A necesaria (e difícil) converxencia da CXTG e da INTG

O vindeiro 2 de abril, cúmprense 25 anos da confluencia da CXTG e da INTG para a formación da Converxencia Intersindical Galega

 

O vindeiro 2 de abril, cúmprense 25 anos da confluencia da CXTG e da INTG para a formación da Converxencia Intersindical Galega, unha “confederación” na que cada central mantiña  organismos de dirección e unha estrutura independentes. Deste xeito recuperábase o carácter de “sindicalismo máis representativo” para as centrais nacionalistas, e daba un paso de xigantes a coordinación na acción sindical. A Converxencia foi un precedente esencial para a constitución catro anos despois da Confederación Intersindical Galega (CIG). A decisión deu lugar, non só a unha central moito máis forte no organizativo, senón ademais cunha gran capacidade mobilizadora, para manter a iniciativa na loita contra o capital e a prol da soberanía da Galiza. 

En relación a este acordo, o semanario A Nosa Terra salientaba que ía alén do conxuntural e electoral, xa que no documento de converxencia recollíase que a CIG “pretende crebar a hexemonía do sindicalismo estatal, ao tempo que é consciente de contribuír á liberación nacional e social de Galiza”. O programa común para as eleccións sindicais estaba constituído por 30 medidas, integradas en tres apartados: por un Marco Galego de Relacións Laborais; por unha política social e de rendas máis xusta; polo desenvolvemento dos dereitos sindicais e de participación dos traballadores/as. Os resultados das eleccións sindicais foron un éxito, consolidando a converxencia. A CIG acadou nas eleccións de 1990 un total de 3.552 delegados/as (23,6%), fronte aos 2.387  (20,82%) que conseguiran a CXTG e INTG no ano 1986; nesa data acadaran unha representación moi igualada, do 10,48% e 10,34% respectivamente. 

A CIG “pretende crebar a hexemonía do sindicalismo estatal, ao tempo que é consciente de contribuír á liberación nacional e social de Galiza”

O proceso de achegamento entre a INTG e a CXTG non foi doado. Tanto polas feridas que provocou a ruptura en abril de 1985, na que se deron momentos de confrontación, como porque en ambas as centrais había sectores que, por distintas razóns, opúñanse en maior ou menor medida á unificación.  Estes eran refractarios á converxencia, mesmo sendo instrumental, como por exemplo para recuperar o carácter de “sindicato máis representativo”, que foi un dos argumentos máis empregados. Concretamente, Diario16 de Galicia (3-04-1990) interpretaba estes atrancos para chegar ao acordo de converxencia deste xeito: “Un dos puntos culminantes tivo lugar en setembro do pasado ano, cando a INTG entregou unha proposta de fusión. Esta proposta chocou nese intre con vellas rifas entre os representantes sindicais e os partidos que apoiaban ás centrais”

Sobre este aspecto El Correo Gallego (23-09-1988) afirmaba en titulares, cunha evidente intencionalidade, que “a CXTG acolle con frialdade a posíbel reunificación sindical nacionalista”. Engadía este medio, baixo o subtítulo de “Tensións” que: “na rolda de prensa na que Mera e Acuña explicaron a proposta, quedou patente o malestar da CXTG porque esta tivese chegado antes á prensa que a eles. Acuña chegou a valorar de forma negativa o feito de que a dirección da INTG non tivese tomado a decisión por unanimidade. Replicou Mera asegurando que as discrepancias tiñan que ver coa forma e non co fondo”. O 22 de setembro de 1988 saíra unha nota no Correo na que se destacaba que “os radicais da INTG opóñense abertamente á reunificación, e que a CXTG Astano quere a unidade”. Segundo este xornal os “radicais” estaban representados na INTG polos militantes do PCLN, indicando que Xan Carballo era o seu dirixente máis destacado. Lembremos que este foi o secretario xeral da INTG dende outubro de 1983 (2º Congreso) ate maio de 1987, cando foi elixido para este cargo o redactor deste artigo, no 3º Congreso, así como no 4º  (1990) e 5º congreso da central (1993).   

