Poderá o PP impoñer o proxecto de Altri?

En 1963, Franco inauguraba a Celulosa de Pontevedra. En 1975, frustráronse varios proxectos, sobre todo na provincia de Ourense, debido case sempre á oposición dos veciños. En 1976, unha manifestación contra a prevista celulosa de Quiroga acabou con varias multas, unha delas ao poeta Manuel María. En 1977 e 1979 celebráronse tamén senllas marchas contra a nuclear de Xove, que tampouco se chegou a instalar.

A conciencia medioambiental non é nova en Galiza. Despois da de Pontevedra, non foi posíbel montar máis fábricas de pasta de papel. Protestas parecidas suceden, desde hai décadas, en toda Europa, que tende a exportar os danos ecolóxicos e a importar materias primas, creando deste modo un circuíto de desenvolvemento desigual.

Con estes antecedentes, resulta estraño que o PP intente impoñer un proxecto tan polémico como o de Altri. Ao seu favor conta coa recente maioría absoluta que os dirixentes da dereita tenden a interpretar, case sempre, como unha "carta branca". Por outro lado, Altri, igual que a manchea de parques eólicos concedidos a empresas foráneas, levanta de novo as sospeitas de financiamento ilegal. Que a Conselleira de Medio Ambiente de Feixoo, Beatriz Mato, pasase a formar parte do consello de administración de Greenalia non fai máis que apuntalar este tipo de argumentacións. 

En contrapartida, non todas as bases municipais do PP están a favor da celulosa, como se pode ver na comarca da Ulloa, a máis directamente afectada. Aínda que o problema principal que pode ter que afrontar Altri é o das axudas europeas, imprescindíbeis para que o proxecto sexa rendíbel. A UE ten a día de hoxe un activo regulamento de medio ambiente e a oposición veciñal podería moi ben botar atrás ese apoio. Unha razón máis, dito sexa de paso, para sumarse á candidatura de Ana Miranda nas próximas eleccións.

Altri e a Xunta parecen moi conscientes, con todo, das dúbidas que creou o proxecto, como se pode ver tanto polo volume de publicidade que veñen mobilizando, como pola cancelación informativa dos críticos, implantada tanto polos medios institucionais como pola maioría dos concertados.

O tándem Rueda, Escotet, La Voz de Galicia, mostrou xa o seu apoio decidido ao proxecto, decisión porén non exenta de riscos. A gran banca está a presentar Opas contra as entidades máis pequenas e Abanca podería ser unha peza atractiva. Nese sentido, unha perda de clientes, froito dunha estratexia equivocada como a de Altri, restaríalle valor no mercado. A prensa convencional, pola súa parte, perde lectores de modo constante desde hai anos. Unha postura demasiado inclinada ao interese particular acelerará, sen dúbida, este proceso. 

Altri conta ademais co apoio do lobby ao que pertence Xosé Blanco, o ex ministro socialista. Nesta conxuntura, a macro celulosa pode provocar unha divisoria de augas na que Besteiro, e o propio PSdeG, acaben por naufragar. A postura de "esperar a ver que din os técnicos" resulta non equidistante, senón algo peor: pouco verosímil.