Luscos e fuscos da revolta de Valonia contra o CETA

A ministra de Comercio Internacional do Canadá, Chrystia Freeland, volveu ao seu país dando un portazo, afirmando que as negociacións coa Unión Europea sobre o tratado de libre comercio (CETA) estaban rotas. Todo por culpa da rexión belga de Valonia que cuestionaba o mecanismo dos tribunais privados para resolver as disputas entre as corporacións transnacionais e os Estados, e que o tratado afectaba negativamente o seu sector agrario. Axiña saíron os altos cargos da UE a manifestar o seu desacougo, colocando a economía preto da desfeita, e o mundo a punto da súa destrución. Non cabía dúbida, os valóns eran uns ruíns, uns “antisistema”, uns revolucionarios. Como podían atreverse a poñer obxeccións a que os intereses dos investidores estranxeiros estivesen por riba da vontade popular para garantir os lucros planificados, naqueles países afectados polas súas reclamacións? Na lóxica da oligarquía, é natural que os intereses dos ricos e poderosos sexan os que se impoñan.

Evidentemente aqueles que, aínda sendo maioría social, logo non o son nos procesos electorais (condicionados polos medios e os poderes fácticos), ou que ollan acotío como os partidos que votaron fan todo o contrario do que prometeron, sentíronse reconfortados. Por fin metían en liña os manda-máis da UE non electos democraticamente, os donos dos cartos, que só se guían pola cobiza, e os moitos que lles serven de apoio por un pouco de gloria mediática e cinco patacóns. Mais as cousas non son tan doadas de mudar. Os poderosos, cando non confrontan con posturas que defenden organicamente un sistema alternativo, sempre están dispostos a negociar, a ceder no secundario para asegurar a folla de ruta, xa que o tempo xoga ao seu favor. Os dirixentes valóns conseguiron que a UE se vise obrigada a telos en conta, a negociar directamente con eles, a recoñecer que xogaban na primeira división e que o Governo belga non podía obviar as competencias constitucionais de Valonia.

Unha semana despois da revolta, o Ministro Presidente de Valonia Paul Magnette daba un paso atrás

Unha semana despois da revolta, o Ministro Presidente de Valonia Paul Magnette daba un paso atrás. As presións do Primeiro ministro Belga, Charles Michel, e da cúpula da UE, e algunhas cesións cosméticas, compromisos económicos e de intencións á marxe do tratado, do que non se moveu unha coma, foron suficientes para rematar coa oposición frontal. As clases dominantes europeas respiraban tranquilas, aínda que faltase por dar o debate no Parlamento de Valonia (75 escanos). O partido de Magnette (o Socialista), 30 deputados/as e o Centro Demócrata Humanista (democracia cristiá), 13, que governan a rexión, garantían a maioría. Axiña, non dando tempo a que houbese novas contestacións que impedisen a sinatura do CETA, o domingo 30 de outubro foi rubricado polos representantes do Canadá e da Unión Europea.

As grandes empresas, máis beneficiadas pola produción en escala, deron un novo paso para se desligar do control dos Estados (e dos mercados) nacionais, e así poder premer á baixa os salarios sen o corsé do consumo nacional. Máis man de obra de reserva no país ou no exterior (da emigración forzada ou da empresa deslocalizada). E para lle dar pulo a isto, fixaranse as condicións laborais, de calidade dos bens, e da protección do medio ambiente, a partir das normas máis baixas dos parceiros, xa que este será o mínimo común denominador. Dise que o comercio exterior medrará un 20%. Mais iso non implica crecemento económico nen do emprego, só que haberá unha maior distancia entre o lugar de produción e o do consumo, evidentemente en prexuízo da pequena e mediana empresa. Non podía ser doutro xeito mentres o guión sexa o da globalización neoliberal (a única forma na que pode subsistir o capitalismo nesta etapa), que dá folgos á concentración (de clase) e centralización (nacional) da riqueza e do poder.

