Unha xustiza clasista e inxusta

Dende a caída da ditadura franquista non se daba unha situación como a actual, na que se suceden as condenas de prisión contra traballadores e traballadoras por participar en piquetes informativos nas folgas. 

Dende a caída da ditadura franquista non se daba unha situación como a actual, na que se suceden as condenas de prisión contra traballadores e traballadoras por participar en piquetes informativos nas folgas. Todo reflicte que estas duras sentencias non son casuais e teñen un carácter exemplarizante, coa evidente finalidade de debilitar o movemento obreiro e evitar un avance anticapitalista, polo que iran a máis. É verdade que hai excepcións. Porén, cada vez é máis normal que a fiscalía pida a máxima condena, que como proba de culpabilidade abonde coa declaración policial malia que non se poda identificar con total certeza o denunciado/da, e que os xuíces/as opten por unha dura sentencia. 

"O poder xudicial compórtase polo xeral como un instrumento máis ao servizo das clases dominantes para exercer o control e disciplinar as clases populares".

Agora ben, para alén das excepcións meritorias, que as hai, o poder xudicial compórtase polo xeral como un instrumento máis ao servizo das clases dominantes para exercer o control e disciplinar as clases populares. Dirase, como escusa, que este aumento da presión sobre os de abaixo débese ás reformas lexislativas que endurecen o control e as penas contra a protesta social e moi especialmente a laboral. Mais non se pode ignorar, que despois son fiscais e xuíces/as os que piden a condena máxima que admite cada caso concreto. As responsabilidades son compartidas entre os poderes executivo e lexislativo e o xudicial, mais é este último o que toma a decisión definitiva e decide se existe ou non responsabilidade e o que aplica de xeito inflexíbel as máximas penas. En cantas oportunidades é condenado un empresario por acoso sindical, laboral e de xénero na empresa, ou por defraudar as cotizacións sociais e non pagar todas as horas traballadas, malia seren prácticas delituosas normais da patronal? Quen coñece a un empresario/a condenado a prisión por estas razóns?...

Son un salto cualitativo as condenas a tres anos e un día de prisión a dous traballadores (Carlos e Serafín), porque seica guindaron pedras durante a folga do transporte do ano 2007, e a dúas traballadoras das instalacións deportivas de Pontevedra (Tamara e Ana) xa que seica empurraron o xerente e botaron pintura nunha piscina olímpica durante a folga na que pedían un convenio do sector, no ano 2010. No primeiro caso fixéronse unha morea de manifestacións e actos pedindo o indulto, que conta co apoio do fiscal xeral, mais que rexeita o da provincia de Pontevedra. No segundo caso, o xulgado impúxolle ás traballadoras unha multa e unha condena de seis meses, polo que non cumprirían prisión, mais o fiscal de Pontevedra recorreu co obxectivo de conseguir unha condena maior. A Audiencia impúxolles unha pena de tres anos e un día a cada unha, polo que deberían ingresar no cárcere, malia non teren antecedentes. 

Hai quen, inocentemente, pode pensar que a xustiza cumpre con efectividade e imparcialidade o seu cometido, porque neste intre está a facer unha labor moi meritoria no referente á corrupción, e sen dúbida era necesario e é moi positivo que se persigan os cargos políticos que se apropian de cartos públicos ou que benefician a persoas próximas. Agora ben, resulta sospeitoso que non se fixese antes coa mesma dilixencia, que os focos se coloquen exclusivamente sobre os cargos políticos cando están igual de comprometidos moitos empresarios/as (que ademais foron indutores), e que exista unha vara de medir distinta cando os afectados son as grandes fortunas ou dirixentes das corporacións bancarias, da enerxía, ou  a monarquía. En realidade existe, como no antigo réxime, un sistema dual, que só funciona cando o demandante e o demandado son do mesmo estamento, por este motivo está na cadea o ex-presidente da patronal, Gerardo Díaz Ferran, porque roubou a outros capitalistas. Cando atinxe a cuestión de clase ou que afectan o aspecto nacional, o sistema xudicial perde a venda dos ollos. 

"É lóxico que a sospeita de parcialidade na aplicación da xustiza estea moi estendida na sociedade, especialmente entre as clases populares, cando roubos tan descarados como o das preferentes fican na impunidade"

É lóxico que a sospeita de parcialidade na aplicación da xustiza estea moi estendida na sociedade, especialmente entre as clases populares, cando roubos tan descarados como o das preferentes fican na impunidade, por poñer só un exemplo. Ademais, é moita casualidade que xusto no momento no que as clases dominantes queren desviar a responsabilidade da crise, socializar as perdas nas corporacións e xustificar o enorme aumento nos lucros empresariais e na Bolsa, agromen de súpeto todos os corruptos políticos (por certo na práctica totalidade, membros dos partidos sistémicos, PP e PSOE). Mesmo ficaron nun segundo plano a fraude fiscal, a droga, a prostitución, o tráfico de persoas, etc., ou sexa, a economía delituosa que, como todos sabemos, foi a máis neste período. 

Outro aspecto encol do que quero chamar a atención é que, mentres nos casos de corrupción política dáselle moita publicidade a quen son os fiscais e xuíces/as que levan o caso, (tamén no dos accidentes), cando se trata de xuízos que atinxen a traballadoras e traballadores atopámonos co anonimato. Acaso teñen vergoña ou séntense responsábeis de ter feito algo mal? Só estes poderían ser os motivos para agochar a súa identidade, porque é moi evidente que a súa persoa non correría perigo ningún, a menos que se considere que a clase traballadora está formada por delincuentes. Tamén pode existir outra razón, que se pense que a sociedade olla estas sentencias como inxustas, e que se agochen para evitar o desprestixio social. 

Cómpre unha reforma tanto da lexislación en vigor como da propia elección dos organismos de dirección do sistema xudicial, que deben responder á vontade popular e non a grupos de poder ou profesionais. Hoxe, a realidade amosa con moita frecuencia que, ao final, a xustiza remata converténdose nun poder fáctico, con intereses e obxectivos propios e asociados ás clases dominantes, como parte da estrutura do Estado, e non en correctora das arbitrariedades.  

http://manuelmera.blogaliza.org/