Viqueira, o nacionalismo de esquerda na Irmandade

O 29 de agosto de 1924, fai agora un século, morreu Xoán Vicente Viqueira “un mestre do galeguismo” segundo a Irmandade Galega de Bos Aires e outras entidades da colectividade, que tomaron a iniciativa (no ano 1969) de editar un libro sobre sobre seu pensamento (obra de Luis Veiga do Campo). É evidente que a decisión foi tomada en clave de futuro, sabendo que a construción nacional galega era unha tarefa permanente, e un proceso de acumulación, e que a historia, o relato, xogaba un papel importante.

As organizacións políticas xurdidas na última etapa do franquismo, mantiveron unha relación coas  da emigración e exilio a través das publicacións, como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, e editando libros e resolución políticas... A presenza de escasas persoas que no interior mantiñan unha militancia do período republicano tiñan unha actividade cinguida ao eido cultural que logo se plasmou en Galaxia. Sen dúbida, un salto cualitativo, foi o secuestro do Santa Maria, do que sería mentor e líder Xosé Velo. Tamén incidiu o contexto internacional: o fortalecemento da URSS, a Revolución China e de Cuba, e os procesos de liberación nacional en África e Asia. E, no caso concreto de Galiza e da UPG tivo ademais unha repercusión importante o proceso de liberación de Alxeria, Vietnam e as loitas pola soberanía nas colonias portuguesas en África.

Mais, hai que destacalo, polo grao de achegamento, de nexo co pasado, foi moi relevante o traballo que no eido da resistencia e da análise realizaron tanto a Irmandade Galega de Bos Aires como o Consello de Galiza (o governo galego no exilio). Estas organizacións que constituíron o piar da resistencia no exterior, nas que tiveron un gran papel entre outros, Castelao, Alonso Ríos, Suárez Pícallo... así como activistas que proviñan da Asociación Pondal. Ambas entidades foron as que tomaron a decisión de celebrar o día de Galiza Mártir, e de divulgar as análises e ideas daqueles galeguistas máis sobranceiros da etapa anterior. Este foi o caso de Xóan Viqueira (1886-1924) un dos impulsores e dirixentes das Irmandades da Fala cuxo pensamento deberiamos lembrar porque segue tendo moito valor, especialmente despois da caída da URSS.

No número 136 d'A Nosa Terra, voceiro daquela das Irmandades, do 15 de marzo de 1921, afirmábase: “Johán Viqueira, Risco, Cabanillas e Castelao son as columnas do movemento nazionalista galego. Son os homes representativos da cultura enxebre, que ten outro filosofo ó seu servizo: Losada Diéguez, i-un xurista: Banet Fontenla”. Viqueira morreu con só 37 anos, en 1924, mais o seu nome estaría presente posteriormente no galeguismo en repetidas ocasións como unha referencia, tal como se reflicte en publicacións como A Nosa Terra ou no Guieiro.

Xoán Vicente Viqueira destacou pola vinculación que fixo entre nacionalismo e socialismo, un tema polémico daquela e que segue a ser de actualidade, xa que a desigualdade social e explotación laboral non deixa de medrar, malia os grandes avances científico técnicos. Daquela Galiza era eminentemente rural, con formas precapitalistas de autoconsumo cuantitativamente maioritarias, aínda que o capitalismo xa fose hexemónico no ámbito da economía e do poder, o que amosa o avanzado da súa reflexión tanto no aspecto político como social.

Respecto da soberanía no apartado do libro que ten como título “Pensamentos”, propón a autonomía integral para Galiza, e concreta leis sociais que considera urxentes en relación cos labregos, obreiros, retiro de vellez, etc. O importante dos seus textos é que dá un papel fundamental á igualdade social, aos problemas cotiás da xente. Dinos Viqueira ao respecto: “Eis dous termos que non se poden contrapór: nacionalismo, socialismo. E máis: o segundo é probablemente un aspeito do primeiro. Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade ideial”

A súa postura non representaba as ideas hexemónicas nas Irmandades da Fala, que eran moi plurais ideoloxicamente, polo que as propostas sociais e a folla de ruta dependeron do momento. Cómpre lembrar que antes da Asemblea Nacionalista de Lugo un importante sector do tradicionalismo afastouse das Irmandades, polo que o Manifesto de 1918 tivo un claro carácter progresista. E aínda que o debate continuou, tanto na cuestión nacional como na social, entre a dereita e a esquerda do galeguismo (vexase a postura inicial diante da ditadura de Primo de Rivera), a tendencia progresista foise consolidando como hexemónica. Unha ligazón entre soberanía e xustiza social que o nacionalismo galego posterior á Guerra Civil asumiu como lóxica, tanto na Terra como na emigración e o exilio.