A separación do Condado Portucalense do Reino de Galiza

No ano 1128, despois da batalla de Sanmamede, na que se confrontan tropas do conde de Traba e Tareixa de Portugal, coas do fillo desta última, Afonso Henriques, o triunfo das forzas que conseguen en Henriques o seu valedor, dá lugar á independencia do Condado Portucalense do Reino de Galiza, e polo tanto da monarquía galego-leonesa-castelá.

No ano 1128, despois da batalla de Sanmamede, na que se confrontan tropas do conde de Traba e Tareixa de Portugal, coas do fillo desta última, Afonso Henriques, o triunfo das forzas que conseguen en Henriques o seu valedor, dá lugar á independencia do Condado Portucalense do Reino de Galiza, e polo tanto da monarquía galego-leonesa-castelá. Lembremos que o rei é nese intre Alfonso VII, que antes o fora de Galiza, que nacera en Caldas de Reis, e que é curmán de Afonso Henriques. Afonso VII (8º de Galiza) está moi ligado ao Conde de Traba e ao arcebispo Xelmírez. No ano 1179 (¡medio século despois!), o Papa denominará por vez primeira como rei de Portugal a Afonso Henriques, recoñecendo a independencia do Condado Portucalense, daquela con epicentro en Coimbra, Lisboa e Santarém (no ano 1143 xa o fixera Afonso VII).

"Foi tan taxante a separación do Condado Portucalense do Reino de Galiza no ano 1128? Sen dúbida foino en relación ao Reino de León e ao de Castela, e afondouse a separación a medida que Castela se fixo hexemónica"

A partir destes feitos históricos, traumáticos para o futuro da Galiza, forxouse a idea de que o país ficou daquela irremediabelmente roto, rematando así unha unidade milenaria, que enceta no megalítico, e mantense durante a celtificación castrexa e a Gallaecia romana e sueva. Acada  a súa máxima expresión durante a confederación con León, e moi especialmente nos períodos de independencia do Reino de Galiza con Ordoño II (910-914)*, Sancho Ordóñez (926-929)* e García (1065-1072)*, e comeza a ser cuestionada durante o reino de Afonso VII (1111-1126)*, curmán de Afonso Henriques. 

Mais realmente, foi tan taxante a separación do Condado Portucalense do Reino de Galiza no ano 1128? Sen dúbida foino en relación ao Reino de León e ao de Castela, e afondouse a separación a medida que Castela se fixo hexemónica. Porén, no que respecta a Galiza, hai cando menos tres aspectos fundamentais que se deben ter en consideración: que a división relixiosa seguiu sendo a mesma ate o cisma de occidente; que Portugal non renunciou a incorporar o noso país ao novo Reino; e que, ademais dunha lingua e cultura común (cando menos co norte de Portugal), a nobreza galega tivo un papel notorio no Reino portugués. Debullemos un chisco estes aspectos.

Naquel tempo a Igrexa xogaba no eido social, económico e político, un papel tan importante como a nobreza. Sendo deste xeito, non é secundario que ate o cisma de occidente (1389) no que a Igrexa católica divídese entre Roma e Aviñón, se mantivesen as demarcacións anteriores á independencia portuguesa. “Mentres Santiago de Compostela recoñecía a Aviñon, Braga prestaba obediencia a Roma (...) Lugo, Ourense, Mondoñedo e Tui dependían de Braga (...) O arcebispo de Compostela García Manrique dirixiuse ao Papa de Aviñón e pediulle que mentres Braga se mantivese na herexía, os catro bispados galegos ficarían suxeitos a Santiago de Compostela. A Clemente VII pareceulle unha medida acertada, mais morreu antes de expedir as bulas, de envialas encargouse o seu sucesor Benedicto XIII (14 de setembro de 1395)”i Outro tanto facía o Papa de Roma Bonifacio IX que “lle quitaba a Compostela as súas en Portugal onde, entre outras, rendíanlle obediencia Lisboa e Coimbra”. Deste xeito producíase unha reordenación que sería funcional á división política producida ¡267 anos antes! 

"Hai que destacar que se deron moitos intentos dos reis de Portugal de recuperar a unidade da antiga Gallaecia".

