Prefiro condenarme

É mes das setembreiras, as miñas flores da vendima, elas recíbennos na entrada do Concerto no Xardín 2024, no lugar de Lamiño en Brión, do grupo Capela Compostelana, que nos agasallou cun serán de música de Bach antes de Bach, con composicións de M. Marais, J. M. Nicolai, G. Finger e D. Buxtehude. Pensei moito en ti, LV, no poemario Música reservada, na deconstrución da música na túa poesía; lamentei moito non ter un exemplar do libro, para deixar no xardín. Quen se conmove coa viola de gamba, ben merece dialogar contigo.

Do comezo do curso só che quero contar do sorriso do alumnado, do seu andare cargados de verán, da felicidade dos primeiros días, que ti tan ben coñeces, que se renova cada setembro, como as flores da vendima fulgurantes e fermosas. Paso, LV, da pouca atención que a sociedade, en xeral, lle presta á educación.

Quero volver a un tema do que falamos varias veces e que acompañou as nosas conversas na década dos noventa, en que se deu un diálogo entre todas as poetas que escribían daquela, desde as que publicaran no franquismo, como Luz Pozo ou Pura Vázquez, até as máis novas como Emma Couceiro ou Olga Novo. Sabías do meu interese na poesía de Margarita Ledo Andión, da miña insistencia en que debía de reeditarse, pasado o tempo, sigo pensando o mesmo. Falaramos do seu filme, Santa liberdade, xa non soubeches dos outros e daríannos para conversas, ese seu diálogo coa memoria, que lle sae do corpo e converte en corpo, co que nos ofrece A cicatriz branca ou Nación; memoria e terra para que lle deamos a man ao Manuel María. Falariamos moito, LV, da poesía que o envolve todo como a auga que lava a mazá nese rego comunal, que é o seu cine. Invetigacións pioneiras e cine roubáronlle o tempo á poeta escribidora de poemas, á narradora de Mama-Fé ou de Trasalba ou Violeta e o militar morto. Estamos de sorte, a Editora Chan da Pólvora, que poderá presumir de catálogo, puxo no mercado Prefiro condenarme, un libro que reúne poemas da autora, co mesmo título ca o do seu novo filme que agardamos; poemas inéditos escritos aos seus 19 anos e outros máis recentes. Textos, LV, que me fan pensar moito na importancia que teñen as vivencias para que unha obra nos atrape como lectoras; para min Margarita Ledo é na escrita como esa irmá maior que non teño, pola súa obra transita a miña vida: deseñadora e responsábel da maqueta da revista Festa da palabra, é a poeta primeira da Festa da Poesía do Condado, directora de A Nosa Terra, exiliada en Portugal, abriunos camiño para a amizade con Viale Moutinho, regaloume a historia do barco en que miña nai regresou de Caracas e a das moitas mulleres que traballaban na louza ou foron mans en Arxentina. M. Ledo, ao seu xeito, tamén me achegou a Otero Pedrayo. Eu sigo agardando pola súa obra poética completa, poesía inconfundíbel que rachou con todo.

Este libro emocióname desde o prefacio, desde a teorización do uso da lingua como revolta e do corpo como arquivo, documento. Esgazou a gorxa para falar e salvou(se)nos. Si, as súas palabras balas, son discurso contundente sempre. As dedicatorias afecto compartido, desde M. 

Marçal a Win Wenders, desde Duras a Horta. A súa loita é popular tamén en guaraní. Sabe coma min do quiosco das Almas Perdidas. A condena en todo un proceso de liberación, é un premio. Preferiu condenarse e darlle voz ao desexo.