Algo que aprender da esquerda española

Os escritores e os pintores aprenden moito lendo libros ou vendo cadros malos. Os defectos aparecen por enteiro á vista. O artista aprende así a distinguilos rapidamente. 

Algo parecido sucede na política. A esquerda, xurdida do 15-M, modernizou certos discursos anquilosados, introduciu os usos diarios no discurso (o bebé no colo da deputada) e avisou de que unha nova xeración quería ocupar xa o seu espazo. 

O BNG non sería o que hoxe é se non estivese atento a esa lección. E pódese dicir que conseguiu incorporala, serodiamente pero con acerto, á súa teoría e á súa práctica. Hoxe, o que vemos, non obstante, son os erros desa esquerda que estivo a punto de desbordar o PSOE. Tamén se pode aprender moito de aí.

En primeiro lugar, a disolución da militancia tradicional nun activismo ventureiro e telemático pode que fose conforme aos tempos, pero non resultou unha fortaleza, senón unha debilidade: tempos líquidos, para unha política demasiado volúbel e de pouca resistencia.

En segundo lugar, a importancia outorgada aos medios de comunicación perdeu de vista que, tan importante como saír, é pensar para que se sae. Dito doutra maneira, o que gaña ao final é o que consegue impor a súa axenda e non o que resulta máis locuaz. E, finalmente, se os medios non son próximos nin neutrais, acabarás á súa mercé. Quen te sube, tamén te baixa. (Certo que é difícil manterse na liña fronteiriza, como o xogador de balonmán que, en ataque, debe incrustarse na defensa contraria e aguantar os golpes, en espera da súa oportunidade).

En terceiro lugar, a política real faise sobre o territorio. A esquerda nacida do 15-M segue a ser un campo de lucimento teórico e de golpes de efecto continuos que a fan sentirse viva, pero poucas veces contemplou os problemas reais. Se estivésemos falando de historia, diríamos que case nunca cita fontes de primeira man.

Esa esquerda non soubo ver que Teruel existe, que en España se vota por provincias e que non todo é Madrid e Barcelona. Fala dos barrios, pero os círculos de Podemos case sempre parecen sentirse un chanzo por riba intelectualmente dos propios veciños.

Por último, parece evidente que este desprendemento do real, esta política coqueta, incisiva pero xenérica e por veces demasiado abstracta, unha vez que perde o poder, non podía ofrecer máis que disputas bizantinas e enfrontamentos en carne viva. Sen unha base social que lle sirva de espello, sen un público tanxíbel, o político e o artista vólvense turbios. 

A virtude do BNG foi manter os seus acertos tradicionais. Seguir falando da pesca, mobilizarse en apoio da Ulloa ou estar á porta dos centros de saúde. Soubo evitar que coa auga lixosa marchase tamén o neno.

Que pasará a partir de agora? Erri de Luca, bo escritor e ex militante da ultra esquerda italiana, escribiu que hai momentos nos que a vida se acelera. 
Como se compatibiliza unha militancia menos entregada coa esixencia dos tempos? Como ver claro, cando todo cambia e boa parte da información só axuda a confundir?