Siria, agresión imperial e extensión do caos

Que o presidente dos Estados Unidos tomase a decisión de atacar Siria, co argumento de deter o emprego de armamento químico contra a poboación, carece de máis mínimo respecto polo dereito internacional cando se aproba antes de que exista un informe da comisión de expertos das Nacións Unidas e obviando a decisión desta institución (que por outra banda, é un organismo internacional que nas últimas décadas axe aos seus ditados). Non resulta críbel que esgriman a confirmación dos seus servizos de seguridade sinalando como responsábel o exército sirio, tendo en consideración que en todas as ocasións anteriores utilizou a mentira, para xustificar os bombardeos e ocupación de países que non obedecen os ditados do imperialismo hexemónico. 

Que o presidente dos Estados Unidos tomase a decisión de atacar Siria, co argumento de deter o emprego de armamento químico contra a poboación, carece de máis mínimo respecto polo dereito internacional cando se aproba antes de que exista un informe da comisión de expertos das Nacións Unidas e obviando a decisión desta institución (que por outra banda, é un organismo internacional que nas últimas décadas axe aos seus ditados). Non resulta críbel que esgriman a confirmación dos seus servizos de seguridade sinalando como responsábel o exército sirio, tendo en consideración que en todas as ocasións anteriores utilizou a mentira, para xustificar os bombardeos e ocupación de países que non obedecen os ditados do imperialismo hexemónico. 

 ¿non sería de tolos que o Goberno sirio dera razóns para unha intervención directa das potencias occidentais cando vai gañando a guerra?

Asemade ¿non sería de tolos que o Goberno sirio dera razóns para unha intervención directa das potencias occidentais cando vai gañando a guerra? E por se non abondase, que o faga no momento no que chega unha comisión de investigación sobre emprego de armas químicas en Alepo por parte da oposición armada (que foi solicitada polo seu país e Rusia). Un xornalista do prestixio de Robert Fisk, claramente crítico co goberno de Assad, resta veracidade a que o Goberno empregase armamento químico, e di que se Washington ataca a Siria vaise colocar do lado de Al Qaeda (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=173115 ) Os argumentos de Obama, para xustificar o ataque, só son críbeis polos incautos ou aqueles que están dispostos a tapar o nariz diante das agresións e destrucións que se realizan para estender a globalización neoliberal.

As razóns para o ataque son inaceptábeis, porque os USA fan de xuíz e parte, e temerarias, xa que un bombardeo causaría máis mortes e aumentaría o caos. Polo tanto, non é casual que a opinión pública dos Estados Unidos, Reino Unido e Francia, se amose totalmente contraria, e que o Parlamento británico votase en contra dunha intervención que non teña o aval da ONU. Washington só conta como socios para esta operación militar, coa Francia de Hollande, Turquía, Arabia Saudí, Catar, e pouco máis. Un país árabe de tanta importancia como Exipto declarouse en contra do ataque. Con tan pouco arroupe para a súa agresión, Obama opta agora por adiar a operación ate que o pleno do Congreso a avale, para asi rebaixar os danos na opinión pública interna. Coido que non vai dar marcha atrás, porque a agresión militar forma parte da estratexia actual do imperialismo hexemónico, para restar forza ás potencias emerxentes e esmagar os países que queren facer valer a súa soberanía. 

O acontecido evidencia que, malia que en aparencia outros países da OTAN (e por suposto as reaccionarias monarquías do Golfo) estaban máis comprometidas na guerra civil siria, Washington sempre estivo por detrás manexando os fíos, adestrando tropas e transferindo información (que é dun gran valor militar e político para mudar a correlación de forzas, aínda que neste caso non foi abondo). Unha  noticia recente certifica esta intromisión, nela se indica que dous batallóns, de 300 homes cada un, adestrados por norteamericanos e israelitas, comezaban a combater en Siria, (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/internacional/2013/08/24/rebeldes-sirios-formados-eeuu-israel-combaten-contra-asad/0003_201308G24P21991.htm ).

De se confirmar o emprego de armas químicas hai que ollar en primeiro lugar a quen beneficia a súa utilización, e todo sinala ás forzas de oposición.

De se confirmar o emprego de armas químicas hai que ollar en primeiro lugar a quen beneficia a súa utilización, e todo sinala ás forzas de oposición. Que o afectado fose un barrio de Damasco en mans da oposición armada é lóxico, xa que lle dá máis forza ao argumento da intervención humanitaria, e seguir mantendo o espellismo imperialista da democracia e os dereitos universais. Mais, mediron mal, e malia a intensa campaña mediatica, mesmo nos  países comprometidos co ataque non resultou críbel, especialmente cando a xente analiza o contexto e as consecuencias da inxerencia externa en Iraq, Afganistán, Libia, etc. Dá máis forza a esta hipótese o feito de que se constituirá un comité de enlace entre Washington e o Exercito Libre Sirio para analizar os escenarios posteriores aos bombardeos, o que indica que se van fixar os obxectivos segundo as necesidades da oposición armada, para virar a tendencia actual da guerra civil (http://internacional.elpais.com/internacional/2013/08/31/actualidad/1377973317_209153.html ). 

