Os papeis de Panamá

Que saian á luz as contas opacas de empresas e persoas que utilizan paraísos fiscais, ou calquera outra argucia para non pagar impostos, ou lavar cartos obtidos por medios delituosos, é algo necesario e positivo para a inmensa maioría. Neste aspecto, os chamados papeis de Panamá son unha contribución á loita contra a corrupción, aínda que só sexa por poñer o tema en primeiro plano. Agora ben, sería moi inocente non ollar que, tal como se está a divulgar esta noticia polos medios sistémicos, a súa finalidade principal parece ter un obxectivo xeo-estratéxico, que está vinculado á confrontación con Rusia e aos conflitos en Siria e Ucraína. Así o reflicte o feito de que se ignoran algúns implicados (como Poroshenko o presidente da Ucraína) e tócanse moi de lado outros, mentres se sinala co dedo dirixentes de países que non figuran nas listas, como son Putin e Assad. Mesmo colle forza a teoría de posíbeis novas sancións contra Rusia e empresas que utilizarían a forma offshore para canear as restricións comerciais impostas por Estados Unidos e a UE contra Moscova polo conflito na Ucraína. 

Segundo os informes, o bufete de avogados panameño Mossack-Fonseca, ao que se lle subtraeron os papeis divulgados, tiña como clientes (intermediarios) 2.212 empresas de Hong-Kong, 1.924 do Reino Unido, 1.223 de Suíza, 617 dos Estados Unidos, 558 de Panamá, 444 de Guatemala, 405 de Luxemburgo, etc. Polo que resulta sorprendente que nos nomes que se divulgaron non figure ningún cidadán/a estadounidense ou alemán, nen directivos/as das corporacións. Tamén é rechamante que non haxa ningunha gran empresa ligada ás novas tecnoloxías, aos grandes medios de información e á banca. Todo indica que foron excluídas. É difícil de aceptar como casual que non figuren nos papeis da “maior filtración da historia”. Máxime cando “entre os seus socios máis importantes atópanse bancos e avogados en Miami (Florida) e no estado de Nevada (Las Vegas). Este último, xunto con Delaware, son as lavadoras máis grandes do mundo. Compiten coas súas contra-partes na Canle da Mancha (Gran Bretaña). Estas lavadoras, con todo, non son consideradas offshore e poden operar debido á protección que reciben dos seus respectivos gobernos (Washington e Londres, respectivamente)”  (http://www.pagina12.com.ar/diario/elpais/1-296636-2016-04-10.html).

Resulta sorprendente que nos nomes que se divulgaron non figure ningún cidadán/a estadounidense ou alemán, nen directivos/as das corporacións

En todo caso, se non hai ren que agochar, por que non se permite o libre aceso aos papeis de Panamá? Máxime cando os medios que os divulgan dinse líderes da transparencia. Tampouco está abondo claro como se produciu a filtración, todo son especulacións. Non é moi críbel que centos de xornalistas especializados de distintos medios internacionais leven moitos meses traballando nos papeis para peneirar a información cando esta amosa despois tan pouca precisión. E sobre todo, como se puido agochar tanto tempo aos gobernos e aos servizos de intelixencia a filtración estando tan estendida? 

Estas e outras sospeitas dan credibilidade ao comunicado de Wikileaks a respeito de que: “O escándalo desatado pola revelación dos chamados 'papeis de Panamá', que relacionan varios líderes mundiais con empresas opacas, foi programado pola Organized Crime and Corruption Reporting Project (OCCRP) e financiado pola Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID), así como polo fondo de Soros”. Segundo a empresa, a filtración “debeuse a un acto delituoso, xa que foi un ataque de hackers. A filtración de 11,5 millóns de papeis (sobre 215.000 empresas, de 14.153 clientes, 143 cargos e 12 dirixentes políticos) do bufete de avogados de Mossack-Fonseca, que forma parte da ducia que se dedican en Panamá a facer de intermediarios para a creación de empresas offshore. As últimas informacións din que estes papeis fóronlle entregados en principio ao xornal alemán Süddeutshe Zeitung. Non din quen o fixo, nen cales foron as condicións. Este xornal abriu a información ao Consorcio Internacional de Xornalistas de investigación (ICIJ), con sede en Washington. Esta entidade está financiada por entidades ligadas a grupos conservadores de Estados Unidos e Europa. 

