Retos para o nacionalismo (2): obxectivos e métodos de traballo

As clases dominantes decidíronse a mover ficha aproveitando a cuestionábel“mellora” na situación económica e no emprego, e a proximidade das vacacións, que sempre son un momento desmobilizador. Fano premidos pola convocatoria do referendo de independencia en Cataluña, os adversos resultados das eleccións europeas e o desprestixio da monarquía. 

As clases dominantes decidíronse a mover ficha aproveitando a cuestionábel“mellora” na situación económica e no emprego, e a proximidade das vacacións, que sempre son un momento desmobilizador. Fano premidos pola convocatoria do referendo de independencia en Cataluña, os adversos resultados das eleccións europeas e o desprestixio da monarquía. A cuestión é se, ademais do cambio de Rei, están dispostos a facer unha reforma da Constitución para conseguir un novo pacto de estado, do que sería un socio necesario a parte máis branda do bloque catalán, ou sexa de CIU, e as forzas da esquerda de obediencia estatal. A outra vía sería a represiva, tal como xa está a acontecer no eido laboral e social, con condenas cada vez máis duras, e unha actuación policial expeditiva contra as mobilizacións e os piquetes de folga. Aínda que tamén se podería dar unha mestura de ambas alternativas. A combinación do pau e da cenoria sempre lle deu tan bos resultados ao poder autoritario!!

"Para alén dos plans da oligarquía española, e da súa hexemonía, está a vontade da xente, e o papel que xoguen as forzas da esquerda nacionalista e estatal nesta conxuntura".

Para alén dos plans da oligarquía española, e da súa hexemonía, está a vontade da xente, e o papel que xoguen as forzas da esquerda nacionalista e estatal nesta conxuntura. Un período que é mais extenso que o do cambio do Rei, e que con seguridade vaise alongar con posterioridade ao referendo catalán. Polo tanto o nacionalismo galego debe ter unha folla de ruta moi clara e socializada cando menos para o que resta deste ano e o seguinte, cuns obxectivos concretos, por exemplo: a instalación do debate sobre a cuestión nacional, o sistema económico, a democracia, a comunicación coa sociedade, a formación da militancia, a mellora dos métodos de traballo, a acumulación de forzas, as alianzas posíbeis, etc. 

E para levar adiante esta tarefa, neste contexto, unha forza como o BNG debe reivindicar, ademais do dereito de autodeterminación da nación galega, ao mesmo tempo e ao mesmo nivel, medidas económicas, sociais, e democráticas esenciais. Porque é neste aspecto onde liga coas prioridades de amplos sectores das clases populares galegas, para alén de que se consideren ou non nacionalistas, o que permite aumentar a base social e acumular forzas para a liberación nacional. Algo que fixo  correctamente durante décadas. Na sociedade galega, é isto é moi importante, para alén do maior ou menor peso institucional, o nacionalismo non está rexeitado polas clases populares e é referencia da maioría das loitas sociais. Ademais, como amosaron as últimas eleccións, o debate no campo popular está centrado na cuestión social e coa esquerda de ámbito estatal, xa que unha boa parte das clases populares non olla a loita pola soberanía como unha prioridade ou como un camiño posíbel. E non se canea ese debate na sociedade dándolle só máis peso e intensidade ao discurso en chave nacionalista, senón ligando mellor a cuestión social e democrática coa nacional. Neste debate o nacionalismo ten as súas vantaxes, xa que sempre estivo á esquerda de EU e doutras opcións estatais. 

"A crise, o duro axuste neoliberal a costa das clases e territorios máis débiles, implica que as propostas deben ser máis atrevidas"

A crise, o duro axuste neoliberal a costa das clases e territorios máis débiles, implica que as propostas deben ser máis atrevidas, por exemplo non abonda cunha banca pública, é necesario como mínimo nacionalizar a banca, o sector enerxético e as telecomunicacións, e fortalecer os medios de comunicación públicos. Hoxe ate sectores da pequena e mediana burguesía verían con bos ollos iniciativas deste tipo. Asemade hai que se definir con claridade en relación ao euro e á Unión Europea, darlle máis valor á esixencia da saída do bloque militar agresivo da OTAN. En fin, cómpre un programa de dez ou doce puntos (economía, traballo e desemprego, emigración, servizos públicos, fiscalidade, dereitos individuais, xénero, medio ambiente, lingua e cultura, historia, soberanía, internacionalismo, etc), doados de divulgar e que recollan o espírito da consigna-programa Galiza ceibe, poder popular que forma parte da simboloxía da fronte dende o seu nacemento. 

