É Podemos unha incógnita?

Sen dúbida ningunha Podemos foi a grande revelación nas pasadas eleccións europeas. Saído da nada, en moi pouco tempo foi quen de lle apañar unha morea de votos ao PSOE e IU a nivel do Estado español, recoller algúns da abstención e novos votantes, e mesmo rabuñar nos da UPyD e do PP.

Sen dúbida ningunha Podemos foi a grande revelación nas pasadas eleccións europeas. Saído da nada, en moi pouco tempo foi quen de lle apañar unha morea de votos ao PSOE e IU a nivel do Estado español, recoller algúns da abstención e novos votantes, e mesmo rabuñar nos da UPyD e do PP.  Na Galiza, ademais do PSOE, sería AGE a foza máis afectada. As razóns para este transvase: o descontente cos grandes partidos, ben sexa por unha xestión da crise negativa para as clases populares, ou por unha morna oposición ao poder. 

"Podemos montouse sobre a táctica dos medios de comunicación hexemónicos que  comezaron a dar relevancia exclusivamente á corrupción política"

O atractivo de Podemos é representar un voto de castigo, ofrecer unha proposta triunfalista que contrasta co relativo pesimismo da esquerda (estatal e nacionalista), e un discurso “antisistema” centrado no rexeitamento da corrupción política. No eido económico e social propón medidas propias da vella socialdemocracia e da esquerda latinoamericana. Resulta evidente que contou co arroupe dalgúns medios de masas, e polo tanto dunha fracción das clases dominantes, pode que para debilitar o ascenso de IU e outras organizacións máis estruturadas, e fracturar así a oposición á dereita. Dise que o nacemento de AGE, despois dunha escisión no BNG, serviu como experiencia previa para este proxecto, polo que ademais o seu éxito é consecuencia dos erros tácticos ou/e estratéxicos da esquerda, tanto do ámbito estatal, como do nacionalismo anticolonial no contexto galego. Neste último caso, isto dase malia ser a forza que nas catro décadas estivo á fronte da loita na rúa e nas institucións contra o sistema.

Ou sexa, Podemos montouse sobre a táctica dos medios de comunicación hexemónicos que  comezaron a dar relevancia exclusivamente á corrupción política (que taparon durante anos, porque era funcional ao capital), desviando así o centro de atención das clases populares dos que causaron a crise, que son os mesmos aos que favorece o axuste e a corrupción. E isto acadou certo éxito malia que están imputados máis do dobre de empresarios que cargos políticos, e que a corrupción é consecuencia da privatización de servizos, da relación entre empresas e partidos, e do papel omnipresente da actividade privada no capitalismo nesta etapa neoliberal. Unha diferenza importante en relación ás décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial, cando o gran capital privado compartía, dende a hexemonía, espazo co sector público e o cooperativismo, porque lle eran funcionais no proceso de acumulación. Lembremos que durante os primeiros anos da actual crise, a atención social estivo centrada no gran capital como responsábel da desfeita; tanto que Sarkozy falou de refundar o capitalismo. Asemade, non casualmente, aquel foi un período de fortes mobilizacións populares e encontros internacionais, nas que destacou a clase traballadora, mentres hoxe as loitas son máis fragmentadas e os protagonistas máis variados, aínda que a clase obreira segue destacando polo número de protestas e pola súa capacidade mobilizadora. 

"Dende as eleccións europeas Podemos estivo mergullado no organizativo, no interno, que se utiliza arreo como acto propagandístico"

No intre de caracterizar a Podemos, ademais desta primeira aproximación, debemos engadir outros aspectos que constitúen parte da súa teoría e práctica política. Refírome a todo o que elaborou e fixo durante os últimos cinco meses. Dirase que non é moito tempo, que se trata dunha forza moi nova. Mais é abondo para reflectir que prima e cara onde camiña, malia se manter o interrogante da súa consolidación política aproveitando o papel sobranceiro no ámbito institucional que lle dan hoxe as enquisas no Estado español, e o notorio espazo que acadou no eido comunicacional. 

