A presión a prol da paz na Ucraína

O resultado das eleccións francesas, mesmo sendo positivos ao evitar un triunfo electoral da estrema dereita, deixa unha correlación de forzas no Parlamento que todo indica creará múltiples tensións coa presidencia, co que implica de inestabilidade. E isto sucede no medio dunha crise económica e de modelo da UE, cunha participación indirecta na corrosiva guerra da Ucraína, e nun contexto no que avanza a pasos acelerados un mundo multipolar, aínda que seguirán existindo países cun papel máis destacado (Estados Unidos, China, Rusia, India, Brasil...).

Por se non abondase, Alemaña, a locomotora económica da UE, (un papel que tamén ten Francia aínda que en menor medida) está nun proceso de desindustrialización (en boa parte polas consecuencias das sancións a Rusia e seu efecto sobre o prezo da enerxía e outras materias primas). Ademais os partidos da coalición gobernante teñen hoxe un apoio electoral mínimo na sociedade (un 30%), e coa estrema dereita como segunda opción detrás da CDU (centro dereita). A todo isto se lle suman os graves problemas ecolóxicos e de materias primas, e os retos demográficos e migratorios, de mobilidade e dun modelo de vida que asociado ao neoliberalismo que semella insostíbel como aspiración universal.

Evidentemente este é un contexto do que ningún país e povo pode fuxir, calquera sexa seu tamaño, historia e poder, aínda que segundo a nación e a clase social, vivan os aspectos negativos e positivos do sistema económico-social dominante de distinta maneira e con distinta intensidade. Por exemplo, non é o mesmo a situación e a capacidade de incidir na evolución do modelo por parte dos Estados Unidos que de Sudán, mais en ambos, aínda que en distinta proporción, hai ricos e pobres. En todo caso o que resulta máis evidente é que ficamos nunha conxuntura histórica decisiva, polos retos de todo tipo aos que se enfronta a humanidade, que non se poden adiar, máxime cando existe unha capacidade destrutiva tan inmensa, e a confrontación militar entre as grandes potencias, así como as sancións económicas e a ofensiva no relato, non deixan de medrar (coa colaboración activa ou pasiva das potencias e do gran capital que queren manter súa hexemonía, dos poderes facticos, dos medios de comunicación sistémicos...)

 

Agora ben, neste marco tan preocupante para o futuro da humanidade chama á atención que, así como existe un forte movemento social e político a prol da defensa do ecosistema en practicamente todos os países do mundo, e unha enorme oposición e condena ao réxime israelí pola masacre da poboación e destrución na Franxa de Gaza, non haxa unha contestación da sociedade, especialmente da europea, da mesma intensidade, respecto da guerra na Ucraína. Un forte movemento popular esixindo unha solución negociada do conflito, máxime tendo en conta que a confrontación dáse entre as grandes potencias nucleares. Esta actitude, resulta preocupante  non só porque obvia os efectos económicos e a participación no conflito cada vez máis directa da OTAN, aínda que sexa na segunda liña de fronte, xa que ademais ten unha repercusión directa no gasto en defensa e transferencia de recursos e armamento ao goberno da Ucraína, en prexuízo das políticas sociais, poñendo novos atrancos, cada día máis evidentes na UE,  para a superación da crise económica e de modelo (tamén se utilizará para reducir dereitos democráticos?...)

Aínda que a economía do Estado español medrou nos últimos anos, sobre todo polo aumento do turismo masificado e as subvencións europeas ligadas ao programa Next Generation, todo amosa que non é doado manter esta tendencia, xa que existe un retroceso na actividade industrial. No caso concreto de Galiza, polo seu papel dependente, engádeselle a esta evolución regresiva a un papel secundario na cadea de valor, que destaca pola exportación: de persoal cualificado, materias primas ou produtos na sua primeira fase de industrialización, e de beneficios empresariais (en perxuizo da creación de emprego na nosa nación). Ademais, as medidas que se toman en Bruxelas teñen cada vez maior incidencia na actividade económica dos países que integran a Unión, máxime se cumpren un papel subordinado como Galiza, mesmo respecto das decisións económicas como políticas (vexase a presión da Comisión sobre Hungría cando está pretende poñer a cuestión da paz en primeiro plano para rematar coa confrontación entre Ucraína (+OTAN) e a Federación Rusa).

Sen dúbida a guerra da Ucraína é hoxe un tema central, xa que condiciona a nivel global as relacións entre potencias e países, a evolución do sistema socio-económico, o grao de diversidade en todos os aspectos,... e polo tanto o futuro da humanidade (malia que o xenocidio en Gaza e a represión en Cisxordania, teñan un carácter máis dramático e deixen máis ao descuberto o papel colaborador de “occidente” co goberno israelí). Daquela que chame a atención que a paz na Ucraína sexa unha cuestión que se coloque nun segundo plano as forzas alternativas ao sistema (dado que a negociación partindo da situación actual mesmo se considera polas clases dominantes unha “traizón”?). Daquela que a mobilización social a prol dunha saída negociada sexa tan limitada, cando se xoga tanto nesta confrontación en termos de futuro, tamén na Galiza.