Encol do tema anterior, que implica un pulo cualitativo negativo nas relacións entre as dúas ponlas nas que se dividiu Galiza co nacemento do Reino de Portugal, dinos Emilio González López: “A ligazón eclesiástica rachouse ao mesmo tempo que afrouxaba a existente entre os dous pobos da mesma lingua: a ligazón dos nobres galegos cos portugueses, por se casar en Portugal e fixar residencia no país veciño. Relación aristocrática que foi moi estreita nos reinados de Pedro I e Fernando I, ate tal punto que en tempos deste último monarca tíñase formado en Portugal un verdadeiro partido formado por galegos expatriados (...) a partir da casa de Avís foise reducindo cada vez máis o número de nobres galegos”ii. Houbo nobres galegos/as na Corte de Portugal tan importantes como Inés de Castro, Alvar Pérez de Castro, Nuno Freire de Andrade, ou o Conde de Andeiro. 

Unha forte relación cinguiría aínda por tempo a unidade entre ambas bandas do río Miño. Sobre este aspecto dinos Rui Ramos: “Mas o uso da palavra “Portugal”, só por si, não anticipava, já um futuro reino independente, nem a língua definiu a unidade política, pois aínda não seria separável do Galaico”iii. Todo reflicte que para consolidar a súa autoridade, que en principio non excluía á Galiza do norte, segundo o historiador Rui Ramos: [o fillo de Tareixa] “afirma a demarcação face á Galiza e consolida minimamente a súa autoridade, Afonso Henriques fixou-se em Coimbra, a partir de 1131. Esta deslocação do Entre-Douro-e-Minho para a cidade do Mondego, na então zona fronteira entre os domínios cristãos e muçulmanos, revela que o príncipe Afonso já não estava dependente do apoio dos barões que o tinham acompanhado en São Mamede e cuja implantação se situava ao norte do rio Douro”. 

Tamén hai que destacar que se deron moitos intentos dos reis de Portugal de recuperar a unidade da antiga Gallaecia. Lembremos algúns deles. Durante o reinado de Dinis (1279-1325)  a súa política “orientouse sempre a formar do noso país un reino independente unido por estreitos lazos de cultura e de política a Portugal (...) O rei don Dinis foise para Portugal para preparar o levantamento de Galiza, para o cal contaba coa axuda de don Afonso de Albuquerque, seu mordomo maior e antigo adiantado maior de Galiza, así como do novo adiantado galego Fernando Rodríguez de Castro”iv. Dende 1286 ate o ano 1300 sucedéronse estes intentos a prol da independencia, apoiando o infante Juan, irmán do rei de Castela Sancho IV, durante o reinado deste e do seu fillo Fernando IV.

"O último intento para reconstituír a unidade será o de João de Avis que pretendeu conquistar Galiza en 1397, coa axuda do ex-arcebispo de Compostela García Manrique"

No ano 1369 Fernando I, rei de Portugal, fillo de Pedro e Inés de Castro, contando co apoio de Alvar de Castro e Nuno Freire de Andrade, proclámase rei de Galiza e ocupa o territorio. “mas o grupo mais numeroso era composto por galegos. Foi a adesão dos nobres galegos, e da sua entrega de muitos castelos e localidades ao rei D. Fernando, que transformou a campanha de 1369 nunha verdadeira “guerra de primavera”, de características quase festivas para o monarca português”v. Enrique de Trastamara convocou tropas internacionais (mercenarios, as compañías brancas francesas) e con elas invadiu Galiza e despois Portugal. O reinado de Fernando foi efectivo na Galiza tres meses, aínda que controlou a Coruña dous anos. 

O último intento para reconstituír a unidade será o de João de Avis que pretendeu conquistar Galiza en 1397, coa axuda do ex-arcebispo de Compostela García Manrique (que antes tomara a iniciativa de que os bispados galegos dependentes de Braga pasaran a selo de Compostela, “mentres durase o cisma entre Aviñón e Roma”). “Mais en 1394, gobernando Henrique III, chocou inicialmente co arcebispo de Toledo e axiña coa coroa. Na situación de cisma relixioso que entón se vivía, [Manrique] retiroulle a obediencia ao Papa de Aviñón, seguido polo Trastamara, e acolleuse ao de Roma, acatado por Portugal. En 1396 o Rei Xoán de Portugal entrou en guerra con Castela; García Manrique apoiouno militarmente, con intervencións destacadas en Pontevedra e Tui. Por fin, en 1398, viuse obrigado a exiliarse nese reino”vi.