Fagamos pois unha aproximación á teoría e á práctica desta organización:

A) O primeiro que cómpre destacar é que dende as eleccións europeas Podemos estivo mergullado no organizativo, no interno, que se utiliza arreo como acto propagandístico especialmente co inicio do proceso de conformación da dirección a distintos niveis e da aprobación da liña política. É unha actitude que indica que a súa expansión non será fundamentalmente a través da participación e alento dos conflitos sociais, senón nas reunións e debates organizativos e no funcionamento democrático formal, no relativo á representación nas institucións, xunto cun papel relevante dos medios de comunicación. Na Galiza, alén da súa presenza simbólica nas manifestacións a prol dun sistema republicano, no marco do debate sucesorio, desapareceu da protesta social durante estes meses. Neste aspecto, pouco ou ren se parece ás organizacións de Latinoamérica, das que seica recolle inspiración, xa que estas teñen como centro do seu fortalecemento a mobilización popular. Por certo, este xeito de axer non é positivo para o país, nen para o nacionalismo galego, porque non contribúe na rúa á disputa contra as clases hexemónicas, e polo tanto non constrúe poder popular real. Ademais, distorsiona o debate de alternativas, porque este se establece exclusivamente sobre a teoría sen ligala á práctica e aos seus resultados. Isto non axuda na clarificación política, xa que non permite distinguir o reformismo das posturas revolucionarias, porque se priman ás formas sobre os contidos.

"O problema é: se Podemos recoñece e defende que Galiza, como nación teña capacidade para decidir o seu futuro"

B) No “documento final do “programa colaborativo” de Podemos trátanse extensamente os temas económicos, democráticos e sociais, con propostas comúns a outras forzas de esquerda. No referente a un tema de tanta importancia como a cuestión nacional, nun documento de 42 páxinas, despois do titulo “Recoñecemento do dereito a decidir”, di o seguinte: “recoñecemento do dereito dos distintos pobos da UE a se constituíren como tais e decidir democraticamente o seu futuro”. Máis sinxelo e ambiguo imposíbel. Por exemplo, o pobo galego non se necesita constituír xa que existe como tal, o problema é: se Podemos recoñece e defende que Galiza, como nación teña capacidade para decidir o seu futuro; ou sexa, se o dereito á autodeterminación, á autoorganizacion, non é algo declarativo ou táctico, se dá poder para desenvolver a cultura, lingua, economía, relacións exteriores, etc. En resumo, que vai propoñer a este respecto nas institucións? Vai utilizar o galego como a súa lingua oficial no noso país?... Polo momento a cuestión nacional de Cataluña, Euskadi ¿Galiza?... son dúas liñas nun texto programático encol da Unión Europea. Resulta evidente que as súas preocupacións están centradas noutros aspectos, ou que non se queren mollar...

Nunha entrevista a Juan Carlos Monedero, este bota aínda máis confusión sobre o tema, pois por unha banda recoñece que reivindican a patria española (iso si, dos/as cidadáns), e pola outra, di entender a existencia do independentismo, e recoñecen o dereito a decidir (nomea a Cataluña e Euskadi, “onde existe unha identidade máis forte”). A resolución desta contradición estaría en que a estratexia do PP é incorrecta, xa que é unha fábrica de independentismo, e Podemos serían os únicos que poden salvar España pola súa sincera concepción federal. A solución seica estaría nunha maior descentralización, xa que pon os seguintes exemplos: “Podería perfectamente o Tribunal Constitucional ficar en Barcelona, e a Comisión Nacional do Mercado de Valores en Vigo”. Sen dúbida é un avance con respecto ao PP, mais segue sen recoñecer a soberanía das distintas nacións para poder gobernar non só os aspectos culturais, senón ademais aqueles que permitan controlar os mecanismos económicos e sociais. Se existise vontade real de recoñecer o carácter plurinacional do Estado, e o obxectivo fose constituír un sistema confederal, non se pode excluír a Galiza, a menos que a proposta non sexa por razóns democráticas senón por oportunismo, forzados polo feito de que o nacionalismo en Cataluña e Euskadi é maioría política, e o proceso independentista está a debate. 

"Podemos reivindica que sectores como o enerxético, alimentario, educativo, sanitario e farmacéutico, transporte e telecomunicacións, estean baixo control público"

C) Acertadamente Podemos reivindica que sectores como o enerxético, alimentario, educativo, sanitario e farmacéutico, transporte e telecomunicacións, estean baixo control público. Non é tan positiva a proposta de que se faga mercando as accións. Porén, de onde sairán tantos cartos, xa que seu valor elevarase exponencialmente na Bolsa? Por que non se propón sinxelamente a nacionalización, dado que son produto da explotación da clase traballadora en gran medida, e ademais tería un menor custe e sería un proceso máis rápido? Tampouco se entende que non se faga o propio coa banca, xa que, despois de todo, é un sector fundamental, que traba e condiciona o desenvolvemento económico, e ten capacidade para emitir diñeiro. Neste caso, só se aposta pola creación dun banco público, ao estilo das caixas, con control democrático, etc. Mais, volvo á pregunta: como se quere desenvolver un sistema económico democrático sen control social do crédito? E, aínda formularía máis unha pregunta: que pensan facer coa Bolsa, verdadeiro niño de especulación e xeración de burbullas? 