Nesta segunda parte do artigo, quérome centrar nos métodos de traballo, xa que teñen un papel relevante na construción do suxeito político para a liberación, e son dos aspectos máis descoidados. Cando falamos de métodos de traballo, non podemos obviar que neste caso son os que debe desenvolver unha forza con vocación antisistémica, nun país que sufriu un duro e longo proceso de conquista e colonización (este último aspecto mantense moi vivo). Tampouco podemos obviar cal é o estado de ánimo da poboación, en relación cos obxectivos e folla de ruta que lle ofrecemos (tanto no xeral como no concreto) como saída superadora das contradicións existentes. Todo o relacionado cos métodos de traballo precisa de debate e de rectificación constante, dado que a situación social e política, así como estado de ánimo da xente está a mudar acotío a nivel nacional, e tamén depende do sector, ámbito ou localidade. Coido que, como mínimo é esencial termos en consideración os seguintes aspectos.

"Cando falamos de métodos de traballo, non podemos obviar que neste caso son os que debe desenvolver unha forza con vocación antisistémica, nun país que sufriu un duro e longo proceso de conquista e colonización" 

A) Primeiro, é necesario que os organismos se reúnan con normalidade, e que se combatan os métodos burocráticos, unha tendencia á que tenden todos cando levan moito tempo funcionando, mesmo naquelas organizacións con programas e discursos rupturistas. Para minimizar esta tendencia negativa é esencial planificar as campañas e actos, e que se analice posteriormente polo miúdo, con criterio autocrítico, se se acadaron os obxectivos marcados, e cales foron os acertos e erros, para socializar os primeiros e rectificar os segundos. Entre os obxectivos sempre están os económicos, sociais e políticos, e entre as tarefas a utilización dos medios de comunicación (panfleto, cartaz, xornais, discurso, consignas, etc.) para gañar novos militantes e aumentar a complicidade social. A análise debe ser tanto do traballo colectivo como das tarefas desenvolvidas por cada militante, e se as alianzas foron as necesarias e coas forzas apropiadas.

B) Para unha organización nacionalista transformadora é fundamental relacionar sempre as contradicións sociais e democráticas coa defensa da soberanía nacional. Ambas forman parte da loita de clases nun país oprimido. O social é a vía para a acumulación de forzas para resolver a contradición nacional (no contexto galego), e a liberación nacional é o nó gordiano que permite dar solución aos problemas das clases populares, se a clase traballadora é o suxeito central do proceso. Polo tanto está asociación débese dar decote, en todos os conflitos, en todas as reivindicacións. Por exemplo, é lóxico que fronte á esquerda estatal que reivindica unha República sen máis, o nacionalismo esixa o dereito de autodeterminación e unha República Galega. Agora ben, isto é asumíbel por sectores máis amplos cando se liga esta reivindicación a un avance da xustiza social e a unha democracia avanzada. Algo que, por certo, despois se fai correctamente nos documentos por parte do BNG, porén non nos cartaces, nas palabras de orde, ou naquilo que ten como finalidade chegar a todos e todas. 

"O social é a vía para a acumulación de forzas para resolver a contradición nacional (no contexto galego), e a liberación nacional é o nó gordiano que permite dar solución aos problemas das clases populares"

C) É importante ligar o concreto co xeral, co estratéxico. De pouco vale estar presente en todos os conflitos, e ter militantes que sexan referencia de moitos deles, se non se realiza un traballo planificado, con obxectivos e tarefas concretas, para conseguir a complicidade co proxecto estratéxico, gañar novos activistas militantes e que sexan unha escola de cadros. Que os dirixentes e cadros de movementos sociais formen parte dunha forza política antisistema non garante a complicidade e apoio da base desas organizacións aos obxectivos estratéxicos e á folla de ruta para conseguilos. Só amosa que se acepta como algo normal a dirección do nacionalismo nese ámbito pola súa eficacia, coherencia e exemplaridade militante. Un paso importante, mais insuficiente. Neste aspecto cómpre que en todas as campañas, e polo tanto na propaganda e documentos, figure sempre unha (segunda) consigna común. Un lema que ademais ligue os obxectivos sociais cos nacionais estratéxicos. Como por exemplo: “traballo, democracia e soberanía”, ou outra máis explícita como “traballo digno, democracia popular e soberanía nacional”, ou calquera outra que servise con idéntico fin. Trátase de deixar patente na sociedade, de socializar, os obxectivos centrais do nacionalismo. 

