Milei espectáculo e batalla ideolóxica

A retirada da embaixadora do Estado español (EE) na Arxentina hai que entendela como un forte chamado de atención aos ataques de Milei contra á muller de Pedro Sánchez, e por suposto ao Presidente, durante o mitin-encontro en Madrid da ultradereita mundial no marco das eleccións europeas. Foi unha resposta lóxica, dado que o ataque fíxose no propio EE, polo que todo indica formaba parte da estratexia tanto de Milei como de VOX (tamén lle servirá ao PSOE?...).  Deste xeito Milei quita na Arxentina por un tempo a atención a sobre a caída do PIB, a destrución de emprego e o aumento da pobreza... pondo o acento na conflitividade exterior e na redución da inflación, e deste xeito gañar tempo buscando a chegada de capitais exteriores para a explotación de materias primas (litio, gas, petróleo...). Por outra parte esta táctica non é unha novidade, todo amosa que está planificada, xa que o Presidente arxentino desenvolveu confrontacións-espectáculo semellantes con México, Brasil, China, Colombia, etc. que contrastan coa actitude reverente, mesmo submisa, con Estados Unidos e Israel...

Este enfrontamento forma parte do que el define como o debate ideolóxico, uha batalla no eido das ideas, polo tanto do relato hexemónico, que Milei considera esencial para terminar cos inimigos da “liberdade”: desde os comunistas até os neoliberais, xa que coida que estes últimos tamén aceptan o papel do Estado nas sociedades actuais. Un Estado que está ligado aos servizos básicos e medidas de protección social, necesario neste contexto, aínda que só sexa para frear a protesta social e o auxe da esquerda, e mesmo garantir que se manteña o proceso de centralización e concentración do poder e da riqueza. Agora ben, mesmo que este foi o modelo dominante en practicamente todo o mundo, desde a caída da Unión Soviética, resulta evidente que a globalización neoliberal, e o modelo de Estado que lle servía de sustento, en beneficio do imperialismo hexemónico e do gran capital, xa non é unha resposta acaida. Así o amosa o aumento da confrontación entre potencias (e do gran capital), a desfeita ecolóxica, a limitación nos recursos, a inestabilidade da situación política e social... e sobre todo pola perda de poder do imperialismo occidental e de seguridade no futuro ao gran capital. Daquela que o capitalismo intente impoñer modelos máis autoritarios (como o de Milei, e probe os de Orbán, Meloni, etc.), coa axuda do medo, daquela a escusa da ameaza externa, da violencia interna individual e colectiva, das migracións masivas non controladas, etc.

A dereita conta para este cambio coa colaboración non só do gran capital, e de poderes fácticos, senón dos medios de comunicación sistémicos, intelectuais e figuras públicas da dereita. Daquela que para que a esquerda, especialmente nos países sen estado propio ou subordinados ao imperialismo, para avanzar no proxecto de liberación e xustiza social, de democracia real, non só cómpre contar cun gran nivel de autoorganización, unha forte mobilización e presenza nas institucións, senón ademais gañar para seu relato-proxecto-andaina ás clases populares, especialmente á clase traballadora. E isto implica non só ter a iniciativa e unha militancia moi activa, senón ademais ter unha constante e masiva presenza nos medios de comunicación (propios e do sistema), dando importancia ao debate das ideas, non só en referencia a xestión e critica ao sistema opresor e elitista, senón tamén respecto do proxecto de liberación: a cuestión da soberanía nacional e popular, o aspecto histórico e cultural-lingüístico, ao tipo de democracia, a fiscalidade, que debe ser público e que privado para responder á experiencia actual e garantir a igualdade de trato e solidariedade, etc.

En momentos de incerteza como o actual, de conxuntura histórica, onde á mocidade e a amplos sectores populares se lles presenta un futuro cheo de muros e interrogantes, é fundamental ofrecer un escenario estratéxico que se vexa como posíbel, e con solucións moi matizadas (tanto colectivas e individuais). Ou sexa, definir con moita claridade o proxecto a medio prazo (e no inmediato), das forzas da esquerda, do nacionalismo liberador (no caso das nacións asoballadas como Galiza). Sei que o hai, mais: está divulgado abondo?... Como comentario final: que o BNG consiga uns bos resultados tamén nas eleccións europeas, que é de esperar pola traxectoria ao servizo das clases populares, axudará a avanzar en todos estes aspectos comentados. Aínda que os retos non son poucos, e non só na Galiza, xa que son eivas e atrancos que atinxen á esquerda en todo o mundo; nun contexto de dura confrontación entre as grandes potencias, aumento do militarismo, sancións económicas, e auxe da ultradereita... e control do discurso dominante, con todo o que isto implica.