A merca de accións en lugar da expropiación indica que se quere evitar a confrontación directa coas grandes fortunas e con aqueles que teñen accións na Bolsa, o sector acomodado das chamadas clases medias. Polo tanto non é casual que tanto Monedero como Iglesias rexeiten a división de esquerda e dereita, e en ningún caso fagan unha caracterización das clases sociais e do seu papel na ruptura democrática. 

"O líder de Podemos pon como folla de ruta ideal a de Grecia, xa que, segundo el, sentaría as bases para unha Asemblea Constituínte"

D) Outro aspecto que paga a pena analizar é a folla de ruta para “recuperar a economía e construír a democracia, a igualdade, fraternidade, soberanía...” que ofrece Podemos á “cidadanía”. Nunha entrevista a Pablo Iglesias publicada en varios medios, o líder de Podemos pon como folla de ruta ideal a de Grecia, xa que, segundo el, sentaría as bases para unha Asemblea Constituínte. Agora ben, isto non aconteceu ate agora en Grecia e tampouco se pode dicir que a situación no Estado español sexa semellante. A primeira grande diferenza é que no país heleno houbo nos últimos anos grandes mobilizacións sindicais que causaron unha fenda nos socialistas, unha parte importante dos cales se incorporaron a Syriza, mais un sector coligouse no goberno coa dereita permitindo a aplicación do plano da Troika. Ate o momento non houbo en Europa ningunha Asemblea Constituínte, e non parece que sexa doado unha mudanza de forzas importante sen un medre da tensión social. Hoxe, para alén do desprestixio dos partidos sistémicos, o principal reto co que se enfrontan as clase dominantes no Estado español é o referendo soberanista en Cataluña. 

Usando exclusivamente a vía institucional, por máis optimismo que predique Podemos, a correlación de forzas só dá para realizar algunhas reformas a prol das maiorías, se existen acordos post-electorais co sector máis liberal do vello bipartidismo, ou sexa co PSOE. Un acordo con EU e o nacionalismo de esquerda non abondaría, máxime cando Podemos estalle comendo a base electoral a EU. Daquela, os cambios que propón Podemos terán que pagar a súa peaxe, diga o que diga hoxe para animar o electorado a se subir na onda da doada “transformación do mundo pola vía dixital”. Algo moi distinto sería que se lle dese á mobilización social, e ás clases populares, un papel esencial na ruptura democrática, e que se considerase o institucional como espello da construción do poder popular. Para iso tería que pasar dun programa republicano radical (dos cidadáns) a outro que cuestionase o capitalismo (a burguesía). Isto implica a confrontación de clases, un partido disciplinado, con militantes entregados e incidencia nas organizacións sociais, encetando polos sindicatos; e unha política frontista. Un camiño que critica, fuxindo de calquera división en esquerda e dereitas, como xa se dixo. Todo indica que Podemos considera o movemento social, e a clase traballadora, como subsidiario do institucional e comunicacional, que entenden como xeito correcto de facer política neste contexto. En Podemos hai sectores que se propoñen a formación dun Podemos Sindical , e sen dúbida esta posibilidade constitúe parte do imaxinario dos fundadores, porén ten os seus riscos, pode enfrontalos cos sindicatos, e non é algo doado de construír sen unha militancia disciplinada, cando menos nun inicio. Terminaran dando este salto?... Fica sen resolver tamén, a saída do euro e da UE, e unha política de alianzas distinta no eido internacional. 

"Todo indica que Podemos considera o movemento social, e a clase traballadora, como subsidiario do institucional e comunicacional"

E)  Todo fai pensar que Podemos quere reproducir a folla de ruta de Syriza en Grecia e de Correa no Ecuador, construíndo un movemento cidadán detrás de obxectivos propios da socialdemocracia e doutros que só son posíbeis cunha revolución político-social. Mesmo para acadar algúns deles que se presentan como facilmente conquistábeis mediante o voto (renda básica universal, xubilación aos 60 anos, xornada laboral de 35 horas, etc.), sería necesario dobrar a capacidade actual dos ingresos públicos e nacionalizar a maior parte do sector produtivo. Esta contradición entre os obxectivos e a folla de ruta, ou ben é reflexo de que moitos deles non son máis que un engado para gañar votantes con pouca experiencia política, ou que, como Monedero insinúa, trataríase de gañar cun discurso moderado base abondo para, no momento axeitado, formular un salto político que cuestione o sistema. Claro que esquece, se cadra porque lle falta práctica social, que a base social gañada para unhas ideas e folla de ruta non sempre está toda ela disposta a dar saltos cualitativos, especialmente cando implican unha confrontación directa coas clases dominantes. Ademais a burguesía que non é manca, non está moi disposta a facer concesións, máxime nunha conxuntura na que se ve como gañadora da loita de clases. 