A INTG aprobou esta proposta á CXTG na reunión da Dirección Nacional do 17 de setembro de 1988 e contou con 22 votos a favor e 9 en contra. Esta proposta tería repercusión no 2º Congreso da CXTG, celebrado en Vigo o 14-15 de outubro dese ano, coa participación de 400 delegados/as. A Nosa Terra relata os feitos así: “No acto de clausura e avaliado por máis de 90 delegados/as, apresentábase unha resolución final que instaba, con datas e características, ao Consello Confederal recén eleito a elaborar unha proposta de unidade sindical”. A resolución, que foi aprobada por 118 votos, 36 en contra e 59 abstencións, afirmaba na derradeira liña que “dita proposta será elaborada por unha Comisión e deberá ser apresentada ao Consello Confederal no prazo de seis meses”.

 O 22 de setembro de 1988 saíra unha nota no Correo na que se destacaba que “os radicais da INTG opóñense abertamente á reunificación, e que a CXTG Astano quere a unidade”

Agora ben, esta non era a primeira vez que se facía un intento de retomar a unidade. No Secretariado Nacional da INTG do 8 de novembro de 1986 tomárase a decisión de dar os pasos necesarios para conseguir a formalización dunha coordinadora coa CXTG, co obxecto de sumar entre as dúas centrais sindicais o número de delegados/as necesarios para obter o carácter de sindicato máis representativo e as vantaxes que dilo derivan. Pola miña parte, daquela secretario nacional de acción sindical e institucional da INTG, ademais de levar o debate á UPG sobre a reconstrución da unidade, cun resultado positivo, grazas ao apoio dos compañeiros e compañeiras que militaban no sindicato, publiquei varios artigos en A Nosa Terra. Estes saíron o 25 de setembro de 1986, o 29 de xaneiro e 12 de febreiro de 1987, valorando os resultados das eleccións sindicais cun criterio crítico, sen deixar de ser optimista sobre as perspectivas futuras. No último artigo facíase unha autocrítica de como se respondeu ás contradicións internas que conduciron á ruptura da INTG en 1985. Este primeiro intento de achegamento en 1986 foi complementado con reunións exploratorias entre o que asina este artigo e outros compañeiros da UPG con militantes destacados da CXTG, porén non daría os resultados previstos, xa que o Consello Confederal desta central contestaría negativamente á proposta feita pola INTG. As condicións aínda non estaban maduras. Mais, tivo importancia para o futuro poñer as primeiras pedras.

Algúns dos parágrafos da resposta da CXTG do 26 de decembro de 1986, son ilustrativos do estado de ánimo do momento. Dicían o seguinte:

“Unha vez coñecida oficialmente a vosa proposta de constituír unha Coordinadora Sindical Galega vos comunicamos o acordo do Consello Nacional da CONFEDERACION XERAL DE TRABALLADORES GALEGOS-INTERSINDICAL NACIONAL, que temos adoptado o pasado día trece, pois xa tiñamos coñecemento da vosa proposta por iniciativa da U.P.G.

O noso Consello Nacional analizou detidamente a vosa proposta, consistente na asociación da CXTG-IN e da INTG nunha Confederación, que mantendo a 'independencia orgánica das dúas centrais sindicais, asumiría a representatividade de ambas a efectos da presencia institucional e da negociación colectiva, durante os próximos catro anos. 

Só atopamos condicións favorables ó establecemento desa asociación dende posicións que xenerosamente cabería definir como moi pragmáticas. Efectivamente, coidamos que se trataría dun acordo confusionista, cuxas únicas vantaxes, por así chamalas, consistirían na obtención de representación nos institutos oficiais dependentes da Administración Central, e nas prebendas económicas derivadas de tal presencia. 