Malia o resultado final negativo, a revolta de Valonia tivo un efecto positivo

Malia o resultado final negativo, a revolta de Valonia tivo un efecto positivo, porque demostrou que non todo está atado e ben atado. E sobre todo, que mesmo un país pequeno, ou unha rexión ou nacionalidade con competencias neste tema, nun sistema federal (como é o caso de Bélxica) ou confederal, pode condicionar o proceso de globalización no contexto europeo. Ou sexa que a cuestión da soberanía é esencial. Non é un aspecto máis. Especialmente cando o capital aposta estratexicamente pola globalización. Asemade, reflíctese máis unha vez que é no ámbito das nacionalidades históricas onde existe unha mellor correlación de forzas para impoñer modelos favorábeis ás clases populares (dada a aposta pola fragmentación en todos os ámbitos por parte do capital). Tamén resulta evidente que a UE non é reformábel, que a correlación de forzas é moi negativa e o modelo antidemocrático. O capital está disposto a eliminar todo vestixio de soberanía próxima ao povo, dado que nese ámbito a xente ten máis capacidade de presión e de cambiar as cousas. Esa é a finalidade da proposta federal europea, que centralizará toda a soberanía na Comisión e dará pulo á fragmentación laboral, social, étnica, por debaixo. Non hai máis que ver a experiencia histórica das diferenzas entre os convenios colectivos de ámbito provincial ou galegos e os estatais.

Diante desta situación, o argumento das clases dominantes é que catro millóns de persoas (Valonia, máis a zona francófona de Bruxelas) non poden atrancar un tratado “aprobado” por 500 millóns, dando por feito que iso é o quere o resto da Unión. Pura mentira! O CETA, como o TTIP, son textos descoñecidos pola poboación e os partidos, e non se fixeron referendos para aprobalos, mesmo se a súa importancia económica é recoñecida polas partes presentes na negociación. Son acordos de cúpulas, con cláusulas secretas que non se coñecerán durante anos, e mesmo décadas. Non se axustan ás máis mínimas regras democráticas. É a ditadura do capital en todo o seu esplendor, que presume dunha democracia formal carente de calquera participación real da cidadanía.

O Partido Socialista de Valonia pretendía frear o ascenso do Partido do Traballo

Outra ensinanza que nos deixa este conflito entre a Bélxica francófona e a Unión Europea (co apoio do Governo belga) é que o resultado estaba cantado, como auguraban previamente algúns analistas, reflexionando sobre os actores políticos. Advertían algúns que foi cando o actual Ministro Presidente de Valonia era ministro no Governo Federal de Bélxica, que se comezou a negociar o CETA. Daquela, o señor Paul Magnette non manifestou oposición ningunha. Para eles, o reaxer actual tiña como finalidade reivindicar o peso da francofonía en Bélxica ante un Governo belga controlado pola dereita flamenca, e para gañar peso partidario. Ademais, o Partido Socialista de Valonia pretendía frear o ascenso do Partido do Traballo. Este último defende unha política máis social e oponse firmemente aos tratados de libre comercio. As enquisas convérteno en terceira forza política neste intre, cando no actual Parlamento só ten dous representantes. Os observadores, mesmo os favorábeis ao CETA, recoñecen que o PT e os ecoloxistas fixeron unha campaña moi boa contra o tratado, que gañou á maioría social en Valonia, condicionando o resto dos partidos. Fago mención a este aspecto, porque moitas organizacións e persoas antisistémicas non tiveron en consideración esta cuestión, ao valorar os posíbeis escenarios da confrontación e os seus resultados. Alentaron unha visión tacticista, dando folgos á falsa ilusión do salvador supremo, sen ter en consideración os suxeitos políticos, a correlación de forzas, os obxectivos e a folla de ruta de cada un deles.

Gañar as futuras batallas neste tema dependerá de clarificar politicamente o que está en xogo, de organizar e mobilizar cunha folla de ruta

Que se asine o CETA non quere dicir que tamén se vaian impoñer o TTIP e o TISA. Só que o poder gañou unha nova batalla. Aínda que deixa máis plumas das que esperaba polo camiño. Claro que para impedir estes novos tratados, e darlle volta ao CETA, o importante sempre é o que facemos cada un de nós no noso país, alén de manter a coordinación con outras forzas da UE e divulgar as súas opinións e mobilizacións,. E non podemos esquecer, que gañar as futuras batallas neste tema dependerá de clarificar politicamente o que está en xogo, de organizar e mobilizar cunha folla de ruta que marque perspectivas a corto, medio e longo prazo. Abonda de tacticismo! Hai un fío condutor entre as condicións laborais e as pensións; entre a fiscalidade e os servizos públicos; entre a cultura e a soberanía e as clases sociais; entre a democracia e o reparto do traballo e da riqueza producida; entre os tratados de libre comercio e o desemprego e a desigualdade. Cómpre facer unha relación axeitada e permanente, entre o concreto e o xeral, entre o táctico e o estratéxico. Só así haberá unha folla de ruta correcta, que permita superar o reformismo evitando o ultraesquerdismo.

http://manuelmera.blogaliza.org/