F) En relación coa propia estrutura da que se está a dotar Podemos, xorden algunhas dúbidas sobre o  carácter super democrático do que se gaban. Por exemplo, un circulo pódese constituír coa presenza física do 1% dos membros, ou no seu caso cun mínimo de 5 persoas. Que representación pode ter un organismo que non conta coa presenza da maioría dos seus compoñentes para se formalizar? Isto non semella moi democrático, malia que sexa moi aberto, e só é comprensíbel nunha forza na que a adhesión faise por Internet, non se pagan cotas e non se adquiren compromisos estábeis de tarefas militantes. En realidade os círculos integran ao mesmo nivel simpatizantes e activistas, mais resulta evidente que serán estes últimos os que constrúan a organización, polo que a mesma capacidade de decisión en todo non é equitativa. Esta estrutura pode ser funcional en relación aos procesos electorais, e como vinculación telemática cos achegados/as, mais non en relación ás tarefas militantes nas organizacións de base. Por outra banda, os presentes poden tomar acordos que moi facilmente nunha reunión posterior se poden variar, dada a falta de representatividade que se esixe para constituír un círculo. Con estas características non é estraño que a liberdade de opinión sexa total para todos os membros (algo que por certo xa acontece noutras organizacións, como o BNG). Para alén das declaracións, o certo é que polo momento todo está organizado por un comité técnico de 26 persoas, e que poucas organizacións tiveron tanto centralismo inicial, a non ser na etapa da ditadura, por necesidades obxectivas de clandestinidade. Destácase un núcleo duro, profesores ou investigadores da Universidade Complutense de Madrid, como son Pablo Iglesias, Juan Carlos Monedero, Iñigo Errejón e Carolina Bescansa. Máis centralismo e concentración de poder imposíbel!

"Que representación pode ter un organismo que non conta coa presenza da maioría dos seus compoñentes para se formalizar?"

En conclusión, no referente á loita de clases, Podemos deixa a contradición nacional nun segundo plano, recollendo aspectos que melloran as condicións laborais. En ningún caso se reivindica que a clase obreira sexa o suxeito principal do cambio, única garantía de que a ruptura democrática permita avanzar cara unha sociedade con xustiza social rematando co capitalismo. 

En relación coa cuestión nacional, alén das boas palabras e dunha estratexia que evita a confrontación co nacionalismo, non por iso é menos españolista. A resposta de Monedero cando o xornalista lle pregunta sobre cal sería a postura de Podemos se Cataluña declarase unilateralmente a independencia non deixa lugar a dúbidas. Di o seguinte: “os que queren solventar estes problemas de convivencia con ameazas non entenderon ren. Son os independentistas e son os que están rachando España. De todos os xeitos as cousas non son branco e negro case nunca. Non espertas un día e declarouse a independencia. Eu creo que a independencia de Cataluña sería un desastre, para eles e para o resto do Estado, porque non é xestionábel, porque xeraría demasiados problemas de difícil solución. Habería que pactar, por exemplo, as débedas. Hai que pactar as concas hidrográficas...” E como o resume ao final: “sinceramente cremos no dereito a decidir para que os cataláns non queiran marcharse de España”. A postura na cuestión nacional de Podemos aseméllase moito á campaña do PSOE no debate da OTAN. Aínda que neste caso é ao envés: en principio capacidade de decidir, si, mais ao final ¡non! 

"Destácase un núcleo duro, profesores ou investigadores da Universidade Complutense de Madrid. Máis centralismo e concentración de poder imposíbel!"

Podemos non é polo tanto unha incógnita, trátase de reconstruír a socialdemocracia (como Syriza), agora totalmente desprendida do debate esquerda-dereita, recoñecendo o nacionalismo vasco e catalán, mais para reincorporalo á lóxica da patria de todos: España (o nacionalismo galego para eles nen existe).  Polo tanto, non é unha forza na que confiar o temón para a liberación das clases populares galegas. Tampouco é positiva a súa descualificación dos métodos de traballo da esquerda, sacralizando as formas e o aspecto comunicacional, por riba do traballo militante e da confrontación da sociedade organizada contra o sistema. Mesmo recoñecendo que a información e a formación son unha tarefa pendente nas forzas populares, non deben estar exclusivamente ao servizo da elite intelectual, dos “salvadores supremos”. Estas eivas e límites non significan que Podemos non poda representar un avance, de se confirmar co tempo, respecto das posturas do PSOE e mesmo IU en relación á cuestión nacional e social. Asemade é positivo que arrastrase nesta viraxe un sector importante dos votantes do PSOE e de IU, e que poda ser unha forza coa que ter acordos puntuais para a mobilización e coa que contar nas institucións nestes aspectos.

http://manuelmera.blogaliza.org/