Opinión

Dez libros para ler en agosto

Recomendarei hoxe dez libros, que ben poderían ser moitos máis, coa única característica común de seren de autores estranxeiros, traducidos ao galego. O criterio da escolla é simplemente o gusto persoal. Penso que todos, a pesar da antigüidade dalgúns, conservan unha vivacidade que os fai perfectamente aptos para o noso tempo.

Comezo polo enciclopedista Denis Diderot e a súa novela Xácome o fatalista (Galaxia, 2021). Un exemplo de humor e amenidade, sen a rixidez que caracterizaría a narrativa no século seguinte. A tradución é de Darío Xohán Cabana.

A educación sentimental, de Gustave Flaubert, foi editado en 2022, por Hugin e Munin, en tradución de Isabel Soto. As obras do XIX sempre deixan a impresión de que nos ofrecen o mundo ao completo.

Os relatos de Dublineses, de James Joyce (Galaxia, 2022), foron traducidos por María Alonso Seisdedos. O ambiente e os carácteres descritos resúltanos próximos. O Dublín da época aínda era moi rural.

A arañeira describe a emerxencia do fascismo. Joseph Roth adiantouse a todos. Irmáns Cartoné editouna en 2021, en tradución de David A. Álvarez.

A mesma editorial tamén nos ofrecera, en 2019, David Golder, da sempre brillante Irène Némirovsky. O protagonista é un banqueiro con negocios no petróleo. Unha lectura tamén actual. A tradución é de Celia Recarey. 

Istambul, as lembranzas e a cidade é unha entrañábel narración de Orhan Pamuk sobre esta encantadora e ben antiga capital. Editada por Galaxia en 2008, en tradución de Bartug Aykan e Lara Domínguez Araujo.

Rinoceronte publicou en 2011 Saudades de Kissinger, do israelí (con perdón) Etgar Keret. Unha colección de relatos amenos, sen grandes profundidades, pero orixinais. Tradución de Moncho Iglesias Míguez.

E non me resisto a incluír O deserto dos tártaros, de Dino Buzzati, aínda que creo que non hai tradución máis recente que a que lle fixo Xavier R. Baixeras, en 1991, para aquela espléndida colección de Xerais, Grandes do noso tempo.

Xa nos achegamos ao final cun volume de Caryl Churchill, que inclúe catro pezas dramáticas: O sétimo ceo, Mozas de primeira, Lonxe e De serie, publicadas por Galaxia, en colaboración coa Xunta, en 2010. A tradución é de Manuel F. Vieites García.

E de remate, un poemario de Louise Glück, Noite fiel e virtuosa, traducido por Samuel Solleiro e publicado por Chan da Pólvora en 2021. Unha lírica que lembra a prosa e que se sitúa case sempre no cotiá, pero que é capaz de elevarnos sutilmente.

Agora hai que preguntarse por que, habendo tan boas traducións, teñen tan escasa acollida, mesmo entre o público que le con certa frecuencia en galego. Un dos motivos é o de que están pouco publicitadas. Os principais diarios galegos, por exemplo, adoitan esquecerse delas. Pero tamén coido que existe un certo complexo ao respecto, por parte dos lectores. Algo así como  pensar que o galego está ben para o noso, pero que o estranxeiro, o prestixioso, debe ser en castelán. Un erro e unha eiva que cumpriría ir deixando atrás. A oferta é ampla. 

Comentarios