Este primeiro intento de achegamento en 1986 foi complementado con reunións exploratorias con militantes destacados da CXTG, porén non daría os resultados previstos

(...) Lamentablemente, dende o mesmo intre do nacemento obrigado da C.X.T.G.-I.N. non temos constatado, polo momento, máis que un afondamento nas posicións diverxentes que nos colocaron na situación actual, diverxencias adobiadas con ataques, descualificacións e acusacións do máis diverso, que cunha fatal miopía viñéronse prolongando ate poucos días de rematar o presente período electoral.
Por fin, temos que expresar o noso non recoñecemento da representatividade dos actuais dirixentes da I.N.T.G.; sen ningunha acritude, a vosa central sindical non celebrou Congreso dende o conflito interno do ano 1.985, no que a metade da Dirección Nacional ficou depurada. 

(...) Ó mesmo tempo manifestamos a nosa constante disposición ó mantemento da unidade de acción contra das agresións gobernamentais e da patronal contra os traballadores galegos, e deixamos constancia da nosa esperanza de que, superados os problemas que sucintamente vimos de sinalar, o sindicalismo nacionalista sexa capaz de camiñar unido”

A unidade de acción a nivel nacional en conflitos e mobilizacións reivindicativas nos anos seguintes (aínda que non sempre foi así) e especialmente o éxito da convocatoria conxunta da folga xeral do 14 de decembro de 1988, axudou no achegamento entre as dúas centrais nacionalistas, pechando feridas e construíndo pontes. Tamén contribuíu o seu para a converxencia a evidencia de que ningunha das dúas centrais sindicais por separado ía acadar o carácter de central sindical “máis representativa”, e os atrancos que esta limitación legal impuña na negociación colectiva, na representación institucional e no imaxinario da clase traballadora. Ademais, pesou moitísimo na aproximación entre a INTG e CXTG que nas empresas e sectores se fose consolidando a unidade na acción sindical cotiá. Todos estes aspectos foron moderando as diverxencias e valorizando a necesidade da unificación, mesmo que nun principio fose instrumental, tal como propuxera a INTG en 1986 e 1988.

Pesou moitísimo na aproximación entre a INTG e CXTG que nas empresas e sectores se fose consolidando a unidade na acción sindical cotiá

A INTG aprobou a constitución da Converxencia Intersindical Galega (CIG) na Dirección Nacional realizada o 25 de novembro de 1989 e referendouna no seu 4º Congreso, celebrado o 21-22 de abril en Poio, con 218 votos a favor e cinco abstencións. Un resultado moi positivo, máxime se temos en consideración que o informe de xestión contou con 146 votos a favor, 70 en contra e 6 abstencións, amosando a polarización que había neste intre entre correntes políticas dentro da INTG. De feito, a constitución da coordinadora (como paso previo a unha unificación) foi, dende novembro de 1986, un dos temas que causou maiores enfrontamentos dentro da INTG. Pola súa banda, a CXTG aprobou a Converxencia no seu Consello Confederal, a principios de novembro de 1989, por 38 votos a favor, 5 en contra e 2 abstencións. A Comisión Xestora da CIG estaba composta polas seguintes persoas: pola CXTG, Fernando Acuña Rúa (secretario xeral), Xulia Pérez Martin, Xoán Cons Pintos, Luís Burgos Díaz, Humberto Busto Abella e Xosé Lois Romero Falque; pola INTG, Manuel Mera Sánchez (secretario xeral), Xesús E. Seixo Fernández, Xan Carballo Rodríguez, Silo Castro Pérez, X. Manuel Iglesias Iglesias, e Ignacio Martínez Orero. Deste xeito, abríase unha nova andaina na que a CXTG e a INTG porían cada unha o seu grao de area para consolidar a CIG como unha central sindical de clase, nacionalista e combativa.

http://manuelmera.blogaliza.org/