D) En 1823 apareceu en Angostura, a actual Cidade Bolívar, en Venezuela, o xornal “Correo del Orinoco”, e Simón Bolívar dixo sobre este feito que tiña máis valor para a independencia que 200 canóns. Se era así daquela, cando a inmensa maioría da poboación non sabía ler nen escribir, resulta evidente que hoxe, despois da grande revolución informacional das últimas décadas, os medios de comunicación son fundamentais para a expansión dun proxecto político. Non é posíbel un cambio na correlación de forzas sen recursos eficaces que permitan transmitir con exactitude a información, as análises, as propostas, e dar a coñecer os dirixentes do proxecto alternativo. E nunca coma hoxe, dada a relevancia dos medios audiovisuais, xogou un papel tan importante a capacidade que estes dirixentes teñan para reflectir todo iso do xeito máis eficaz, tanto nas palabras, como nas actitudes, nos xestos, porque todo conta. Non vale co menos malo cando hai tanto en xogo. Asemade, na comunicación, a calidade sempre se transforma en cantidade, daí a importancia das cousas ben feitas e que teñan sempre como referencia a maioría social, as clases populares, tanto de receptores como de protagonistas. Os traballos para o consumo interno alentan a endogamia nas organizacións, e unha información mal feita implica a perda de apoio social. 

"Na comunicación, a calidade sempre se transforma en cantidade, daí a importancia das cousas ben feitas e que teñan sempre como referencia a maioría social"

E) Na nosa realidade, a capacidade para fixar na conciencia social os obxectivos e a folla de ruta dunha organización antisistema, teñen que superar o atranco de carecer de fortes medios de información. Iso fai necesario manter no tempo as mesmas consignas. O único xeito de socializar os obxectivos dunha campaña, da folla de ruta e de cada paso que cómpre dar para a liberación nacional e social, é pasar por un lento proceso de asimilación interna e divulgación. É o único modo de vencer o derrotismo e as ideas alienantes que predica acotío o sistema. Polo tanto, as campañas débense planificar con tempo, manterse por períodos longos, e ser propositivas.  Integrarán necesariamente actos diversos (masivos, explicativos, simbólicos, etc.), e deben estar ben marcados os obxectivos finais, tanto conxunturais e sectoriais como políticos. Non é doado que as clases populares asuman como positiva que unha mobilización masiva ou folga remate sen conseguir ningún resultado unha e outra vez, e que non se dea continuidade á loita, malia que sexa con accións de menor intensidade. Este tipo de práctica, ademais de axer á defensiva, alenta o derrotismo. Hai que escoller as loitas, planificalas polo miúdo, e mantelas no tempo para desgastar o sistema. 

G) E, por último, quero facer unha referencia a dúas tendencias negativas na esquerda, tamén do nacionalismo galego, o reformismo e o vangardismo, que inciden na proposta tanto a respecto da folla de ruta, como dos métodos de traballo, con consecuencias que, por defecto ou por exceso, frean o avance do proceso de liberación nacional e social. Este é un tema que Lenin tratou dun xeito brillante en relación á realidade rusa do seu tempo no Que facer? E tamén Mao Zedong nas Catro teses filosóficas. Refírome por unha banda ao economicismo, practicismo ou reformismo, e pola outra ao vangardismo, ou infantilismo de esquerda. Ambas as tendencias, reformismo e vangardismo, malia que semellan antagónicas, teñen en común o seu paternalismo en relación ao pobo. No primeiro caso, porque coidan que o pobo non ten un nivel de conciencia para asumir grandes cambios, polo que abonda con mudar o que se pode dentro do sistema. E no segundo, porque consideran que a xente está á espera dunha vangarda resolta para se sumar ao proceso revolucionario. En ambos os dous casos, o protagonismo da clase traballadora e das camadas populares, na práctica, relégase a un segundo plano, e o suxeito do cambio redúcese á militancia esclarecida.  

"Ambas as tendencias, reformismo e vangardismo, malia que semellan antagónicas, teñen en común o seu paternalismo en relación ao pobo".

Tanto unha como outra tendencia son negativas; unha porque frea o pobo, e a outra porque nos afasta del, ás veces cunha folla de ruta sen pasos intermedios. Neste último caso son preocupantes os comportamentos agresivos, as consignas que alentan as diferenzas entre os/as activistas mesmo a costa de ser rexeitadas pola poboación, e ignorando a importancia de conseguir a complicidade social e de facer pedagoxía sobre a necesidade da liberación nacional e social. Non son aspectos secundarios. Cos mesmos obxectivos, segundo sexan as formas, as palabras e as actitudes, pódese sumar xente á causa da independencia nacional ou botala para atrás. Trátase de convencer o pobo para vencermos as clases dominantes.

http://manuelmera.blogaliza.org/