Todos os feitos obxectivos apuntan a que no acontecido non existe improvisación ou casualidade, senón que, fracasada a vía pola cal a oposición armada e os dez mil mercenarios pagados polas monarquías do Golfo debían derrotar a Assad, os Estados Unidos (e a OTAN) optaron por unha intervención directa no conflito. O resto son cortinas de fume e escenificacións mediáticas. Que Obama aposte tan forte é lóxico nunha potencia que non está disposta a compartir poder e riqueza co resto do mundo, xa que perder a guerra en Siria significa (desde a súa concepción imperial) perder unha hexemonía mundial que se basea na forza. Non é unha arroutada que os Estados Unidos pasen por riba dos organismos internacionais, senón a súa valoración do que eles representan e da consideración que fan do resto do mundo. Sen dúbida dende unha análise racional é unha actitude irresponsábel, desprezativa dos dereitos democráticos, e mesmo temeraria, porque coloca o mundo ao borde do precipicio (na confianza cega de que o seu poder causa un temor paralizante). 

O desenlace da guerra en Siria é importante para os gobernos e forzas antiimperialistas no mundo, e para as potencias emerxentes, mais tamén para as vellas potencias imperialistas.

O desenlace da guerra en Siria é importante para os gobernos e forzas antiimperialistas no mundo, e para as potencias emerxentes, mais tamén para as vellas potencias imperialistas, polo que ten un papel central neste intre. Iso non quere dicir que se teña que avalar, dende a esquerda e as organizacións progresistas, as políticas que o réxime sirio desenvolveu nas últimas décadas. Neste sentido a postura que mantén o Partido Comunista Sirio, rexeitando a oposición armada e pedindo reformas, semella ser a vía menos traumática e que permitiría obter maiores avances democráticos ao pobo sirio ( http://www.rebelion.org/noticia.php?id=173281 ). Tampouco se pode ignorar que máis unha vez, a socialdemocracia europea amosa o seu perfil máis reaccionario cando o tema en cuestión é a defensa do sistema e dos intereses imperiais. Neste conflito Hollande non marcou ningunha diferenza con Sarkozy, tampouco o PSOE en relación ao PP. 

Todo está disposto para a intervención directa dos Estados Unidos e os seus aliados na guerra civil siria, a mesma que dende hai anos alentan e fornecen de armas e mercenarios. Una decisión que pretende colocar á defensiva o Goberno e derrotalo nun curto prazo de tempo. Mais, por maiores que sexan os avances técnicos e o poder de Washington, as incerteza e interrogantes dunha operación deste tipo non desaparecen. Por exemplo ¿chegará este ataque para esmagar a Assad ou terminará estabilizando as frontes militares e alargando a guerra? ¿Beneficiará ao Exército Libre Sirio (ELS) ou será aproveitado por Nusra e Al Qaeda, para acrecentar o seu poder e hexemonía na oposición? E, non menos importante, ¿cal será a resposta do mundo se a destrución e o número de mortos civís termina sendo inmenso?

Non son poucos os analistas que consideran que o obxectivo final é debilitar a fracturar os países  que podan significar un atranco hoxe ou no futuro para as políticas dos USA (e neste caso concreto tamén para Israel). Por este motivo detrás de cada intervención deixa o caos, como en Somalia, Iraq, Afganistán e Libia. Só se salva deste caos todo o que está relacionado cos intereses das multinacionais e os xeoestratéxicos das potencias agresoras. É unha teoría que non se pode descartar, máxime cando o acontecido nos últimos conflitos danlle a razón.  

O tema curdo debe ter unha leitura especial, xa que nas áreas que controla no territorio sirio, este  pobo foi capaz de organizar o autogoberno

Por último, o tema curdo debe ter unha leitura especial, xa que nas áreas que controla no territorio sirio, este  pobo foi capaz de organizar o autogoberno, milicias e os servizos máis elementais, dende que as tropas do Goberno abandoaron a zona. Non é unha cuestion menor, malia que sexa só un 10% da poboación, porque as forzas curdas dominantes son de esquerda e laicas. Malia que intentaron manterse á marxe da guerra civil, os ataques sectarios por parte de Nusra e Al Qaeda obrigáronnos a confrontar coa oposición. Sen dúbida esta experiencia é problemática para Turquia, que ten un contencioso non resolto cos curdos, máxime cando as YPG (Unidades de Defensa do Pobo) son unha forza moi próxima ao PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán). É significativo que Rusia defenda que os curdos sirios participen con representacion propia nas futuras conversas de Xenebra-2, hoxe no ar pola actitude de Washington e o boicot da oposición armada. 

No ano 1994 estiven en Siria co gallo do Congreso Sindical Mundial da FSM (Federación Sindical Mundial). Ademais de Damasco visitei Timur (Palmira) para admirar as grandiosas ruinas da capital do Reino de Zenobia, destruído polos romanos. Abraioume en Damasco o “zoco”, ateigado de todo tipo de produtos, así como a evidente diversidade étnica, que se ollaba mesmo na variedade de vestimentas dos transeuntes: árabes, curdos, circasianos, armenios... Esta antiga sociedade, complexa, cun papel significativo na historia da humanidade, máis unha vez padece a inxerencia, mentres cinicamente os agresores falan de democracia, paz e dereitos humanos. 

http://manuelmera.blogaliza.org/