O medo, o BNG e o arcanxo san Gabriel
Pouco se ten escrito sobre o medo como motor da historia. “Non hai peor fascista que un liberal asustado”, díxome un día un dirixente arxentino, falando dos desaparecidos. O medo crea tamén resistencias numantinas, crea heroes, pero, a maior parte das veces, fainos covardes.
Claro que non é algo que guste recoñecer, por iso en moitos casos intentamos disimular ese medo que nos inmobiliza con proclamas elevadas, como o can pequeno que vai ladrando máis alto, ao mesmo tempo que retrocede.
A ocupación do espazo do BNG por parte das Mareas alterou algunhas perspectivas. A dos que pretenden chamar na súa porta, aínda sabendo que serán rexeitados ou que terán que renunciar o seu discurso, e a dos que repiten a definición de “nacionalismo”, coa mesma paixón que rezaban os primeiros cristiáns antes de ser arroxados aos leóns.
Pero definirse non é actuar. A sobredose de ideoloxía autoafirmativa acostuma a disimular a ausencia de propostas.
Permítaseme un vello conto: Un home cae por un barranco, pero logra agarrarse a unha póla. Desde ela, co abismo aos pés, pregunta a voces, mirando cara arriba: “Hai alguén aí?”, “Hai alguén aí?”. Ao principio, ninguén contesta, pero despois ábrense os ceos e escoitase unha voz: “Tranquilo, son Deus. Agora mesmo che envío o arcanxo san Gabriel, que te recollerá”. O home, despois de escoitar respectuosamente, responde: “Vale, pero hai alguén máis?”.
Dá a impresión de que o medo ás Mareas, e á forza de atracción que teñen nestes momentos, está dando lugar a que o BNG se peche aínda máis sobre si mesmo
O nacionalismo ofrécelle á poboación o arcanxo soberanista, pero os galegos piden algo máis verosímil.
Dá a impresión de que o medo ás Mareas, e á forza de atracción que teñen nestes momentos, está dando lugar a que o BNG se peche aínda máis sobre si mesmo, non acometa as súas propias tarefas e non se refunde de verdade.
Pero, permanecer no mundo celestial das definicións ideolóxicas non é unha alternativa. Fai falta algo máis, moito máis.
Por sorte, conforta un pouco lembrar que o V, e último, Plenario da AN-PG, a pesar de ter aprobado algunhas teses bastante inmobilistas, abriulle as portas á Asemblea de Riazor.
Post-Datas: Cando a nova portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fala de refundación ten un grave problema de credibilidade. Algo deberá facer ao respecto.
A última asemblea nacional foi moi clara, pero tamén a menos concorrida en anos. Algúns parece que votaron non asistindo.
Un amigo dime: O BNG segue tendo unha maquinaria perfectamente engraxada, coas súas convocatorias, eleccións internas... Si, pero ao servizo de que? Pregunto. Neste momento, carece de narrativa, de folla de ruta.