Recoñecer o Estado de Palestina é só algo simbólico

Que o Estado español, Irlanda e Noruega recoñezan ao Estado Palestino é un paso no camiño correcto, porén de se quedar só niso ten moito máis de simbólico que dunha medida efectiva que implique un salto cualitativo, aínda que sexa pequeno, que modifique a actual situación. Para lograr un cambio real cómpre dar pasos adiante en dous aspectos fundamentais neste intre: un alto ao fogo e abrir unha mesa de negociación que garanta a paz e reconstrución nos territorios palestinos (tanto en Gaza como na Cisxordania); e un pacto polo que Israel recoñeza a Palestina como un estado e se fixe seu territorio partindo de acordos anteriores (nunca cumpridos por Israel).

Agora ben, para camiñar neste sentido fai falla que as potencias "occidentais" que son as que levan anos avalando a progresiva ocupación do territorio palestino por Israel, comezando polos Estados Unidos e a Gran Bretaña, rectifiquen a súa liña política. Ou sexa, que desistan da súa estratexia imperialista de control da humanidade, e acepten un mundo multipolar, diverso, deixen de ver o mundo exclusivamente en función dos seus intereses económicos e de poder. Algo lóxico e necesario, pedido pola inmensa maioría da sociedade, máxime cando se está masacrando ao pobo palestino en Gaza e reprimindo en Cisxordania, tamén con mortes e detencións masivas en Cisxordania.

Asistimos a unha masacre con tinguiduras cada vez máis evidentes de xenocidio, xa que na práctica todo indica que o que se busca é desprazar pola forza a toda a poboacion de Gaza e ocupar ese territorio por colonos israelís, utilizando todo os medios. Así o reflicten os feitos: destrución do 80% da cidade, máis 35 mil mortes, o dobre de persoas feridas... problemas da abastecemento e cada vez máis xente que está padecer fame... que se convertan en maioría e morran por milleiros é unha perspectiva cada vez máis realista, tal como denuncia as Nacións Unidas. Non xogará un papel neste obxectivo, mesmo debuxado como mesiánico, a existencia unha gran riqueza de gas nas costas da Faixa de Gaza?

Todo indica que as últimas masacres en Rafah, bombardeando campamentos que están fóra da zona de guerra que marca como obxectivo o propio exército israelí, sumase á destrución de hospitais, escolas, centros de axuda das Nacións Unidas, etc. Agora ben, malia os feroces ataques, Israel non conseguiu aínda, despois de medio ano, liberar aos reféns nin eliminar totalmente a Hamas... Ou o obxectivo sempre pretendeu destruílo todo usando aos reféns como escusa? É unha pregunta que non se pode deixar de facer. Así como esta outra: non se estará avivando a guerra na Ucraína por parte de "occidente", especialmente a verbal, para tapar en boa medida a masacre da poboación e a destrución en Gaza?

Recoñecer a Palestina é un paso moi limitado, mais tería unha maior forza, mesmo implicaría o inicio dun cambio, se os países que o fixeron (máis de 140) ao mesmo tempo rachasen relacións con Israel, como xa fixeron algúns estados por mor da masacre en Gaza (Colombia, Bolivia, Belice) ou como xa o viñan facendo outros dende hai tempo, como: Iran, Corea do Norte, Alxeria, Libia, Qatar, Iemen. Daquela, o recoñecemento de palestina sería moito máis que un paso simbólico, e unha forte presión sobre Israel e aqueles que o apoian no esencial, nos momentos que se agudizan as contradicións (polo que de cando en vez fan algunha critica, especialmente a esquerda sistémica, para non perder todo o prestixio diante dos seus votantes).