"Todo indica que durante as ditaduras de Salazar e Franco, malia a súa proximidade ideolóxica, as relacións económicas, culturais e sociais entre as dúas marxes da raia, perderon a vitalidade anterior". 

A partires deste momento ábrese unha etapa de paz entre as coroas de Castela e Portugal. As prioridades do reino da outra banda do Miño vanse centrar nas expedicións no continente africano. Dáse como inicio desta nova etapa a conquista de Ceuta no ano 1415. No ano 1425 comeza o poboamento da Madeira, e no ano 1434 os navegantes portugueses atravesan o cabo Bojador. Polo tanto, pódese dicir que co solpor do século XIV, as relacións entre Galiza e o Reino de Portugal sofren unha mudanza cualitativa tan importante como a que se produciu en 1128 coa independencia do Condado Portucalense da Coroa de Galiza-León-Castela, con Afonso VII como emperador. Resulta evidente, como xa se dixo, que naquela data as relacións eclesiásticas, entre a nobreza, e no ámbito social e cultural (como amosa a lírica galego-portuguesa da época) non sufriron un retroceso destacábel. Porén a partir do século XV o afastamento semella evidente. 

Tamén hai aspectos negativos nas relacións cos nosos irmáns do sur. Por exemplo, os enfrontamentos militares por mor da segunda independencia de Portugal, que tiveron na fronteira común unha das zonas máis conflitivas. Ou cando tropas galegas substitúen en Porto ás francesas que ocuparon Portugal. Agora ben, isto non quere dicir que se racharan as relacións entre os dous pobos, tan próximos xeograficamente, na cultura e na lingua. Por exemplo: cos acordos en pe de igualdade da Xunta Superior de Galiza e o Reino de Portugal para combater a ocupación francesa; coa realización a principios do século XX dos Congresos Obreiros Galaico-portugueses; coa presenza na Academia Galega de Teófilo Braga, que sería o primeiro presidente de Portugal despois da Revolución Republicana de 1910; etc. Todo indica que durante as ditaduras de Salazar e Franco, malia a súa proximidade ideolóxica, as relacións económicas, culturais e sociais entre as dúas marxes da raia, perderon a vitalidade anterior. E este recuar notouse posteriormente, malia todas as declaracións de boas intencións que se fagan dende o ámbito cultural e político. Se cadra porque neste aspecto, como en tantos outros, ademais dos programas e discursos, sempre é esencial unha folla de ruta con tarefas concretas, ou sexa, a praxe. Por iso o comercio de bens e servizos vai tan ben; mentres o intercambio cultural, as relacións sindicais e políticas son frouxas. Mudar esta situación é fundamental, e necesita dunha folla de ruta e tarefas concretas.

Por último, no referente á independencia de Galiza e Portugal fican sen tratar aspectos importantes. Que territorios abranguía o Condado Portucalense? Era, como din algúns, no momento da separación, máis importante ao sur do Douro que nas terras ao norte do río? Outro tema de interese é o lingüístico. Nomeadamente o idioma que se tomou como oficial é o galego con influencias do centro e sur de Portugal, ou como din outros estudosos, o dialecto de Coimbra (mozárabe), onde fica a capital do Reino e a primeira Universidade, con importantes contribucións lingüísticas do norte de Portugal, e polo tanto do galego? Aclarar isto ten a súa importancia, non só no vocabulario (dise que un 90% do galego e portugués son idénticos) senón tamén na fonética e na relación que existe entre o galego e portugués. Sería positivo aclarar estes aspectos, que polo de agora son causa de debate, onde priman as veces máis os sentimentos que a análise. 

 

 

i. As cronoloxías indicadas entre paréntese abranguen só os períodos exercidos como reis exclusivos da Galiza. Galicia Feudal, tomo 2; Victoria Armesto; Galaxia, 1969.

ii.La insumisión Gallega, mártires y rebeldes; Emilio González López; Editorial Citania; Buenos Aires, 1963.

iii.História de Portugal; Rui Ramos e outros; A esfera dos Livros; Lisboa, 2012.

iv. Grandeza e decadencia del reino de Galicia; Emilio González López; Editorial Citania; Buenos Aires, 1957.

v. D. Fernando; Rita Costa Gomes; Reis de Portugal; Temas e Debates; Portugal, 2009

vi.O Reino Medieval de Galicia; Anselmo López Carreira; A Nosa Terra, 2005

http://manuelmera.blogaliza.org/