi de 474.000 euros no ano 2012 (53 veces o SMI); para os directivos executivos superaba o millón de euros. As vinte maiores fortunas teñen unha riqueza comparábel ao ingreso anual do 20% da poboación máis pobre (mais de 9 millóns de persoas).

Unha parte fundamental do comercio exterior, dos países que integran a UE, dáse no ámbito da propia Unión, polo que gañar competitividade non é tan doado cando todos están a aplicar a mesma receita que as dúas primeiras economías da eurozona, Alemaña e Francia. Para alén da deflación salarial que impuxo o Goberno “socialista” de Schröder no seu día, Angela Merkel aprobou no ano 2010 medidas que implicaron un axuste entre 2011-2014 de 86.000 millóns. Francia pola súa banda, non seguía a mesma política que Alemaña, e recortaba máis homoxeneamente, segundo o Presidente francés serían “33.000 millóns só en 2013, a repartir en terzos iguais entre os fogares máis ricos, as empresas e todos os ministerios agás Educación, Xustiza e Seguridade. Hollande reclamou aos máis ricos que demostren o seu patriotismo, confirmou que aprobará a simbólica taxa do 75% para os ingresos superiores ao millón de euros limitada a dous anos”. (elpais.com; 10 setembro 2012).

"Podemos afirmar que ficamos nun contexto no que a cada recuar laboral e social, nas condicións das clases populares"

Mais este equilibrio dos socialistas franceses, para asumir os custes da crise, era aparente, xa que gravaba máis as chamadas clases medias e baixas, e nen durou moito. Hollande rectificou e este ano “anunciou un programa de aforros de 50.000 millóns de euros entre 2015 e 2017, o que supón un 4% do gasto da administración estatal, por encima dos 15.000 millóns de recortes que inclúe o orzamento deste ano. Propuxo seguir coa baixa dos impostos patronais, que suporá unha redución de taxas do 14% este ano e do 6% suplementario en 2015. "De aquí a 2017, as empresas, os autónomos non pagarán taxas familiares", dixo Hollande, que estimou o aforro para os patróns en 30.000 millóns de euros” (sitioandino.com; 15 xaneiro de 2014). Hollande non fai isto porque se volvese tolo, senón porque a globalización neoliberal non permite desenvolver políticas de reequilibrio entre territorios sen reducir custes, ou producir bens e servizos de moito valor engadido, polo que para o primeiro dos obxectivos ten que sacrificar á clase traballadora se non quere mudar o sistema produtivo,... e resulta evidente que non quere. E esta si que é unha opción do seu partido.

Polo tanto, podemos afirmar que ficamos nun contexto no que a cada recuar laboral e social, nas condicións das clases populares, seguirá outro máis intenso, aínda que o proceso sexa un dente de serra. Non semella que esta dinámica teña polo de agora fin, máxime cando os países “máis avanzados” están a aplicar a mesma receita, comezando polos barcos insignia (por exemplo Alemaña e Francia na UE). Ademais, coa globalización, só é posíbel  frear o proceso cando se consiga unha mínimo común denominador nas condicións laborais e prestacións sociais entre as potencias a nivel mundial, algo que semella lonxano. Polo que, cando se acade, será a costa da desfeita de moitos países e da destrución de moitas culturas, e nun marco de inmensas desigualdades sociais e territoriais internas (tal como xa acontece coa globalización neoliberal). Non hai polo tanto a medio prazo, e con este tipo de medidas favorábeis ao gran capital, unha saída do túnel para a clase traballadora e os territorios periféricos ou carentes de soberanía na UE (como Galiza). 

Claro que, mesmo neste contexto, hai medidas que poden aliviar o retroceso, polo que non é o mesmo quen goberne. Porén, isto non abonda para mudar ou frear a tendencia dominante, polo que, a un tempo, cómpre construír poder popular, dinamitar a globalización capitalista, e cambiar as relacións de produción. Só así será posíbel defender a identidade nacional, protexer o ecosistema, distribuír xustamente o traballo e a riqueza, e construír unha economía autocentrada e sustentábel, e que exista democracia. 

http://manuelmera.blogaliza.org/