Existe aínda unha cultura europea?

Veñen eleccións ao Parlamento europeo. A UE está inmersa en moitos debates. Por exemplo, no de se debe crear un exército propio. Pero eu quero facer outra pregunta: existe hoxe un imaxinario europeo? É dicir, a cultura que recibimos, esa creación que moldea os nosos soños, pode chamarse europea?

A resposta sería afirmativa se nos referimos á nosa trama cultural histórica, que vai desde os gregos, até digamos Kant ou Freud, pasando polo cristianismo. Pero, o noso imaxinario actual, contemporáneo, pode seguir chamándose europeo? A resposta, neste caso, tende a ser negativa. 

Até os anos oitenta do século pasado, os cidadáns continentais recibían a influencia, unha influencia poderosa e con forte prestixio, do cine italiano, dos pensadores franceses, da música británica e da literatura en castelán, filtrada en Europa, aínda que tivese a súa orixe en América Latina. Falo, claro está, do boom.

Daquela, o cine máis comercial era xa norteamericano, pero moitas das películas de referencia eran italianas. Italia contaba con recoñecidos directores como Visconti, Fellini, Antonioni, Bertolucci ou Pasolini. En francés escribían os pensadores, non só máis importantes, senón os que estaban de moda. De Foucault, a Lévi-Strauss, pasando por Barthes, Althusser ou Simone de Beauvoir. Ollo: Francia e Italia, países ambos onde o Partido Comunista era o principal opositor e mantiña unha grande influencia. A arte podía non ser militante, pero aproveitaba ese caldo de cultivo.

A cultura europea podía divertir, pero tamén daba profundidade á vida. A música inglesa influíu decisivamente na moda e, por exemplo no Estado español, foi importante para que a mocidade rompese cos costumes máis ríxidos da época.
Autores como García Márquez ou Vargas Llosa trasladáronse a vivir a Barcelona ou París. Foron editores e promotores europeos os que colaboraron na súa ampla difusión. A súa maneira de escribir abriu a imaxinación do público, e non só dos que lían no español orixinal.

Que queda hoxe de todo iso? En Europa segue habendo bos artistas, pero carecen do ambiente apropiado para desenvolverse. As plataformas para ver series, o cine e a música, proceden, case baixo forma monopolística, dos Estados Unidos. En literatura, quédanos o Nobel, que segue a ser unha referencia.

Incluso a nosa historia recente está a diluírse. Quen lembra hoxe a Fellini? Si recordamos, en cambio, todos os días, os clásicos do cine norteamericano. Os medios dixitais lembran de diversas formas, escenas, secuencias, imaxes dos actores e actrices a través do tempo. Son os nosos mitos. 

A ignorancia do marxismo como un dos métodos de análise social, a mercantilización da vida, o consumismo fetichista no que viven as xeracións máis novas, provén dese –nunca máis apropiada a expresión– "lavado de cerebro" das últimas décadas.
Non sei que opinarán os deputados europeos, de dereitas ou de esquerdas. Porque, a fin de contas, todos somos europeos. Ou xa non? Significará algo ser europeo dentro duns anos?