Estes papeis fóronlle entregados en principio ao xornal alemán Süddeutshe Zeitung. Non din quen o fixo, nen cales foron as condicións

Tendo en consideración a opacidade da orixe dos papeis e os criterios seguidos para a súa divulgación colle sentido o amoreamento de nomes e países, cunha finalidade máis política que informativa. Se non fose así, por que non utilizar Wikileaks para facer a filtración, unha entidade non ligada a intereses dos estados e grupos económicos? Óllase na folla de ruta escollida a intención de xerar ruído, para colocar a noticia no centro de atención por bastante tempo, sen deixar ao descuberto o obxectivo principal. Este ficará sempre presente aínda que sexa nun segundo plano para que forme parte da memoria colectiva. Porén, cando interese, terá un papel destacado. O obxectivo principal semella dirixido a deteriorar a imaxe de certos dirixentes políticos molestos, xa que a información é hoxe unha das grandes frontes de batalla entre potencias. Pretenderá tamén deteriorar a economía de Panamá, que ten no negocio bancario unha das súas principais fontes de ingresos, ou este é un efecto xa pactado? 

En calquera caso, resulta evidente que non se quere terminar cos paraísos fiscais, que por outra banda non deixaron de medrar nas últimas décadas, grazas á desregulación financeira realizada polos Estados Unidos durante o goberno de Clinton, cando en 1999 derrogou a Lei Glass-Steagall de 1933. Os paraísos son funcionais á globalización neoliberal, ou sexa, á concentración da riqueza. O capitalismo está cada vez máis ligado á economía delituosa e á especulación financeira: “Os paraísos fiscais teñen un rol central no universo das finanzas sucias, isto é dos capitais orixinados en actividades ilícitas e criminais. Mafias e políticos corruptos son clientes asiduos deses territorios. Segundo o FMI, o branqueado de diñeiro representa entre o 2 e 5% do PIB mundial e a metade dos fluxos de capitais internacionais; circulan ou residen neses Estados, entre 600 mil millóns e 1 trillón e 500 mil millóns de dólares sucios” (Os prostíbulos do capital, artigo de Emir Sader).

En calquera caso, resulta evidente que non se quere terminar cos paraísos fiscais, que por outra banda non deixaron de medrar nas últimas décadas

Porén, se houbese unha intención real de rematar cos paraísos fiscais, para evitar que a delincuencia branquee os ingresos, e os empresarios corruptos non paguen impostos, abondaría cunha lexislación que regulase o movemento de capitais. E que se aplicase aos países que arroupan a delincuencia e a corrupción, un bloqueo como o que hoxe se practica contra Cuba, Rusia e outros estados, neste caso por razóns que carecen de xustificación, a non ser a defensa de intereses dos poderosos. Non esquezamos que unha boa parte dos paraísos fiscais son territorios de ultramar do Reino Unido, e que estados como Delaware nos Estados Unidos, e países da UE como Luxemburgo, Irlanda e Bélxica, exercen o dumping fiscal en beneficio do capital, en prexuízo dos ingresos públicos. Por que non se toman estas medidas?

Para alén de cales fosen as intencións das filtracións, e do enorme control que sobre os medios teñen as corporacións e as potencias hexemónicas, o final desta película pode non ser o esperado pola USAID e Soros, de se confirmar a orixe da iniciativa. Máxime cando os papeis de Panamá deixan en evidencia o dobre discurso de Macri, na loita contra a corrupción, e de Cameron, ambos aliados de Washington. No primeiro caso, pódelle ter custes políticos e penais. Tamén é un trago amargo para Arabia Saudita, Catar, Paquistán e outros socios de Obama, malia que neste caso non teñan que dar ningunha explicación, especialmente nas monarquías árabes. 

Aínda que sexa cedo para tirar conclusións sobre as consecuencias dos papeis de Panamá, para alén de que fortalecerá a conciencia colectiva a respecto de que o capitalismo é sinónimo de cobiza, explotación, opresión e corrupción, o único éxito que se poden apuntar as clases dominantes con esta iniciativa é o de aparentar transparencia e emporcallalo todo. Ou sexa, que todos son iguais, ¡non hai alternativa! O comunicado da Unión Europea a respecto de que vai controlar máis as corporacións, como seica xa fai coa banca, é de risa. U-lo o control da banca, que segue engordando a especulación e arroupando as actividades delituosas? Unha escenificación a destempo, moi pobre e non críbel, por parte das clases dominantes. Claro, estas poderán seguilo facendo, sempre que a esquerda non sexa quen de liderar obxectivos propios no nacional e no social e ofrecer unha folla de ruta coherente. E, sobre todo, cómpre  non caer na trampa dunha caracterización que resalta o negativo do ser humano, esquecendo que a maioría do pobo traballa duro, é solidario, e non poucos dano todo, mesmo a vida, por mudar un sistema perverso. Que o capital, o imperialismo, non nos gañe a batalla das ideas!!!

http://manuelmera.blogaliza.org/